Inés Ramos denuncia que a «deixación de funcións» do goberno local mete ao Concello da Laracha na lista negra do Consello de Contas
- A portavoz do PSdeG-PSOE advirte de que o Executivo municipal nunca cumpriu coa obriga legal de mandar os datos anuais de contratación nin de convenios, facendo caso omiso ano tras ano aos requirimentos do organismo.
- Os socialistas esixen no Pleno poñer ao día de inmediato todo o pendente e reclaman responsabilidades políticas pola falta de transparencia.
O Grupo Municipal Socialista da Laracha denunciou hoxe a «deixación de funcións» e a «falta absoluta de transparencia» do goberno local tras coñecerse no Pleno dous oficios do Consello de Contas de Galicia nos que se advirte do incumprimento reiterado da obriga legal de render información sobre contratación e convenios.
Os documentos, datados o pasado 2 de novembro dentro do expediente 14/2026, recollen de maneira expresa que o Concello da Laracha nunca presentou os datos anuais da súa actividade contractual nin convencional dende que a lei o esixe, malia que o organismo fiscalizador lle vén reclamando este trámite todos os anos.
A portavoz socialista na Laracha, Inés Ramos, foi moi crítica coa actitude do Executivo municipal durante a súa intervención plenaria, descartando calquera escusa administrativa: «O Consello de Contas volve deixar en evidencia a falta de rigor deste goberno local. Dío ben claro: o Concello da Laracha nunca cumpriu coa obriga legal de mandar os datos de contratación nin os dos convenios, pasando ano tras ano dos requirimentos que lle fixeron».
Dende o PSdeG-PSOE lamentan ademais o prexuízo que esta forma de actuar supón para a imaxe institucional do municipio. Segundo consta nos propios escritos do Consello de Contas, este incumprimento leva aparellada a inclusión do Concello na relación oficial de entidades locais incumpridoras que se remite ao Parlamento de Galicia, á Xunta, á Deputación da Coruña e á FEGAMP, ademais de figurar publicada na web do propio ente fiscalizador. «E aquí non vale dicir que foi un descoido ou un fallo técnico; o que hai é unha deixación de funcións en toda regra e cero vontade de transparencia, que xa mete á Laracha na lista negra dos concellos incumpridores diante do Parlamento, da Xunta, da Deputación e da FEGAMP», sinalou Ramos.
Por todo isto, o Grupo Municipal Socialista reclamoulle ao goberno local que deixe de «mirar para outro lado», poña ao día sen máis demora toda a información pendente, cumpra cos prazos esixidos polo Consello de Contas e asuma dunha vez as responsabilidades políticas que lle corresponden.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS