Os socialistas esixen que a Xunta inicie un estudo para mellorar o trazado e seguridade da estrada PO-534 ata Lalín e reclaman que se complete a conexión da A-57 coa autovía das Rías Baixas
- O Grupo Municipal do PSOE rexistra dúas emendas á proposición da Alcaldía sobre a dotación de infraestruturas viarias no interior da provincia (Pacto de Pedre): recelan da necesidade de crear unha autovía Pontevedra-Carballiño e apostan por unir a nosa cidade con Ourense e Portugal a través dunha autovía libre de peaxe
Pontevedra, 20 de outubro de 2023.- O portavoz do Grupo Municipal do PSOE, Iván Puentes, presentou esta mañá por Rexistro dúas emendas á proposición da Alcaldía sobre a dotación de infraestruturas viarias no interior da provincia de Pontevedra. Os socialistas coinciden cos concellos do Pacto de Pedre na proposta de instar ao Goberno de España a acometer unha mellora integral de seguridade vial da estrada N-541 (Pontevedra-Ourense), pero recelan da necesidade de crear unha autovía Pontevedra-Carballiño e apostan por unir a nosa cidade con Ourense e Portugal a través dunha autovía libre de peaxe.
Así, o texto rexistrado por Puentes plantexa unha emenda de modificación do punto no que a Alcaldía solicita o comezo dun estudo para construír esa autovía con conexión cara a Lalín, substituíndoo pola seguinte redacción: «Demandar da Xunta de Galicia o inicio dun estudo para mellorar o trazado e seguridade da estrada PO-534 ata Lalín». Ademais, os socialistas tamén pretenden que se inclúa na proposición definitiva un novo punto, unha emenda de adición na que se inste ao Goberno de España «a rematar a redacción do proxecto, licitar e contratar a execución do treito da A-57 entre Vilabora e O Confurco (Ponteareas), de xeito que se complete así a conexión desta autovía, circunvalación de Pontevedra, coa autovía das Rías Baixas (A-52)». «O obxectivo é que Pontevedra poida quedar unida con Ourense e Portugal a través dunha autovía libre de peaxe», subliña Iván Puentes.

Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS