Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSOE de Ribeira denuncia a falta de propostas por parte do goberno municipal tras un ano da moción de censura

  • Fran Suárez-Puerta considera que as últimas declaracións realizadas pola alcaldesa son unha mostra da inactividade da xestión do concello

O PSOE de Ribeira afirma que a alcaldesa, coincidindo co primeiro aniversario da moción de censura, segue sen ofrecer solucións á fronte da alcaldía en forma de proxectos realizados e compromisos cumpridos. Segundo o voceiro socialista Fran Suárez-Puerta, “non se pode pretender gobernar eternamente mirando polo retrovisor, responsabilizando de todo aos que estaban antes e presentando como solucións o que non pasa de ser unha declaración de intencións”.

O PSdeG-PSOE pon como exemplo de inacción a xestión da residencia pública de maiores, un proxecto que contaba cunha localización en As Saíñas e que o actual goberno decidiu finalmente trasladar a San Roque. Neste sentido, Suárez-Puerta amosa a súa preocupación sobre as obras do centro pendentes de realizar para as que non existe aínda data concreta de inicio.

Ademais, o socialista recorda o último pleno extraordinario celebrado sobre a residencia, solicitado polos grupos da oposición, no que non existiu unha comunicación fluída: “Resulta curioso que quen presume de diálogo sexa precisamente quen dificulta o debate cando as preguntas non lle gustan. Pedir documentación, esixir que se cumpran os compromisos e reclamar respostas é facer o noso traballo, aínda que á alcaldesa lle resulte incómodo”, afirma Suárez-Puerta.

Para o edil socialista, o goberno de Ribeira debe rendir contas á veciñanza con responsabilidade ofrecendo solucións e materializalas, ademais de explicalas antes, documentalas e abrilas ao debate público.

O PSOE local reitera que continuará traballando por Ribeira, formulando propostas, fiscalizando a acción do goberno e defendendo os intereses da veciñanza con independencia de quen ocupe a alcaldía. “Nós demostramos que o noso compromiso non depende dun sillón. A Sampedro e ao seu goberno non lles queda moito tempo para demostrar o que son capaces de facer, pero que non pretendan confundir aos veciños: gobernar non é facer posados anunciando solucións, gobernar é executalas”, conclúe Francisco Suárez-Puerta.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes