O PSdeG reclamará no Parlamento Galego un instituto para Valdoviño
- O alcalde socialista Alberto González lamenta que “Valdoviño leva toda a vida tendo que trasladar aos seus estudantes a outras localidades”, a pesar do aumento da súa poboación
O PSdeG-PSOE reclamará no Parlamento de Galicia que Valdoviño conte cun instituto, para o que presentarán unha emenda aos orzamentos da Xunta para 2026 e unha batería de iniciativas coa que pretenden que o Partido Popular se posicione ante esta cuestión.
O alcalde socialista de Valdoviño, Alberto González, explica que a poboación do municipio está medrando “e iso estase notando non só na poboación, senón no crecemento do número de nenos e nenas que están a acudir aos seus centros educativos”.
“Valdoviño leva toda a vida tendo que trasladar aos seus estudantes a outras localidades, como Ferrol, Narón ou Cedeira para que poidan cumprir o bacharelato ou a FP, co que implica desde o punto de vista do esforzo, desde o punto de vista de movementos a través dos autobuses”, lamenta.
“Poderiamos dispoñer dun instituto que facilitase non só o achegamento de todos os veciños e veciñas de Valdoviño, senón que axude tamén a unha maior socialización, que se perde, en parte, ao ter que que moverse a outros concellos”, engade González.
“Creo que é totalmente necesario que Valdoviño teña un instituto, e que nese instituto tamén se poida contemplar unha pequena liña de FP básica que axudase a completar o potencial educativo do noso concello”, conclúe o rexedor socialista.
O parlamentario socialista Aitor Bouza reclamará en consecuencia que se incorpore aos vindeiros orzamentos da Xunta de Galicia para o ano 2026 unha partida para a creación do instituto, indicando que dende o PSdeG xa o levan reivindicando durante anos. “Xa foi incorporado como emenda o ano pasado, o Partido Popular votou en contra”, critica.
Por outra banda, a batería de iniciativas busca “que se teña que posicionar o Partido Popular respecto a esta cuestión que nos parece de vital importancia”. O instituto é, para o socialista, unha infraestrutura “que se reclama por parte da comunidade educativa, que se reclama polas familias de Valdoviño, e polo propio alcalde, que fai de voz de todos e todas elas”. “Nós levaremos esa voz, como non pode ser doutro xeito, ó Parlamento de Galicia, e esixiremos ao goberno de Rueda que se comprometa con Valdoviño”, remata o deputado no Parlamento galego.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS