Puentes asegura que a improvisación, a opacidade e os constantes cambios no proxecto de Santa Clara «certifican que o señor Domínguez marchará da Deputación en 2027 sen cumprir a única promesa que lle fixo a esta cidade»: «Vai abandonar o cargo sen ter iniciado as obras de rehabilitación nin abrir os xardíns á cidadanía»
- O portavoz socialista bota man dos informes solicitados aos técnicos ‘da casa’ para tumbar as múltiples versións expostas por Rafa Domínguez para xustificar a tala indiscriminada de 150 árbores nos xardíns do antigo convento, o desmantelamento e traslado do pozo e do cemiterio existentes no recinto ou o incremento da superficie e o custe dos traballos arqueolóxicos:
- «Pedímoslle transparencia absoluta nun proxecto que é vital para cidade de Pontevedra; que diga a verdade e que admita, como din os informes técnicos, se aínda non están decididas nin a ubicación, nin a superficie, nin as características da nova edificación», reclámalle
Pontevedra, xoves 16 de abril de 2026.- Nun novo capítulo de improvisación e opacidade, o vicepresidente provincial e portavoz do PP de Pontevedra, Rafa Domínguez, acaba de facer público que as catas arqueolóxicas do proxecto de Santa Clara incrementarán o seu período de execución de sete a nove meses e o que custe total dos traballos aumentará nun 39%, ata superar os 432.000 euros. Unhas revelacións que, en opinión do socialista Iván Puentes, «certifican unha realidade que está a interpretar toda a cidadanía: que o señor Domínguez marchará da Deputación de Pontevedra en maio de 2027 sen cumprir a única promesa relevante que fixo con esta cidade cando o nomearon vicepresidente, que é a de iniciar as obras de rehabilitación do convento de Santa Clara». «A promesa era telas concluídas, pero nin sequera -vaticinou Puentes- as vai ter iniciadas cando abandone o cargo».
O líder do PSOE lamentou que Domínguez «nin sequera vaia facer o máis inmediato e sinxelo, que sería abrir os xardíns de Santa Clara á cidadanía». «Se ninguén o impide, non só non os terá abertos, senón que os terá esnaquizado cando marche da Deputación en 2027. Ese era o seu único compromiso. De feito, en decembro de 2023, ao pouco de ser nomeado vicepresidente da Deputación, poñía unha data clara, que era xuño de 2024, para iniciar as obras en Santa Clara, cos xardíns como prioridade. Pasados dous anos, as obras non están iniciadas nin se agarda o seu inicio no curto prazo. En xaneiro de 2024 rectificou esa data inicial e situaba en 2027 a finalización da forma… Evidentemente, para 2027 non é que non vaia estar finalizada a rehabilitación, senón que non van estar iniciados nin os traballos. Veremos se ten tan sequera acabado o proxecto de execución do novo edificio», aseverou.
No marco dunha comparecencia ante os medios, Iván Puentes criticou que o portavoz do PP «faga agora unha nova promesa, que terá o mesmo valor que tódalas anteriores, que é que dentro dun mes se iniciarían os traballos para o estudo arqueolóxico». «A día de hoxe, non sabemos nin a data na que ten previsto executar esa tala masiva de árbores, esa desfeita, nos xardíns de Santa Clara. Unha data que evidentemente oculta para evitar que a veciñanza poida expresar o seu malestar e lle diga á cara e publicamente que non quere que se execute ese atentado natural e patrimonial», denunciou un Puentes que botou man de informes dos técnicos provinciais para demoler, punto por punto, a realidade opaca e inventada que Domínguez tentou vender en relación a este proxecto.
Segundo relatou, desde que o PSOE acadou o apoio maioritario do Pleno á súa moción para esixirlle á Deputación que paralice a tala masiva de árbores prevista en Santa Clara e reconsidere os seus plans para os xardíns do antigo convento (unha iniciativa aprobada o pasado mes), «producíronse algunhas novidades». «Por unha banda, unha rolda de prensa na que Rafa Domínguez nos acusaba aos socialistas de non decatarnos de absolutamente nada, porque en Santa Clara non se ían tocar árbores que non estivesen enfermos e para os que os informes técnicos da Deputación non recomendasen a súa tala; e ao mesmo tempo nos dicía que non se modificaría un ápice o proxecto do convento, nin moito menos ampliar a superficie ou variar a súa ubicación neste recinto», lembrou.

Unhas palabras carentes de credibilidade e fiabilidade que, tal e como sinalou Iván Puentes, foron contrastadas coa solicitude, a través do Grupo Socialista, de informes aos diferentes servizos da Deputación, «que a día de hoxe temos xa enriba da mesa e que non respaldan precisamente o que o señor Domínguez sostiña nesas declaracións públicas». En primeiro lugar, a licencia solicitada ao Concello de Pontevedra para actuar nos xardíns de Santa Clara estaba condicionada a dúas autorizacións do Servizo de Patrimonio da Xunta de Galicia, unha para permitir a tala duns 150 árbores no recinto conventual e a outra para autorizar o traslado do pozo e do cemiterio fóra do lugar no se atopan neste momento.
«Por iso -subliñou- pedímoslle á Deputación as resolucións da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta autorizando tanto a tala das árbores como o desmantelamento e traslado do pozo e mailo cemiterio. Os técnicos contéstannos que, aínda que a autorización se ten solicitado, non existe resposta e, por conseguinte, non hai autorización da Xunta». A raíz deste informe dos funcionarios ‘da casa’, Puentes sostén que Rafa Domínguez «non estás dicindo a verdade cando, publicamente, afirmou que existía autorización de Patrimonio ou que Patrimonio non puña ningunha obxección a ese traslado e a esa tala de árbores».
Dado que a Deputación conta no seu plantel cun arqueólogo e cun Servizo de Arqueoloxía que, ata o cambio de goberno, estivo dirixindo os traballos e poñéndolle cabeza a tódolos labores desenvolvidos no antigo convento, os socialistas tamén solicitaron os informes técnicos da propia institución provincial que avalasen o devandito desmantelamento e traslado. «Os informes -apuntou Puentes- din literalmente que non consta no expediente a existencia de informes técnicos emitidos pola Deputación de Pontevedra que avalen o desmantelamento ou o traslado do pozo e do cemiterio, engadindo a continuación que non constan porque a Deputación non ten competencias en materia de Patrimonio. É ridículo que un teña un Servizo de Patrimonio e de Arqueoloxía, que ese servizo estivese dirixindo os traballos en Santa Clara e que, agora, ao propio servizo ‘da casa’ non se lle pregunte cal é o seu punto de vista ou o seu parecer sobre o traslado destes importantes restos arqueolóxicos».
«Ou non se di a verdade nos informes técnicos ou é o señor Domínguez o que non di a verdade… Ou se nos está a ocultar información»
O PSOE tamén solicitou os informes técnicos que avalen a necesidade de desprazar a nova edificación museística prevista dentro da zona verde de Santa Clara (en relación á localización inicialmente proposta) e aqueles que xustifiquen o incremento da superficie que se deduce da ampliación da área de escavación arqueolóxica, preguntando ademais polo aumento de custe que suporán estas modificacións. Iván Puentes expuxo que, en base aos informes da Deputación, «o custe aínda non está definido porque os arquitectos redactores do proxecto están a desenvolver o proxecto técnico de execución definitiva, que será o que determine o custe final das obras e, sobre todo (di literalmente), a solución adoptada, concretando a mellor localización, a superficie concreta e a configuración do novo edificio». «É dicir, os técnicos da Deputación -resumiu- recoñecen por escrito que aínda non está decidida nin a ubicación, nin a superficie, nin a solución técnica que se adoptará para ese edificio, en contra do que o señor Domínguez expresou nas súas recentes declaracións públicas, nas que incluso falaba de que se reducía a superficie de edificación. Ou non se di a verdade nos informes técnicos ou é o vicepresidente da Deputación o que non di a verdade… Ou se nos está a ocultar información aos grupos políticos e á cidadanía».
Ante estas sospeitas, Puentes insistiu en reclamarlle a Rafa Domínguez «transparencia absoluta nun proxecto que é vital para cidade de Pontevedra, que diga a verdade e que admita, como din os informes técnicos, se aínda non están decididas nin a ubicación, nin a superficie, nin as características desa nova edificación, ou ben el non dixo a verdade cando fixo afirmacións nos medios de comunicación». «Pedímoslle que non malogre un logro de toda a cidade, como foi o de adquirir e incorporar ao patrimonio público o convento de Santa Clara, que sexa sensible a esa herdanza que chegou ás súas mans, que non hipoteque o que outros que veñan despois de 2027 a dirixir a Deputación poidan facer e que lle dea á cidadanía tódolos datos e toda a información da que dispoña», afirmou.
Puentes precisou que os socialistas xa pediron á Deputación, polo momento sen éxito, «os novos informes que cheguen da Dirección Xeral de Patrimonio, sobre todo, os que chegaron anteriormente, para coñecer exactamente os termos nos que lle pediu á Deputación que amplíe esa zona arqueolóxica: se é Patrimonio quen llo pide sen que a Deputación lle diga antes que quere ampliar a área de edificación, cousa rara, ou se a Deputación lle trasladou primeiro a Patrimonio a súa intención de ampliar a zona de construción e aí, loxicamente, Patrimonio pide ampliar o espazo de escavación arqueolóxica».

Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS