- Coincidindo co Día Internacional da Muller e a través dun vídeo protagonizado por portavoz municipal, Iván Puentes; a parlamentaria Paloma Castro e os concelleiros Yoya Blanco, Manuel Fariña, Marcos Rey e Carmen Hermo, o PSOE local pretende concienciar acerca das manobras de desinformación organizadas contra as políticas de igualdade e contrarrestalas con datos, verdade e axenda feminista
- Accede ao vídeo da campaña premendo nos seguintes enlaces: https://www.instagram.com/p/DVk_hxxjKwn/ , https://vm.tiktok.com/ZNRmwnMhD/ , https://www.facebook.com/reel/1633381784341030 ; https://x.com/PSOEPonte/status/2030213847164858790?s=20
Pontevedra, sábado 7 de marzo de 2026.- ‘Hai denuncias falsas masivas, homes asasinados ocultos ou suicidios silenciados’; ‘Ela fala e eu vou ao cárcere’; ‘As barreiras laborais, a fenda salarial e os teitos de cristal son unha invención: homes e mulleres temos as mesmas oportunidades’; ‘A Lei contra a Violencia de Xénero criminaliza aos homes’… Son só algúns exemplos dos inxentes bulos machistas que circulan polas redes sociais e que os sectores máis reaccionarios da sociedade se encargan de amplificar a través de campañas perfectamente orquestradas.
Coincidindo coa conmemoración do 8M, Día Internacional da Muller, a Agrupación Socialista de Pontevedra decidiu lanzar unha campaña coa que pretende concienciar sobre este constante bombardeo de bulos e na que insta á cidadanía a combatelos con datos, información contrastada e axenda feminista. Faino a través dun vídeo difundido por Instagram, Facebook, TikTok e Twitter e protagonizado polo portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, a parlamentaria autonómica Paloma Castro e os concelleiros Yoya Blanco, Manuel Fariña, Marcos Rey e Carmen Hermo.
Tal e como explica Puentes, «trátase dunha peza audiovisual na que poñemos o foco nesas mentiras machistas que colonizan as redes e que teñen o obxectivo de construír un relato que busca erosionar a confianza nas políticas de igualdade e no propio sistema democrático». Unha proliferación de contidos falsos, misóxinos e manipulados no eido dixital que, segundo denuncia a deputada Paloma Castro, «constitúe unha ameaza real para a igualdade entre mulleres e homes, cuestionando o feminismo, banalizando ou negando a violencia machista e prexudicando á imaxe das mulleres».
A campaña dos socialistas de Pontevedra fai fincapé nos nocivos efectos destes ‘ciberguetos antifeministas’, que atopan cada vez máis eco entre a mocidade: «Dous de cada tres adolescentes desprezan o feminismo. Ese é o custo da desinformación. Se o machismo se organiza nas redes, a democracia debe responder con máis igualdade», alerta Iván Puentes no vídeo.
Entre os bulos que se desminten nesta campaña figura o de que «A maioría das denuncias que presentan as mulleres por violencia de xénero son falsas», unha aseveración absolutamente falsa cando se comproba, cos datos do propio Consello Xeral do Poder Xudicial na man, que estas denuncias falsas representan só o 0,02% do total. O PSOE tamén entra a rebater esa suposta igualdade de oportunidades que promulgan os ‘cibermachistas’, subliñando que, na actualidade, menos dun 3% dos CEO das empresas son mulleres e que unicamente ocupan entre un 22 e un 29% de cargos directivos e postos en consellos de administración.
Exemplos que serven para poñer o foco nunha realidade na que a fenda salarial ronda o 16% en Galicia, un 83% das mulleres recoñecen ter medo cando volven a casa soas pola noite, o 14,5% das mulleres de 16 ou máis anos que residen en España sufriron violencia sexual, só unha de cada catro mulleres chega a ser catedrática, unha de cada tres mulleres con discapacidade está en risco de pobreza… E un longo etcétera de desigualdades polos que, ás portas do 8M, os demócratas debemos poñer pé en parede e evitar que medren mensaxes que cuestionan dereitos básicos das mulleres e banalizan a violencia machista.
Accede ao vídeo da campaña premendo nos seguintes enlaces:
https://vm.tiktok.com/ZNRmwnMhD
https://www.facebook.com/reel/1633381784341030
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS