Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSdeG denuncia a situación da sanidade pública en Ferrolterra e reclama solucións no Parlamento de Galicia

  • Ángel Mato e Aitor Bouza anunciaron unha iniciativa parlamentaria para que a Xunta devolva os servizos a unhas condicións “dignas”

O PSdeG-PSOE denuncia en Ferrol a situación da sanidade pública nas comarcas de Ferrolterra e reclamaralle solucións á Xunta de Galicia no Parlamento galego.

O portavoz socialista local Ángel Mato reclamou, nunha rolda de prensa conxunta co deputado autonómico Aitor Bouza, que “se poñan os medios para garantir que Ferrolterra conte cuns servizos equiparables a aos que non hai tanto tempo todos tiñamos”.

“Non hai moitos anos que non tiñamos que ter unha lista de agarda para recibir unha consulta do médico de cabeceira e era natural que esa cita se dese como moito 2, 3 días despois de que un o solicitase telefonicamente”, lembra Mato.

O voceiro socialista subliñou que a área sanitaria de Ferrol presta cobertura a máis de 250.000 persoas, e pediu medios tanto técnicos como humanos para corrixir as súas deficiencias.

“Como partido socialista non imos deixar de reivindicar uns servizos públicos axeitados”, afirmou Mato. “O goberno galego ten que deixar de presumir dun plan director que leva 20 anos de retraso en Ferrol, en Ferrolterra, e dun hospital que aínda non ten data” de comezo das obras, engade.

Pola súa banda, Aitor Bouza indicou que “os datos reflicten que realmente nada hai que celebrar”. Lamentou que “se está poñendo en tela de xuízo a nosa sanidade pública por culpa dunha neglixente xestión por parte do goberno do señor Rueda”.

Apuntou que dende o PSdeG van “esixirlle ao goberno da Xunta de Galicia que faga un cambio inmediato na súa política sanitaria”.

“En materia específica de ciruxía, no ano 2024 tempo de espera medio era de 53,8 días e no ano 2025 aumentaba a 62,7”, salientou.

“Isto reflexa un modelo, o modelo do Partido Popular, no que só os que poden pagarse un servizo privado poden ter unhas condicións dignas de atención, e iso non pode ser”, criticou Bouza.

“Dende o partido socialista imos traballar e loitar por que iso non sexa así”, destacou, engadindo que “os datos son bastante alarmantes no que ten que ver coa prestación do propio servizo público”. “Estes datos que hoxe dou aquí non soamente son porcentaxes, non soamente son números caídos do ceo, son persoas e vidas humanas que realmente precisan esa atención”, conclúe o parlamentario socialista.


Ángel MAto – Sanidade Ferrol – mar26
Aitor Bouza – Sanidade Ferrol – mar26

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes