Skip to content

Galego

Español

¡Síguenos!

O PSOE de Cambre sinala ao Concello por “levar a cabo gastos sen cobertura orzamentaria, chegando a unha situación insostible”

O PSdeG-PSOE de Cambre critica que a alcaldesa María Pan “pretenda que a oposición aprobe o pago de facturas en servizos sen contrato e con informes negativos por parte do seu goberno”. 

Así o expresou o concelleiro socialista Diego Alcantarilla, que sinala ao Goberno local de Unión por Cambre por “recorrentemente levar a cabo gastos sen cobertura orzamentaria, chegando a unha situación insostible”. 

“Agora, despois de actuar deste xeito unilateralmente e sen buscar acordos, a alcaldesa quere que dende a oposición lle solventemos a papeleta aprobando os seus pagos”, lamenta o edil. 

“Ante a nosa negativa, Pan optou por realizar por decreto o pago de 1,1 millóns de euros en facturas sen pasar polo pleno municipal, porque non é capaz de facelo como se ten que facer”, engade. 

Entre as facturas abonadas por decreto por parte da rexedora atópanse as de servizos esenciais como os de limpeza viaria, alumeado e contrato de emerxencia. 

Alcantarilla afirma que “a irresponsabilidade do Concello, realizando gastos sen contar cos informes e os requisitos necesarios, acaba repercutindo nos traballadores e traballadoras das empresas adxudicatarias e na calidade de servizos esenciais para toda a veciñanza”. 

“O Goberno local ten que deixar de facer o que quere e actuar como se tivese maioría absoluta e buscar acordos coa oposición para facer as cousas como se teñen que facer, porque é a súa responsabilidade”, conclúe o socialista.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes