Os socialistas esíxenlle á Xunta un proxecto para ensanchar, eliminar curvas e mellorar as condicións de seguridade da estrada autonómica que conecta Bora con Barro a través do Pontillón
- Iván Puentes requírelle ao Goberno de Rueda intervencións de carácter urxente para acabar coas lamentables condicións de conservación e inseguridade que presenta a PO-224, entre elas o asfaltado dun firme que presenta enormes fochancas en diversos puntos do trazado ou a creación de beiravías, espazos de seguridade e pasos de peóns (en zonas como o contorno do encoro)
Pontevedra, venres 10 de abril de 2026.- O estado da estrada autonómica PO-224, que conecta Bora con Barro a través do encoro do Pontillón do Castro, é absolutamente lamentable, o que está a provocar constantes queixas dos veciños e veciñas pola inseguridade que padecen tanto o elevado volume de vehículos como de peóns que transitan a diario por estes case 11 quilómetros de vial. Unha insostible situación que, en opinión do portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, precisa non só de intervencións de carácter urxente por parte da Xunta de Galicia, como o asfaltado dun firme que presenta enormes fochancas en diversos puntos ou a creación de beiravías e pasos de peóns, senón tamén dun plan máis ambicioso que permita ensanchar os carrís e eliminar curvas (varias delas moi pronunciadas) nun vial chamado a converterse nunha sorte de circunvalación natural entre o norte e o sur de Pontevedra.
As lamentables condicións de conservación e inseguridade nas que se atopa este vial foron constatadas sobre o terreo no marco dunha visita que Iván Puentes realizou, acompañado polos concelleiros Yoya Blanco e Marcos Rey e maila parlamentaria Paloma Castro, a diferentes treitos que discorren polas parroquias de Bora e de Xeve, incluíndo o que conecta coa contorna do encoro e o centro de piragüismo do Pontillón do Castro. O líder socialista esíxelle ao Goberno de Alfonso Rueda que efectúe “dúas actuacións inmediatas: a primeira, a reposición do asfaltado en todo este tramo, que presenta xa fochancas e deterioros moi importantes en diversas zonas do percorrido; e a segunda, a creación de beiravías e de zonas de seguridade para os peóns en puntos estratéxicos da vía, como por exemplo á altura do centro deportivo do Pontillón do Castro”.
“Falamos dun espazo natural e deportivo de primeiro nivel, que acolle competicións nacionais e internacionais de piragüismo e polo que cada día transitan moitas persoas, moitas delas nenos e nenas menores de idade que acoden ao Pontillón a practicar deporte, e que non só é que careza de arcéns, senón que non ten nin sequera un paso de peóns para poder acceder a este centro deportivo coas mínimas condicións de seguridade”, lamentou Puentes.
Non obstante, á marxe destas actuacións urxentes, o portavoz do PSOE tamén considera necesario “que entre o Concello e a Xunta de Galicia se empece a traballar nun proxecto para poder ensanchar esta estrada autonómica, reducindo curvas e ampliando carrís alí onde resulte posible”. Tal e como subliñou trala visita desta mañá, “trátase dunha vía que absorbe un volume de tráfico rodado enorme, polo que cómpre facela máis transitable do que é a día de hoxe co obxectivo de mellorar a conectividade entre o sur e o norte do noso concello”.


Segundo afirma Iván Puentes, “unha vez que esperemos que se desbote definitivamente o trazado da A-57 previsto por Bora e por Xeve, esta estrada, sen convertela nin moito menos nunha autovía ou nunha vía de alta capacidade, podería ter un mellor trazado que permitise un fluxo óptimo de vehículos e que, en certo modo, a permitise actuar como unha circunvalación natural entre o norte e o sur de Pontevedra”. “Xunta e Concello deben comezar a traballar niso desde xa”, asegura.
Neste sentido, Puentes lembra que se trata dunha zona que “non ten practicamente vivendas próximas á estrada ao longo do percorrido, polo que a redución de curvas e o aumento da sección do vial, e mesmo a creación de dobres carrís nalgúns puntos, podería acometerse cunha certa facilidade sen afectar ao día a día da veciñanza nin ao medio ambiente do contorno, transformándoa nun vial con moitas mellores prestacións das que ofrece nestes momentos”.
Os socialistas elevarán estas peticións ao Parlamento Galego a través dunha iniciativa que impulsará Paloma Castro: “Non podemos agardar a que haxa un accidente grave para actuar”
A denuncia do mal estado de conservación e a inseguridade da estrada entre Bora e Barro será elevada ao Parlamento Galego a través dunha iniciativa que impulsará a parlamentaria Paloma Castro, quen asegura que “estamos a falar dunha vía fundamental para a mobilidade diaria de moitas persoas e que, como puidemos comprobar, presenta un firme moi deteriorado, falta de mantemento e condicións que poñen en moito risco a seguridade de condutores, ciclistas e peóns”. “Non podemos agardar a que haxa un accidente grave para actuar, polo que tramitarei no Parlamento unha iniciativa -anunciou- para solicitarlle á Xunta, como administración competente, unha intervención urxente”.
Castro criticou a estratexia de “botar balóns fóra” que exerce a Xunta á hora de manter en bo estado as estradas autonómicas: “Xa abonda de mirar cara a outras administracións para eludir responsabilidades, porque cadaquén debe cumprir coas súas competencias e, neste caso, é evidente que o Goberno de Rueda está a descoidalas. A cidadanía merece estradas seguras e en bo estado e a Xunta ten a obriga de actuar nesta PO-224”.


Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS