Saltar al contenido

¡Síguenos!

Os socialistas reclaman que o proxecto do novo parque da Parda contemple as demandas veciñais para a protección e conservación medioambiental da xunqueira de 8.000 metros cadrados existente no barrio

  • A través dunha iniciativa que será debatida no Pleno deste mes, o PSOE defende «que tanto o parque como o humidal, que a día de hoxe alberga diferentes especies de flora e fauna que usan este espazo como refuxio, lugar de alimentación e cría, se integren no futuro anel verde do leste da cidade e no Plan de Infraestrutura Verde de Pontevedra, en particular no trazado da Vía Verde das Rías Baixas entre Vilagarcía e Vigo»
  • «O inicio das obras do novo parque da Parda supón unha oportunidade histórica de poñer en valor este espazo de alto interese biolóxico, en coherencia cunha cidade que aspira a ser referente mundial en materia de sostibilidade e loita contra o cambio climático», sostén o socialista Iván Puentes

Pontevedra, martes 15 de xullo de 2025.- Desde hai tempo, diversos veciños/as e asociacións reclaman que o Concello adopte medidas de protección e conservación medioambiental na Xunqueira da Parda, un humidal duns 8.000 metros cadrados de superficie e grande valor biolóxico situado no barrio pontevedrés. Unhas demandas que se foron intensificando co comezo das obras do novo parque da Parda e das que, aproveitando a oportunidade histórica que supón esta intervención, o Grupo Socialista fará de altofalante a través dunha iniciativa que se debaterá a vindeira semana no Pleno ordinario da Corporación. 

A moción rexistrada polo PSOE insta ao Goberno Local a «estudar as modificacións necesarias sobre o proxecto inicial do parque da Parda para garantir a protección e conservación da Xunqueira da Parda», escoitando para iso as diferentes demandas e propostas suxeridas pola veciñanza e mailos colectivos implicados. Así o explicou esta mañá o seu portavoz municipal, Iván Puentes, quen salientou que «lonxe de ser incompatible coa preservación deste espazo de enorme interese biolóxico (nel se concentran numerosas especies de aves, insectos, anfibios e vexetais), unha actuación tan necesaria como a do novo parque significa ademais unha oportunidade histórica de conservalo e de poñelo en valor, dándolle aínda máis valor ecolóxico e social a esta grande obra».

Segundo explicou nunha comparecencia celebrada na Sala de Prensa do Concello e na que estivo acompañado polo concelleiro Manuel Fariña, a proposición do Grupo Socialista tamén solicita «que tanto o parque como a Xunqueira da Parda, que a día de hoxe alberga diferentes especies de flora e fauna que usan este espazo como refuxio, lugar de alimentación e cría, se integren no futuro anel verde do leste da cidade (río Lérez, Tafisa, Valdecorvos, Ernesto Caballero, pasarela da rúa José Adrio, parque da Parda, Gafos) e no Plan de Infraestrutura Verde de Pontevedra (actualmente en fase de redacción), en particular no trazado da Vía Verde das Rías Baixas entre Vilagarcía e Vigo». «O interese biolóxico deste espazo, xunto coa preservación da nosa historia e dos elementos senlleiros do noso concello -apuntou Puentes-, deben ser motivos suficientes para sensibilizarnos coa protección do noso medio natural».

Asemade, o líder do PSOE local considera que a protección desta xunqueira «é unha acción coherente cunha cidade que quere ser referente mundial en materia de sostibilidade e cuxos proxectos de loita contra o cambio climático, impulsados polo noso partido durante o anterior mandato municipal, permitiron que Pontevedra se convertese na única cidade española en lograr ingresar no Greening Cities Partnership da UE». Como subliñou, «un dos aspectos que máis valorou a Unión Europea foi precisamente a aposta que os socialistas fixemos pola protección dos cursos de auga e dos espazos naturais asociados a eles».

«O proxecto orixinal, tal e como está contemplado, practicamente implica a desaparición desta zona húmida»

Iván Puentes indicou que o proxecto orixinal do novo parque, tal e como está contemplado, «practicamente implica a desaparición desta zona húmida» e só está prevista «unha canalización de augas, máis a xeito de aliviadoiro da auga que alí nace (coa finalidade de evitar que se concentre e se xeren inundacións) que de protección da xunqueira». «Sendo conscientes das dificultades que existen unha vez que a obra está iniciada -afirmou-, entendemos que aínda existe marxe e o que lle pedimos ao Goberno Local é que dialogue cos veciños e coa empresa que está a desenvolver os traballos nestes momentos e que, na medida das posibilidades, poidamos protexer ao máximo esa zona húmida, o que non só significaría unha protección do humidal, senón que melloraría notablemente ese parque e esa zona verde fundamentais no leste da cidade».

Nesta mesma dirección, o concelleiro socialista Manuel Fariña asegurou que a moción defende «algo totalmente necesario e que debería facerse sempre en política, que é consultar aos veciños e aos colectivos implicados e recoller as súas demandas e as propostas suxeridas para a protección e conservación desta xunqueira» Fariña precisou que os veciños «levan desde o ano 2011 achegando documentación e solicitando que se teña en conta este humidal, e ata de agora houbo caso omiso».

O portavoz do PSOE salientou que, aínda que será necesario estudar o calado da modificación do proxecto, «o ideal sería facelo sen ter que paralizar as obras, xa que existe marxe legal para poder efectuar retoques pequenos que permitan non paralizar a actuación e continuar coa execución nas partes non afectadas, que son a inmensa maioría do terreo». Trátase, ao seu xeito de ver, «dalgo que os socialistas traballamos no anterior mandato, que é ir máis aló da peonalización e de retirar coches da vía pública (algo co que estamos totalmente de acordo), e intentar apostar por un relato e un modelo de cidade vinculado aos espazos naturais e ao que bautizamos como estratexia verde e azul». «O humidal, se o destruímos agora, non vai ter volta atrás nin se vai poder recuperar. Coido que merece a pena estudalo», advertiu. 

Ao respecto do medo ao posible atraso das obras, Manuel Fariña puxo o exemplo da rúa da Santiña, «que leva un atraso de 4 meses porque se considerou moi beneficioso para esa rúa meter todo o sistema de luz e electricidade soterrado». «Decidiuse en medio da execución do proxecto -matizou- e non pasou absolutamente nada. Non pretendemos que se paralice a obra, o que pretendemos é que se busque unha solución».

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes