Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSdeG reclama en Ferrol a modernización urxente do ferrocarril coa Coruña e comprométese a manter esta reivindicación

  • Os socialistas participaron hoxe na concentración convocada polo Foro Cidadán polo Ferrocarril onde reclamaron que se aceleren as actuacións necesarias para mellorar unha conexión que consideran unha débeda histórica coa comarca

O PSdeG-PSOE participou este sábado na concentración en defensa do ferrocarril convocada polo Foro Cidadán polo Ferrocarril diante da estación de Ferrol, onde reiterou o seu compromiso coa modernización da conexión ferroviaria entre Ferrol e A Coruña e reclamou que se axilicen as actuacións necesarias para dar resposta a unha demanda histórica da cidade e das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal.

Na mobilización participaron Julián Reina, candidato número dous ao Congreso; Aitor Bouza, deputado autonómico; Rosa Ana García, deputada provincial responsable das áreas de Industria, Emprego, Política Demográfica e Medio Ambiente; e Ángel Mato, voceiro socialista en Ferrol, xunto con outros representantes públicos e orgánicos do PSdeG.

Os socialistas defenderon a necesidade de avanzar cara a unha conexión ferroviaria moderna, eficiente e adaptada ás necesidades de mobilidade da cidadanía, que permita mellorar as comunicacións da comarca e reforzar as súas oportunidades de desenvolvemento económico e social.

“Estamos aquí, como non podía ser doutra maneira, apoiando unha reivindicación que levamos defendendo desde hai moitísimo tempo. Existe unha débeda histórica coa conexión ferroviaria entre Ferrol e A Coruña e non imos renunciar a que se resolva”, sinalou Julián Reina.

Neste sentido, o PSdeG insistiu en que a modernización da liña debe ser unha prioridade e reclamou que as demandas trasladadas pola cidadanía se traduzan en actuacións concretas o antes posible.

“O que queremos é que estas reivindicacións se materialicen canto antes. Cando hai unha demanda xusta para Ferrol, os socialistas mantemos a nosa posición e seguimos traballando para conseguila, goberne quen goberne”, subliñaron.

Durante a concentración, os socialistas tamén fixeron referencia ás reivindicacións relacionadas co transporte público por estrada e cuestionaron a actitude dos representantes do Partido Popular.

Segundo denunciaron, o PP apartouse da reivindicación cando se abordou a situación das comunicacións por estrada, unha actitude que os socialistas contrapuxeron ao seu compromiso de defender as necesidades de mobilidade da comarca.

“Hoxe vimos como, cando xurdiu nesta manifestación unha reivindicación sobre o transporte público por estrada, o Partido Popular decidiu apartarse. Iso é algo que nós non imos facer nunca. Para os socialistas, Ferrol e as súas necesidades teñen que estar sempre por diante”, afirmaron.

O PSdeG reiterou que a mellora das comunicacións debe abordarse desde unha perspectiva integral, atendendo tanto á modernización ferroviaria como ás necesidades de transporte público dos municipios da comarca.

Finalmente, os socialistas insistiron en que seguirán defendendo esta reivindicación nas institucións para conseguir unha conexión ferroviaria adaptada ás necesidades actuais da cidadanía.

“Seguiremos traballando para conseguir a modernización do tren entre Ferrol e A Coruña, porque é unha infraestrutura imprescindible para o futuro da nosa comarca e non imos renunciar a ela”, concluíron.


Julián Reina – Ferrol ferrocarril – nov26
Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes