Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSdeG de Cabanas denuncia que o Concello presume dun proxecto aprobado polo anterior goberno socialista co voto en contra do PP

  • O goberno local do PP vén de anunciar a licitación da mellora da N 651, impulsada polo goberno do PSdeG e que rexeitaron no seu momento
  • A actuación licítase finalmente acuciada, indican dende o PSdeG, polo ultimátum da Deputación, que advertiu da última prórroga dispoñible para non perder a subvención nominativa

O PSdeG-PSOE de Cabanas denuncia o “oportunismo” do PP co proxecto de humanización da estrada nacional 651 ao seu paso polo municipio, “tras tres anos de abandono e baixo un ultimátum da Deputación”.

Dende o PSOE consideran que se trata dun proxecto moi necesario e critican que agora o Partido Popular faga gala del despois de ter votado en contra co obxectivo, afirman, de obstaculizar todo o posible.

“O proxecto, impulsado orixinalmente baixo o mandato do socialista Carlos Ladra, sae á luz tras anos de bloqueo sistemático por parte do goberno do PP, que agora o presenta como un éxito propio”, denuncian dende a Agrupación Socialista Local.

“O Grupo Municipal Socialista de Cabanas móstrase moi orgulloso e contento de que por fin se faga a obra e o proxecto salga adiante, facendo realidade unha demanda veciñal histórica”, sinalan.

Porén, afirman que “a nefasta xestión e a paralización destes tres anos provocan que a suba de prezos reduza o alcance da obra á metade, obrigando a reformulala por fases”.

O Partido Socialista de Cabanas denuncia o que consideran unha “flagrante contradición e oportunismo político do actual goberno local do Partido Popular, que agora presume con satisfacción da humanización da estrada nacional ao seu paso polo municipio, un proxecto que mantiveron metido nun caxón durante tres anos e ao que se opuxeron sistemáticamente durante a súa tramitación”.

Un proxecto clave para o municipio

“A iniciativa para transformar o tramo urbano da estrada nacional, un eixo fundamental para a seguridade viaria e a mobilidade urbana en Cabanas, colle as súas raíces no impulso político desenvolvido durante o mandato do anterior alcalde socialista, Carlos Ladra”, explican. “Foi baixo a súa xestión cando se idearon e tramitaron os hitos iniciais desta gran obra de humanización”, engaden.

“Non obstante, o devalar do proxecto chocou frontalmente co bloqueo do Partido Popular, xa que inicialmente, no 2021, o grupo municipal do PP optou pola abstención na licitación inicial”, critican os socialistas, que subliñan que “no 2023, os populares escalaron a súa oposición votando en contra da mesma actuación que hoxe, con absoluta hipocrisía, publicitan satisfeitos”.

Ademais, saliaentan que “durante os anos de mandato do PP, ante a total inacción do executivo local, o Grupo Municipal Socialista exerceu unha presión constante pleno tras pleno para evitar que a iniciativa caese no esquecemento, pero, lonxe de colaborar, os populares relegaron o expediente e paralizáronno por completo”.

As consecuencias do atraso

“A inercia e o abandono destes tres últimos anos non saíron gratis para os veciños e veciñas de Cabanas, xa que a demora inxustificada veu acompañada dunha intensa escalada de prezos no sector da construción”, apuntan dende o grupo socialista.

“Como resultado directo desta nefasta xestión, o orzamento que no seu día cubriría o proxecto completo, incluso contemplando unha revisión de prezos lóxica, hoxe apenas alcanza para sufragar a metade”, alerta o grupo.

O PSdeG propuxo ante esta situació o que consideran “unha saída viable, acometer a obra por fases, co compromiso firme de que esta actuación inicial sexa só o primeiro paso cara ao desenvolvemento total da infraestrutura que Cabanas necesita”.

O ultimátum da Deputación

O PSdeG de Cabanas amosa “unha enorme satisfacción, orgullo e alegría de que por fin este proxecto se faga e leve a cabo, vendo por fin recompensada a loita e a constancia pola que o Grupo Municipal Socialista traballando e presionando incansablemente durante anos”.

“Con todo, cómpre lembrar que se o proxecto sae agora a licitación non responde a unha convicción nin a unha xestión do actual alcalde do PP, senón a unha situación de forza maior”, destacan os e as socialistas.

Consideran que “a maquinaria administrativa viuse obrigada a marchar debido ao ultimátum emitido pola Deputación da Coruña, que advertiu de que esta é a última prórroga posible para evitar a perda definitiva da subvención nominativa”.

Desde o Partido Socialista censuran que o actual goberno “intente colgarse medallas dun proxecto que tentaron sepultar”. Conclúen lembrando que “a única realidade deste anuncio é a improvisación, o atraso acumulado e o rescate in extremis dun investimento grazas ao respaldo institucional da Deputación e á fiscalización constante da oposición socialista”.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes