- O delegado do Estado no Consorcio envíalle unha carta ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, na que lle solicita unha reunión para abordar este asunto e lle ofrece a sinatura dun convenio de colaboración para desenvolver o plan de viabilidade e a modificación puntual do PXOM
- O portavoz municipal do PSOE amosa a súa «total satisfacción» ante a boa acollida «do principal axente impulsor de desenvolvemento económico e industrial na provincia de Pontevedra e en Galicia»: «Hoxe mesmo iniciarase o traballo para transformar en realidade un desexo e unha demanda xeral da cidadanía de Pontevedra, que é ter máis chan industrial, máis empresas e, en definitiva, máis emprego e máis oportunidades para todos e para todas nesta cidade»
Vigo, mércores 4 de xuño de 2025.- A cidade de Pontevedra non conta nestes momentos cun só metro cadrado dispoñible para o asentamento de empresas, polo que a xeración de novo chan industrial é un das prioridades do PSOE á hora de pactar os orzamentos co BNG. Así, de cara a aprobar as contas deste 2025, os socialistas negociaron co Goberno Local unha partida para estudar a ubicación de novas bolsas de terreo empresarial dentro do termo municipal, centrando os obxectivos nunha vella aspiración do partido: a proposta para crear un Porto Seco en Leborei (na parroquia de Cerponzóns).
Para lograr que este acordo orzamentario non quede nunha mera declaración de intencións e poida transformarse en realidade, o portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, mantivo esta mañá unha reunión co delegado especial do Consorcio da Zona Franca de Vigo, David Regades, para trasladarlle esta iniciativa. O encontro, que tivo lugar la sede da institución pública (na rúa Areal da cidade olívica) e no que tamén participaron os concelleiros socialistas Yoya Blanco, Marcos Rey e Carmen Hermo, non puido resultar máis proveitoso para impulsar o proxecto: Regades non só ofreceu a experiencia da Zona Franca para elaborar o estudo de viabilidade do Porto Seco, senón tamén a desenvolver o propio parque empresarial.
«Tal e como nos solicitou Iván Puentes, hoxe mesmo sairá a carta dirixida ao alcalde de Pontevedra -anunciou o delegado do Estado- para solicitarlle unha reunión e, sobre todo, poñendo a disposición á Zona Franca de Vigo para poder asinar un convenio de colaboración entre o Concello e o Consorcio, para desenvolver non só o plan de viabilidade, senón tamén a necesaria modificación urbanística do PXOM (Plan Xeral de Ordenación Municipal)… Ademais, comprometémonos ao desenvolvemento do parque empresarial».
David Regades, que cualificou a reunión co Grupo Socialista de «moi frutífera», considera que a ambición deste proxecto non debe quedar exclusivamente nun estudo de viabilidade que analice as súas posibilidades, senón que debe refrendarse mediante a sinatura dese convenio «onde se reflicta tamén a modificación urbanística que permita desenvolver unha ferramenta tan importante como o Porto Seco de Leborei». Segundo explicou, a Zona Franca xa conta nestes momentos con tres parques empresariais en Vigo e ten presenza en Baiona, Nigrán, Porriño, Salvaterra, As Neves… «Esta proposta que nos plantexa o PSOE de Pontevedra -apuntou- é un xeito máis de seguir crecendo».

Iván Puentes amosou a súa «total satisfacción» ante a positiva resposta «do principal axente impulsor de desenvolvemento económico e industrial na provincia de Pontevedra e, ante a absoluta ausencia da Xunta nesta materia, realmente tamén en Galicia». O socialista considera que o do Porto Seco de Leborei «é un emprazamento privilexiado, circundado pola Autoestrada do Atlántico, a liña do tren de alta velocidade conectada co Porto de Marín e as estradas de Vilagarcía e Santiago», polo que «se trata dun plan estratéxico moi atractivo de cara a incentivar o asentamento de empresas en Pontevedra».
«É un impulso esencial para o proxecto do Porto Seco que a Zona Franca de Vigo acollese, estudase e colaborase co Concello de Pontevedra para poder analizar tanto a súa viabilidade como outras posibles bolsas de chan industrial no noso municipio. A atención do delegado foi exquisita e hoxe mesmo iniciarase o traballo para transformar en realidade un desexo e unha demanda xeral da cidadanía de Pontevedra, que é ter máis chan industrial, máis empresas e, en definitiva, máis emprego e máis oportunidades para todos e para todas nesta cidade», asegurou Puentes.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS