Os socialistas levarán a Pleno a ofensiva para esixirlle á Deputación que cumpra «a súa promesa de executar os tres itinerarios pendentes para facer realidade a Vía Verde das Rías Baixas»: «Non poden ignorar por completo os treitos Pontevedra-Portas e Arcade-Chapela; os traballos poden e deben avanzar en paralelo»
- O portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, rexistra unha moción na que insta ás alcaldías de Pontevedra, Vilaboa, Soutomaior, Portas, Caldas de Reis e Barro a asinar un convenio de colaboración que permita o desenvolvemento desta senda peonil e ciclista continua entre Vilagarcía de Arousa e Vigo (chamada a converterse na máis importante do Noroeste de España)
Pontevedra, mércores 3 de decembro.- Como impulsor do proxecto para a creación da gran Vía Verde das Rías Baixas, o portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, non está disposto a permitir que, ao tempo que saca peito do desbloqueo do treito entre Pontevedra e Arcade (14 km.), a Deputación desprece e ignore por completo a tramitación, financiamento e execución do itinerario que debe discorrer entre Portas e a nosa cidade (15 km.). Co obxectivo de que os ‘populares’ Luis López e Rafa Domínguez cumpran coa súa palabra e non se atrevan a deixar no caixón este tramo tan esencial (que é ademais o máis sinxelo e rápido de realizar, ao non precisar apenas de trámites previos), o líder socialista rexistrou unha proposición para esixirlle ao Goberno provincial o inicio inmediato dos traballos de construción da Vía Verde, en solitario ou en colaboración coa Xunta, «de xeito que as actuacións poidan avanzar en paralelo nos tres tramos pendentes: Portas-Pontevedra, Pontevedra-Arcade e Arcade-Chapela (16 km.)».
Ademais de urxir o comezo das tarefas pendentes en cada caso, desde a redacción dos proxectos e a posta a disposición dos terreos até a tramitación de permisos sectoriais, a moción redactada por Puentes tamén lle solicita ao Pleno da Corporación que se dirixa ás alcaldías de Pontevedra, Vilaboa, Soutomaior, Portas, Caldas de Reis e Barro para «asinar o convenio de colaboración que dea pé ao desenvolvemento desta senda peonil e ciclista continua entre Vilagarcía de Arousa e Vigo». A iniciativa foi presentada esta mañá nunha comparecencia que tivo lugar na Sala de Prensa do Concello capitalino e na que Puentes sinalou que «a cesión por parte do Ministerio de Transportes dos 14 km. de vía en desuso entre Pontevedra e Arcade resolve o maior atranco que existía para crear a quinta Vía Verde de Galicia (a terceira da provincia) e, sobre todo, para crear a gran Vía Verde das Rías Baixas, unindo a actual do Salnés (Vilagarcía – Portas) coa futura Pontevedra – Arcade (Soutomaior) e a xa existente tamén entre Vigo e Chapela (Redondela), mediante unha senda peonil e ciclista de case 60 quilómetros». «Chamada a converterse -apuntou- na Vía Verde máis importante do Noroeste de España».
Tal e como explicou, «unha vez resolta a cesión da antiga vía férrea entre Pontevedra e Arcade», de cara a completar a Vía Verde das Rías Baixas «habería que avanzar en paralelo nos tres tramos aínda non executados, que están en diferente grao de maduración». Así, o treito entre Portas e Pontevedra «é o máis avanzado, pois xa existe unha proposta de trazado, a predisposición favorable dos concellos afectados e da Fundación dos Ferrocarrís Españois para incluír esta senda na rede estatal de Vías Verdes e, ademais, tamén conta coa plena disposición de terreos, ao descorrer por camiños existentes (algún tramo, como o da vella ponte do ferrocarril sobre o Lérez, foi xa executado polo Concello)»; o que iría de Pontevedra ata Arcade está pendente de redacción de proxecto e da plena dispoñibilidade dos terreos; e por último, o que conectaría Arcade con Chapela «é o menos avanzado, pois non existe aínda nin proposta de trazado».
Para Iván Puentes, «á Deputación e á Xunta correspóndelles o impulso desta infraestrutura de claro interese provincial e autonómico». O camiño iniciouno xa o anterior goberno da Deputación, presidido polo Partido Socialista, que liderou a execución da Vía Verde do Salnés e mesmo obrigou co seu impulso a unha Xunta de Galicia obstrucionista a asumir a reparación da vella ponte ferroviaria de Portas. Así, en decembro de 2018 asinouse o documento de colaboración con Vilagarcía, Caldas de Reis e Portas, dando lugar a unha colaboración entre institucións e entre diferentes formacións políticas, que permitiu a inauguración desta primeira Vía Verde da provincia de Pontevedra en agosto de 2020 (infraestrutura que se converteu desde o primeiro momento nun éxito inmediato e nun motor de dinamización social e turística).

Pouco despois, en febreiro de 2021, baixo o impulso do PSOE nos gobernos locais de Pontevedra e Vilagarcía, os concellos polos que discorre a Vía Verde do Salnés (Vilagarcía, Caldas e Portas) acordaron con Barro e Pontevedra traballar conxuntamente para estender esta senda ata a capital da provincia, sumando aos 9 Km. xa executados no Salnés outros 15 km. máis de senda entre Portas e Pontevedra. Froito dese acordo, a Concellería de Desenvolvemento Sostible do Concello de Pontevedra elaborou durante o mandato pasado (baixo a dirección de Iván Puentes), xunto co colectivo Pedaladas, unha proposta de trazado para o treito Pontevedra-Portas, que ao longo destes municipios e dos de Barro e Caldas, aproveita tramos de vía en desuso, coma a vella ponte sobre o río Lérez en Pontevedra; tramos do Camiño de Santiago e diversas sendas forestais.
«O PP volveu facer gala unha vez máis da súa improvisación permanente, do seu nulo coñecemento da provincia e das súas necesidades e de que os seus compromisos son papel mollado»
Posteriormente, o departamento que dirixía Puentes tamén elaborou en maio de 2021 unha memoria valorada da obra, que cifraba en 2.010.836,85 euros o custe total de execución material, acordando ademais coa Fundación dos Ferrocarrís Españois as características desta senda para ser integrada a todos os efectos na rede oficial de Vías Verdes de España, algo ao que a Fundación deu o seu visto bo. A partir de aí, o Concello de Pontevedra financiaría con fondos europeos a rehabilitación da ponte sobre o Lérez e, a través do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino, lograría 698.000 euros de fondos Next Generation para o treito correspondente ao seu termo municipal (estación de Ferrocarril – Barro).
«Este orzamento -subliñou o portavoz do PSOE- foi recentemente asignado a outras necesidades municipais ante a suposta disposición favorable da Deputación a asumir a execución da Vía Verde das Rías Baixas na súa totalidade. Un compromiso que o propio Rafa Domínguez, vicepresidente primeiro da Deputación, ratificou co seu voto favorable á moción que os socialistas presentamos no Pleno de maio de 2025 para solicitar expresamente que o Goberno Provincial liderase, xunto coa Xunta e os concellos afectados, o impulso e execución desta infraestrutura, incluíndo os treitos Portas-Pontevedra, por ser o máis avanzado e de máis fácil execución, e o Chapela-Arcade, no que é preciso comezar a traballar de inmediato se de verdade existe vontade de completar esta gran senda das Rías Baixas».
Non obstante, segundo lamentou Puentes, «sorprendentemente, facendo gala unha vez máis da súa improvisación permanente, de que os compromisos do PP son papel mollado e do seu nulo coñecemento da provincia e das súas necesidades, o Goberno da Deputación reuniuse en Madrid o pasado 18 de novembro con directivos da Adif para falar tan só do treito entre Pontevedra e Arcade, esquecendo por completo o seu compromiso de executar tamén as sendas pendentes entre Portas e Pontevedra e entre Arcade e Chapela». «Renunciando por tanto de facto a executar a demandada Vía Verde das Rías Baixas», afirmou.
Iván Puentes considera que a senda entre Pontevedra e Arcade é «unha vella reivindicación da cidadanía, esencial para a execución desa grande infraestrutura entre Vilagarcía e Vigo, que debe ser completada canto antes», pero «a súa consideración independente, sen vela no contexto da Vía Verde das Rías Baixas, daría tan só como resultado unha terceira Vía Verde illada na provincia, polo que é preciso iniciar canto antes os traballos nos outros dous treitos pendentes, máis aínda cando o Portas-Pontevedra é o de máis rápida e fácil execución».

Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS