O PSdeG levará ós concellos de Ortegal a reivindicación dunha ambulancia medicalizada na comarca
- Despois de reclamalo no Parlamento galego, farao tamén nos plenos municipais
Logo de reclamalo tamén no Parlamento de Galicia, o PSdeG levará agora aos plenos municipais dos diferentes concellos da comarca de Ortegal a reivindicación á Xunta dunha ambulancia medicalizada para a bisbarra.
O texto da moción insta á Xunta de Galicia a que dita ambulancia teña base permanente na comarca, garantindo “unha cobertura adecuada das emerxencias sanitarias e reducindo os tempos de resposta”.
Na moción sinálase que “a realidade amosa que existen importantes desigualdades territoriais no acceso aos recursos sanitarios, especialmente no medio rural e en comarcas periféricas, onde a dispersión xeográfica e o envellecemento da poboación fan aínda máis necesario reforzar os dispositivos asistenciais e de emerxencias”.
Para o PSdeG-PSOE en Ortegal, a bisbarra “constitúe un exemplo claro desta situación”. “A ausencia dunha ambulancia medicalizada con base permanente na comarca supón unha grave deficiencia na atención sanitaria de urxencias e emerxencias”, laméntase no texto.
“A dispoñibilidade deste tipo de recurso é clave para garantir unha resposta rápida e eficaz ante situacións de risco vital, nas que cada minuto resulta determinante para salvar vidas ou minimizar secuelas”, engádese.
“A dependencia de unidades situadas noutras comarcas provoca tempos de resposta máis elevados, o que sitúa aos nosos veciños e veciñas nunha situación de desvantaxe respecto doutras áreas de Galicia”, apunta tamén a moción.
Para o PSdeG “é necesario que a Xunta de Galicia adopte medidas urxentes para corrixir esta situación e garantir que a cidadanía da comarca do Ortegal conte cos mesmos dereitos e garantías en materia de atención sanitaria de emerxencias que o resto da poboación galega”.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS