Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSdeG esíxelle á Xunta que rehabilite o Centro de Saúde de Ordes e repare as goteiras na consulta de pediatría

  • Aitor Bouza leva a cuestión ao Parlamento de Galicia e reclama que se incorpore nos orzamentos unha partida específica para arranxar o centro

O Grupo Parlamentario Socialista esíxelle á Xunta de Galicia que rehabilite o Centro de Saúde de Ordes, con particular atención ás pingueiras que existen na consulta de pediatría, segundo denuncian as persoas usuarias do centro.

“O noso grupo municipal leva traballando xa insistentemente para que se poña solución á situación absolutamente calamitosa que hai no centro de saúde” nos últimos anos, apunta Aitor Bouza, deputado socialista no Parlamento de Galicia.

“Por iso levamos ao Parlamento esta situación, para esixirlle á Xunta de Galicia de Rueda que, de maneira inmediata, proceda á reparación de todas esas goteiras que existen a día de hoxe nunha consulta que é fundamental como é a consulta de pediatría”, explica o parlamentario.

Bouza salienta que se trata dunha consulta “na que van nenos e nenas e que a día de hoxe non se atopa nas condicións adecuadas”, que carece dunha “salubridade e unha seguridade adecuadas”. “Non podemos obviar que realmente a seguridade dos nenos e das nenas para unha atención digna e en condicións óptimas é máis que necesaria”, engade.

“Ten que garantir a Xunta de Galicia do señor Rueda que todas esas nenas e nenos de Ordes teñan a garantía de que os espazos destinados á súa atención pediátrica cumpran cos estándares de calidade, os estándares de seguridade, e tamén co confort” esixible nun servizo público, subliña o socialista. “Esiximos, polo tanto, solucións inmediatas e que se incorpore tamén unha partida orzamentaria neste propio exercizo”, apunta Bouza, “para que se poida acometer todas estas rehabilitacións, que non son de agora, non son novas, e que son coñecidas por parte da Xunta de Galicia”. “O único que fai é mirar cara outro lado mentres os nenos e nenas de Ordes teñen que ir cun chuvasqueiro para poder ser atendidos no centro de saúde”, conclúe.


Aitor Bouza – CS Ordes – abr26
Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes