O PSdeG reclama no Parlamento galego unha ambulancia medicalizada para a comarca de Ortegal
- Aitor Bouza leva á cámara unha reivindicación realizada dende hai máis de 20 anos na bisbarra
O PSdeG-PSOE reclama no Parlamento de Galicia unha ambulancia medicalizada para a comarca de Ortegal. O deputado autonómico socialista Aitor Bouza sinala que se trata dunha “demanda histórica” para a bisbarra.
O parlamentario afirma que non se trata dun “capricho das veciñas e dos veciños, senón que realmente é unha necesidade real e urxente”. Para o socialista, “que exista a posibilidade de ter unha ambulancia medicalizada na contorna e que teña unha base fixa nesta comarca” pode ser “vital” en casos de necesidade.
Por esta razón, leva agora ao Parlamento as reivindicacións que levan facendo dende o PSdeG “os voceiros, voceiras, alcaldes e alcaldesas nesta comarca” durante máis de 20 anos.
Deste xeito busca “esixir que o señor Rueda se comprometa con esta comarca e que non castigue aos veciños e veciñas”, para poñer fin ás “condicións de inseguridade e incerteza nun tema tan importante como é a sanidade pública”.
Subliñou a importancia de ter “medios necesarios, como neste caso unha ambulancia medicalizada”, xa que isto “tamén forma parte dun sistema sanitario forte e cohesionado e un sistema sanitario á vangarda como ten que ser o sistema sanitario público galego”.
“As e os socialistas así o seguiremos reclamando”, continúa Bouza, xa que “é máis necesario que nunca que a Xunta de Rueda escoite” e que “non deixe tirados aos veciños e veciñas do Ortegal”.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS