O PSdeG esíxelle a Rueda que dea marcha atrás no peche do Centro de Saúde de Val do Dubra os sábados pola mañá
- O alcalde socialista Diego Díaz e o deputado autonómico Aitor Bouza traballaron conxuntamente para levar esta reivindicación ao Parlamento de Galicia
O PSdeG esíxelle á Xunta de Galicia que dea marcha atrás na súa decisión de pechar o Centro de Saúde de Val do Dubra os sábados pola mañá, e levará esta reivindicación ao Parlamento galego.
“Dende o Partido Socialista de Val do Dubra, consideramos necesario formular esta cuestión ante o Parlamento, reivindicando que a Xunta e o Sergas reconsideren a súa decisión do peche do centro os sábados pola mañá, xa que supón unha merma máis dos servizos que se ofrecen á nosa veciñanza”, sinala o alcalde socialista Diego Díaz.
“Entendemos que é necesario amosar vontade por parte da administración autonómica encargada deste servizo, xunto cco acordo dos profesionais sanitarios, de poder acadar as condicións necesarias para que o servizo luis poida seguir prestándose”, engade.
Pola súa banda, o deputado Aitor Bouza anunciou que levará ao Parlamento “a reclamación que se está facendo por parte dos veciños e veciñas de Val do Dubra, conxuntamente, como sempre así facemos, co seu alcalde, que representa a todos eles e que evidentemente se preocupa porque os dereitos fundamentais, como neste caso é a sanidade, non vaian cara atrás”.
O socialista salientou que o obxectivo do partido con esta iniciativa é “que un servizo tan importante, tan necesario e tan fundamental como a sanidade non se afaste das persoas, que precisan acudir ao seu centro de saúde un sábado pola mañá como ata agora”, evitando que “teñan que desprazarse a outra localidade para poder ser atendidos por un médico, unha médica”. “Os dereitos fundamentais deféndense”, afirma Bouza, que engade que “a sanidade pública precisa recursos humanos, materiais e tamén organizativos”. “Seguiremos reivindicando tamén todos os dereitos das persoas no ámbito sanitario, e así o levaremos ao Parlamento”, salienta, para evitar unha medida que, consideramos, vai absolutamente en contra das persoas”.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS