Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSdeG reclama á Xunta máis profesionais e a recuperación do servizo de tarde no centro de saúde de Ordes

A voceira do PSdeG en Ordes, Noelia Rivadas denuncia que a atención sanitaria no municipio está “moitísimo máis limitada” e reclama tamén un pediatra de garda, melloras na sala de fisioterapia, unha sala de raios X con persoal propio e a climatización do centro

O deputado do PSdeG no Parlamento de Galicia, Aitor Bouza, anuncia que o Grupo Parlamentario Socialista canalizará estas reivindicacións para instar á Xunta a escoitar ás veciñas e veciños de Ordes.

O PSdeG-PSOE levará ao Parlamento de Galicia as principais demandas da veciñanza de Ordes en materia sanitaria, co obxectivo de esixir á Xunta que incremente os recursos humanos e materiais do Centro de Saúde e garanta unha atención pública de calidade no municipio.

A voceira socialista no Concello de Ordes, Noelia Rivadas, explica que entre as principais reivindicacións se atopa a recuperación do servizo de tarde e o aumento do persoal sanitario. “Precisamos recuperar o servizo de tarde e aumentar o persoal do centro de Saúde. Chegamos a ter dous profesionais de medicina e dous de enfermería. Hoxe temos unha atención moito máis limitada”, denuncia.

Rivadas reclama tamén a incorporación dun pediatra de garda para o Punto de Atención Continuada, así como melloras nas condicións da sala de fisioterapia e a creación dunha sala de raios X con persoal propio. Neste último caso, sinala que actualmente o municipio “depende dunha unidade móbil que só permite realizar actividade programada”.

Entre as demandas trasladadas polo Grupo Municipal Socialista atópanse tamén a necesaria construción do heliporto e a instalación dun sistema de climatización adecuado no Centro de Saúde. A voceira socialista lembra que durante o pasado verán “as instalacións chegaron a alcanzar case os corenta graos”, poñendo de manifesto a necesidade de adaptar as infraestruturas sanitarias ás elevadas temperaturas.

Pola súa banda, o deputado do PSdeG no Parlamento de Galicia, Aitor Bouza, anuncia que o Grupo Parlamentario Socialista canalizará estas reivindicacións a través de iniciativas parlamentarias para reclamar á Xunta que “escoite as demandas de todas as súas veciñas e veciños de Ordes”.

Bouza lembra que as necesidades do municipio non se limitan ás condicións das instalacións durante o verán, senón que a veciñanza leva tempo reclamando “un aumento dos profesionais sanitarios e tamén que se recupere esa hora de tarde, esas atencións tan importantes en horario de tarde a todos os seus veciños e veciñas da localidade”.

O deputado socialista destaca o traballo desenvolvido polo Grupo Municipal Socialista de Ordes e asegura que “levaremos e canalizaremos todas esas reivindicacións e instaremos, como non pode ser doutra maneira, á Consellería a actuar”.

Bouza reclama ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que “non deixe a todas as veciñas e os veciños de Ordes sen unha atención pública de calidade” e defende a necesidade de contar cos profesionais suficientes e cunhas infraestruturas sanitarias acordes ás necesidades da poboación.

“Todo iso elevaremos ao Parlamento escoitando todas estas reclamacións, todas estas esixencias que fagan os galegos e galegas que viven en Ordes”, sinala o deputado, que reivindica que “non pode haber galegos de primeira e de segunda para a Xunta de Galicia”.

Dende o PSdeG consideran que as demandas trasladadas pola veciñanza de Ordes deben recibir unha resposta inmediata por parte da Xunta e reclaman ao Goberno galego que incremente os recursos destinados ao municipio para garantir unha atención sanitaria pública, próxima e de calidade.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes