Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSdeG esíxelle a Rueda que cumpra o compromiso do PP e amplíe o Polígono Industrial de Carballo

Patricia Iglesias, que defenderá a demanda este venres no Parlamento galego, reprochoulle ao Goberno do PP que pasaron seis anos desde que Feijoo prometera incrementar o número de parcelas, co resultado de que a día de hoxe non queda ningunha dispoñible

Aitor Bouza criticou que a Xunta do PP ten “absolutamente esquecida” a comarca de Bergantiños e a Costa da Morte e que “un ano tras outro” non se executan as partidas dos Orzamentos destinadas a actuacións coma o desenvolvemento da zona empresarial


Os socialistas reclamáronlle hoxe en Carballo á Xunta de Galicia que acometa canto antes a ampliación do polígono industrial da localidade, unha área clave para o desenvolvemento da comarca e que na actualidade carece de parcelas dispoñibles para o asentamento de novas empresas. En declaracións aos medios, e acompañados de compañeiros e compañeiras socialistas de toda a comarca, o secretario de Acción Territorial do PSdeG, Aitor Bouza, e a deputada Patricia Iglesias recordaron que pasaron seis anos desde que Feijoo prometera incrementar a superficie da zona empresarial.

“Seguimos esperando”, denunciou Iglesias. A día de hoxe só está licitado, “pero non adxudicado”, o proxecto de expropiación dos terreos. Tampouco están listos a modificación do planeamento nin os trámites para a reparcelación e urbanización. O que si deixou claro a Xunta é que “ata o 2028 non imos ter solo dispoñible”, censurou a deputada.

A ese recoñecemento por parte do Executivo de Rueda, Patricia Iglesias uniu outras mostras da “pouca aposta do Goberno galego coa bisbarra de Bergantiños e a Costa da Morte”. Entre elas, apuntou que a variante que debería conectar Carballo co polígono “segue esperando no soño dos xustos”.

Aitor Bouza afondou na necesidade de incrementar a oferta de solo industrial na zona, “unha reivindicación histórica” que a Xunta debe atender en vez de “mirar para outro lado”. “Rueda ten que cuprir os seus compromisos, non só electoriais, senón tamén cos veciños e veciñas”, dixo o secretario de Acción Territorial, para o que o desenvolvemento do polígono demostraría que se aposta polo emprego “e por exercer as competencias autonómicas”.

Criticou Bouza que o PP ten “absolutamente esquecida” unha comarca na que conta con “escasa representación”. Fronte a ese xeito de actuar, reivindicou que os e as socialistas apostan “claramente” por que a cidadanía teña uns servizos públicos de calidade “goberne quen goberne” en cada territorio.

A Xunta “ten que pasar das palabras aos feitos”, dixo Aitor Bouza. Nese senso reprochoulle ao PP que pase “un ano e outro ano e as partidas dos Orzamentos non cheguen a executarse”. “O que queremos é reivindicar alto e claro que se cumpran dunha vez os compromisos e se faga efectiva a ampliación do polígono”, reiterou.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes