Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSdeG-PSOE esixe á Xunta solucións urxentes para o PAC da Laracha

  • A voceira socialista Inés Ramos levou ao pleno municipal unha moción para instar a corrixir os déficits de material, equipamentos e condicións laborais no servizo de urxencias, pero foi rexeitada polo PP
  • O grupo socialista presentou tamén unha moción para aumentar a prevención de incendios, especialmente na parroquia de Caión, que resultou tamén rexeitada polo grupo popular

O Grupo Municipal Socialista da Laracha, encabezado pola súa voceira Inés Ramos López, presentou ante o pleno do concello celebrado onte unha moción para esixir á Xunta de Galicia e ao Sergas melloras inmediatas no PAC da Laracha.

Para a portavoz socialista, este servizo de urxencias “arrastra graves carencias materiais e laborais que poñen en risco a calidade da atención sanitaria da cidadanía”. Porén, a moción foi rexeitada cos votos do Partido Popular da Laracha.

A moción denunciaba que a aplicación unilateral do Decreto do 27 de abril de 2026 da Consellería de Sanidade impuxo unha reforma organizativa “sen ningún diálogo coa plantilla, xerando unha sobrecarga de gardas entre uns profesionais xa esgotados e unha xestión de quendas opaca e inxusta”.

“Os traballadores e traballadoras non piden privilexios, demandan claridade, planificación e un diálogo social que a Consellería pechou”, subliñou Ramos.

Carencias materiais estruturais

Máis alá dos problemas organizativos, a moción socialista pon o foco en tres déficits materiais concretos que evidencian, segundo o PSdeG, “o abandono da administración autonómica”.

Por unha banda, o “electrocardiógrafo deficiente”, xa que “o aparello actual funciona con fallos e obriga a transferir informes mediante pen drives, o que atrasa os diagnósticos e compromete a seguridade e a confidencialidade dos datos dos pacientes”. O texto explica tamén que o persoal do servizo de nutrición “non dispón nin dun ordenador nin dunha impresora propios para traballar nas instalacións do centro”.

Ademais, saliéntase que o SERGAS “denegou de xeito reiterado a dotación de recursos básicos solicitados polo propio persoal, como as pistolas intraóseas B.I.G., xa dispoñibles noutras áreas sanitarias como Santiago de Compostela, ou os apósitos Burnshield para queimaduras”. “Isto resulta especialmente grave dado que o PAC é frecuentemente o primeiro recurso en chegar ás emerxencias, antes que os medios avanzados”, engádese.

Por todo isto, a moción insta ao pleno a aprobar catro medidas concretas. Por unha banda, a de abrir de inmediato un canal de diálogo da Consellería co persoal do PAC para reavaliar os efectos organizativos do Decreto do 27 de abril, garantindo planificación transparente e condicións laborais dignas”.

Tamén se instaba a “subministrar ao centro un electrocardiógrafo moderno que garanta a seguridade na xestión de datos, así como equipos informáticos para o servizo de nutrición”, e a “dotar ao PAC da Laracha da pistola intraósea B.I.G. e dos apósitos Burnshield para queimados, material demandado polo persoal e denegado reiteradamente”. E, finalmente, que se remitíse o acordo tanto á Consellería de Sanidade como á xunta de persoal e profesionais do PAC.

Ramos López lamentou que o grupo municipal popular tumbase esta moción no Pleno, xa que “o seu obxectivo era o de trasladar á Xunta a voz unánime do municipio en defensa dun servizo sanitario de urxencias digno para a cidadanía da Laracha”.

Outras iniciativas presentadas

O Grupo Municipal Socialista presentou así mesmo unha moción que instaba a aumentar as medidas de prevención de incendios, con especial atención á parroquia de Caión. O texto foi novamente rexeitado polo Partido Popular.

Ademais, dende o PSdeG votouse en contra no punto da orde do día para aprobar un suplemento de crédito, argumentando que o superávit empregado para reducir a débeda municipal non é froito da boa xestión no exercicio 2025, senón “síntoma de que foron incapaces de executar os investimentos prometidos”.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes