UGT e a Fundación Luis Tilve homenaxearán a Domingo Barros co gallo dos actos do 1º de maio
- A homenaxe ao que foi secretario xeral da Unión Comarcal de UGT de Pontevedra terá lugar o martes 30 de abril no restaurante La Brisa de Lourido e contará coa presenza do actual secretario comarcal do sindicato, Ramón Vidal Trillo; o secretario xeral de UGT-Galicia, José Antonio Gómez; o presidente da Fundación Luis Tilve, José Benito Núñez, e a secretaria da Federación de Servizos Públicos de Galicia, Irene Martínez Conde
No marco dos actos do 1º de maio organizados pola Unión Comarcal de Pontevedra, Arousa e Deza de UGT, que concluirán coa manifestación que sairá o día 1 ás 12 da mañá da Ferreiría de Pontevedra baixo o lema ‘Polo pleno emprego, menos xornada e mellores salarios’, o vindeiro martes 30 de abril desenvolverase unha homenaxe ao que foi secretario xeral da Unión Comarcal do sindicato, José Domingo Barros Montáns. Esta homenaxe, realizada en colaboración coa Fundación Luis Tilve, terá lugar a partir das 15:00 horas no restaurante La Brisa de Lourido e nela entregaráselle a Domingo Barros unha placa cun deseño orixinal do escultor César Lombera (elaborada especialmente para a Fundación).
José Domingo Barros, que profesionalmente é mestre e educador no ámbito de Protección de Menores, formando parte dos equipos técnicos dos Xulgados de Menores, ten una longa traxectoria sindical en UGT, no contorno da súa sección sindical, Unión Comarcal, Federación do Ensino (Fete), Federación de Servizos Públicos e Executiva de UGT-Galicia, desempeñando sempre importantes responsabilidades en momentos e circunstancias moi difíciles.
Desde 2003 Domingo púxose á fronte da Secretaría Xeral da comarca, tendo que afrontar importantes conflitos laborais relacionados con Celulosas, Tafisa e outras empresas da zona, impulsando decididamente a acción sindical no ámbito comarcal a nivel institucional, orgánico
e de política sindical, para ser requirido, posteriormente, no ano 2005, pola dirección de UGT-Galicia para facerse cargo da importante área de Formación e Emprego no ano 2005.
En razón das súas competencias, tivo unha importante participación no impulso do diálogo social en Galicia, participando na configuración do primeiro Acordo autonómico polo Emprego e facendo un seguimento permanente da negociación colectiva. O seu papel en UGT-Galicia foi sempre de coordinación, actuando de árbitro, polo seu carisma, na relación entre diversos organismos de UGT e ocupando responsabilidades en momentos de transición orgánica, como cando ocupou a presidencia da xestora da Unión Comarcal de Vigo no ano 2014.
Como Secretario de Política Sindical, Relacións Laborais e Formación de UGT-Galicia, liderou en abril de 2016 un exhaustivo estudo sobre as consecuencias en Galicia da reforma laboral de 2012 do Goberno do PP, que concluía a necesidade de derrogar a citada reforma, que viña provocando descenso do emprego, incremento da temporalidade, a redución drástica das prestacións e ata o descenso da media dos salarios entre 2011 e 2014. Destacou tamén na súa acción institucional participando en moi diversos organismos de representación.
Nos últimos anos responsabilizouse da Secretaría de Administración Local na Federación de Servizos Públicos (FeSP-Galicia). Asemade, foi membro da Comisión Executiva da Fundación Luis Tilve e actualmente forma parte do seu Padroado.
Presentarase o manifesto do 1º de maio
No transcurso do acto, no que estarán presentes, ademais do secretario comarcal, Ramón Vidal Trillo; o secretario xeral de UGT-Galicia, José Antonio Gómez; o presidente da Fundación Luis Tilve, José Benito Núñez, e a secretaria da Federación de Servizos Públicos de Galicia, Irene Martínez Conde, os dirixentes de UGT presentarán o manifesto do 1º de maio, que incide na necesidade de seguir avanzando na conquista de dereitos e na mellora das condicións de traballo e emprego, especialmente no relativo á redución da xornada laboral, a adecuación dos salarios á mellora da economía, no marco dunha política expansiva, así como no deseño dun novo modelo industrial e enerxético, a revitalización do diálogo social, a potenciación dos servizos públicos e das políticas activas de emprego e a loita pola consolidación da democracia, ameazada pola reacción de extrema dereita en España e en Europa.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS