O PSdeG reclámalle á Xunta a rehabilitación integral do CEIP Castelao de Ordes
- Noelia Rivadas, voceira socialista local, e Aitor Bouza, deputado socialista, anuncian unha batería de iniciativas ao respecto no Parlamento galego
O PSdeG-PSOE reclámalle á Xunta que incorpore nos seus orzamentos para 2026 a rehabilitación integral do edificio do CEIP Castelao de Ordes.
“O colexio Castelao non pode seguir sendo un edificio encorado nos anos 50 mentres a Xunta presume de investimentos educativos”, sinala a voceira socialista local, Noelia Rivadas.
“Por este colexio xa pasamos varias xeracións, e en todo este tempo só se fixeron intervencións mínimas, parches que nunca afrontaron os problemas reais dun edificio que pide a berros unha reforma integral”, lamenta.
Rivadas sinala que o centro ten “instalacións de fontanería obsoletas e baños que nin sequera desaugan”, así como un patio “cheo de buratos e pozas, un risco constante para alumnado”. “Non é un capricho, é unha cuestión de saúde e dignidade”, engade.
Ademais, “a accesibilidade segue sendo unha materia pendente, con barreiras arquitectónicas”, algo que para a voceira socialista impide “garantir a inclusión de todas as nenas e nenos”.
“Tamén pesa sobre nós a preocupación polas cubertas e a posible presenza de amianto, a comunidade educativa non debería convivir coa dúbida de se está exposta a un tóxico prohibido”, denuncia.
“Lévase moito tempo reclamando unhas instalacións dignas do ano 2025 a altura do alumnado do presente e do futuro”, afirma Rivadas. “A Xunta de Galicia non pode seguir mirando para outro lado, a educación pública merece un compromiso real e imos seguir esixíndoo con firmeza”, apunta.
Nesta liña, Aitor Bouza, deputado socialista no Parlamento de Galicia, esíxelle a Rueda “que cumpra coa comunidade educativa de Ordes” e que que se incorpore unha partida nos orzamentos do ano 2026 para que se garanta esta rehabilitación integral.
Bouza pide que non haxa “veciños de primeira e veciños de segunda na nosa comunidade autónoma” e que a comunidade educativa do CEIP Castelao “merece que o señor Rueda non castigue este centro”.
“Esiximos esa rehabilitación integral do centro educativo, e levaremos, a parte da emenda nos orzamentos para o 2026, unha batería de iniciativas para que o goberno galego se comprometa a facelo” no Parlamento galego, anuncia o socialista.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS