Aitor Bouza sinala que a Xunta “volve desprezar a comarca de Compostela” nos seus orzamentos para 2026
- O deputado socialista no Parlamento de Galicia afirma que non inclúen “grandes obras que se vaian executar nin tampouco se garanten uns investimentos para a vivenda, a sanidade ou a dependencia”
Aitor Bouza, deputado socialista no Parlamento galego, sinala que a Xunta de Galicia “volve desprezar a comarca de Compostela” nos orzamentos presentados para o ano 2026.
O parlamentario lamentou que, a pesar dos anuncios do Goberno autonómico, “o único que crece neste país, por desgraza, son os demandantes de vivenda, os demandantes de axuda á dependencia e tamén os demandantes de atención sanitaria”. “Ao final, todos eses anuncios que fomos vendo durante esta fin de semana por parte da Xunta de Galicia non se plasman nos propios orzamentos que se presentan”, engade.
No referente á comarca de Compostela, Bouza afirma que estes non inclúen “grandes obras que se vaian executar nin tampouco se garanten uns investimentos para que a vivenda, a sanidade ou a dependencia nesta comarca sexan reais e efectivas”.
“Polo tanto, dende o Partido Socialista o que faremos é reivindicar a través das nosas emendas, a través, tamén, como non pode ser doutro xeito, das nosas políticas, uns orzamentos que se incrementen nas cuestións específicas para o benestar real da propia cidadanía”, indicou.
Tamén criticou que “os Orzamentos se incrementan só un 2,1 %, mentres o IPC vai pechar nun 2,8 ou 2,9 %, e isto é perder, aquí e na China, por moito que digan o contrario”. “Teñen que repasar os seus coñecementos de economía”,ironizou.
“Ademais, Rueda podería aforrar un terzo do total de 1.858 millóns da débeda que se vai pagar este ano, 620 millóns, se aceptase a condonación proposta polo Estado, pero négase, impedindo dispoñer de recursos para mellorar a vida dos galegos e galegas”, engade o socialista. Finalmente, concluí lembrando que “a Atriga xa advertiu de que Galicia deixou de ingresar 731 millóns de euros polas rebaixas fiscais aos máis ricos, limitando así a capacidade da Xunta para reforzar os servizos públicos”.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS