Os socialistas urxen unha solución aos problemas de saneamento do poboado de Ponte Muíños e impulsan o deseño dun plan de reurbanización integral e mellora da mobilidade para o barrio
- O Grupo Municipal do PSOE levará ao vindeiro Pleno unha moción que pretende resolver as recorrentes inundacións de augas fecais que se producen nos bloques situados na parte baixa do poboado en días de chuvias intensas: instan ao Goberno Local a habilitar un período de bonificación da taxa por conectarse á rede, incentivando a conexión do 100% das vivendas e permita a clausura definitiva da antiga canalización (carente de separación de pluviais e fecais)
- Tal e como sinala o portavoz socialista, Iván Puentes, «pasado case un cuarto de século desde que se acometeron as obras de mellora previas á cesión de Ponte Muíños ao Concello, cómpre tamén realizar novas actuacións que melloren a calidade de vida da veciñanza e equipare a urbanización desta zona de Pontevedra coas do resto da cidade»
Pontevedra, 20 de febreiro de 2024.- Pasados xa 23 anos da cesión de Ponte Muíños ao Concello e das últimas actuacións de mellora acometidas, o poboado presenta a día de hoxe importantes carencias e necesidades a nivel de saneamento, urbanización e mobilidade. Entre as máis significativas, o barrio non ten aínda tódalas vivendas conectadas á nova rede de saneamento e segue en uso a vella canalización, sen separación de pluviais e fecais, o que, en días de chuvia intensa, provoca recorrentes inundacións de augas fecais nos bloques situados na parte baixa do poboado. Co obxectivo de resolver canto antes esta insostible situación, que altera gravemente a vida dos veciños e veciñas e que supón importantes desembolsos económicos en obras de reparación, o Grupo Municipal do PSdeG levará a vindeira semana a Pleno unha moción na que se insta ao Goberno Local a poñer en marcha diversas medidas e melloras, entre elas a de «atopar, de común acordo coa veciñanza, unha solución ao pago da taxa por conexión á rede de saneamento, habilitando un período de bonificación da mesma (tanto para os domicilios xa dados de alta como para os pendentes de conectarse) que incentive a conexión do 100% das vivendas e permita a clausura definitiva da antiga rede».
A proposición dos socialistas tamén urxe «o deseño e execución dun proxecto de reurbanización integral de Ponte Muíños, coa dotación de novas beirarrúas e zonas verdes, o arranxo e mellora de viais e un novo plantexamento da mobilidade, baseado nos mesmos estándares de calidade que no resto da cidade e que resolva os problemas de tráfico que se padecen na actualidade». Ampliar as prazas de estacionamento público, empregando para isto a parcela de titularidade municipal anexa ao actual aparcadoiro do Complexo Deportivo Rías do Sur; mellorar a limpeza viaria, así coma o arranxo e instalación de novos colectores (os actuais atópanse moi deteriorados), e renovar o pavimento, equipamentos e alumeado da pista polideportiva son outras das actuacións perentorias recollidas na moción.
Esta iniciativa xurde tras unha reunión que os concelleiros do PSOE mantiveron no barrio cun grupo de veciños e que serviu para que os afectados expuxesen as dificultades e eivas que padecen e estudasen cos edís as posibles vías de solución. «A rede de saneamento -sinala o portavoz municipal socialista, Iván Puentes- é o que está a causar máis problemas e a razón fundamental non é para nada a falta de vontade dos veciños e veciñas, que están desexosos de conectarse canto antes á nova rede, senón a inseguridade xurídica xerada trala conexión das primeiras vivendas, ás que o Concello de Pontevedra lles reclama o pagamento da taxa correspondente, sen lles ter dado a oportunidade de acollerse á bonificación sempre prevista despois da construción dunha nova rede: os veciños non foron informados desta posibilidade no seu momento».
Segundo apunta Iván Puentes, «xunto co anterior, pasado case un cuarto de século desde que se acometeron as obras de mellora previas á cesión do barrio, cómpre tamén realizar novas actuacións que melloren a calidade de vida da veciñanza e equipare a urbanización desta zona de Pontevedra coas do resto da cidade». Tal e como se recolle na proposición asinada e rexistrada polo portavoz do PSOE e mailo concelleiro Marcos Rey, «o Concello e a antiga Empresa Nacional de Celulosas asinaron o 16 de xuño de 1999 o convenio para a cesión dos viais, xardíns e outros espazos de uso público do poboado desta empresa no lugar de Ponte Muíños (Lourizán), unha cesión formalizada ante notario o 2 de outubro de 2000».
«Entre unha sinatura e outra -sinala Puentes-, o Concello acometeu ou comprometeu diversas obras de mellora, sinaladas no informe elaborado en 1997 polo enxeñeiro xefe municipal como necesarias para a recepción do poboado: a conexión coa rede de auga potable, a renovación do alumeado público, o axardinamento e alumeado das zonas verdes, a construción de beirarrúas e muro de contención para conectar o poboado coa estrada PO-546 (antiga C-550), así como a reparación do pavimento das beirarrúas existentes, a conexión da rede de saneamento co colector xeral da autovía de Marín (PO-11 e PO-12) e a creación de rede separativa de augas pluviais e fecais».
Iván Puentes entende que a solución aos problemas que presenta a rede saneamento en Ponte Muíños «pasa por promover e facilitar a conexión á nova rede e por ‘xubilar’ á antiga (sen separación de pluviais e fecais), dúas medidas que son unha simple cuestión de vontade por parte do Goberno Local». Asemade, o líder socialista coida que «despois de tanto tempo sen obras, este é un dos barrios da cidade que máis precisa do desenvolvemento dun plan integral de reurbanización e mobilidade», polo que agarda que a proposta acade o apoio de tódolos grupos políticos da Corporación.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS