Os socialistas elevarán ao Parlamento a reivindicación de Pontevedra e Marín para que o Estado finalice a conexión peonil e ciclista entre ámbolos concellos
- O portavoz municipal, Iván Puentes, e a parlamentaria Paloma Castro presentan sendas mocións para o seu debate e aprobación tanto pola Corporación Local como polo Goberno da Xunta: esixen que a Dirección Xeral da Costa estude as alternativas que fagan compatible o remate dos escasos metros pendentes de itinerario coa preservación da ría, a loita contra os efectos do cambio climático e o respecto á lexislación vixente nesta materia
Pontevedra, 8 de abril de 2024.- Os socialistas de Pontevedra loitarán en tódalas frontes posibles para lograr que a Dirección Xeral de Costas finalice a execución do paseo peonil e ciclista que une o noso concello con Marín pola costa. Tal e como anunciara, o portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, presentou esta mañá en rolda de prensa a moción que o seu partido levará aos plenos dos concellos afectados (o voceiro marinense, Manuel Pazos, fará o propio) para esixirlle ao Goberno de España, e en particular á Dirección Xeral da Costa e do Mar que estude as alternativas que fagan compatible o remate deste itinerario coa preservación da costa, a loita contra os efectos do cambio climático e o respecto á lexislación vixente nesta materia, proxectando, licitando e realizando á maior urxencia posible o treito pendente entre o acceso á autoestrada AP-9 en Mollavao e a pasarela que agora mesmo conclúe nos Praceres. Ademais, a proposta pide que se poida conectar en condicións de seguridade o treito entre a pasarela de madeira dos Praceres e o final do paseo de Marín, xusto na entrada do Porto.
Unhas reivindicacións que contan co respaldo do secretario xeral do partido, José Ramón Gómez Besteiro, así como da súa dirección provincial, e que os socialistas tamén elevarán ao Parlamento Galego a través da súa deputada Paloma Castro. Tal e como explicou o líder do PSOE, «o proxecto inicial que contemplaba a creación dunha pasarela voada sobre o mar neses 783 metros que restan para unir o nó da AP-9 coa pasarela dos Praceres, resulta, ao entender da Dirección de Costas, incompatible coa actual lexislación e, polo tanto, non se pode executar nos termos nos que estaba previsto e obriga a reformulalo». «A reformular -salientou-, pero reformular non significa cancelar nin significa renunciar a finalizar esta infraestrutura longamente demandada polos veciños e veciñas de Pontevedra, algo que resultaría inasumible e inaceptable».
Segundo defendeu, «esta postura, a de reformular e buscar alternativas para ese paseo entre Pontevedra e Marín, é na que está o Ministerio para a Transición Ecolóxica e, por iso, os socialistas de ámbolos concellos esiximos que, de xeito urxente, Costas formule esa solución alternativa á pasarela metálica voada sobre o mar prevista inicialmente». «É un posicionamento que respalda o PSdeG -apuntou- e por iso, non só presentaremos unha iniciativa municipal, senón que tamén o faremos no Parlamento a través de Paloma Castro, estudando a opción máis acaída para que, co resto de forzas política, se poida manifestar o sentir desta cámara autonómica ao respecto da necesidade de finalizar canto antes esta conexión».
Puentes lembrou que a Lei de Cambio Climático e Transición Enerxética aprobada en 2021, combinada coa Lei de Costas de 2013, obrigan a que «paseos coma este, que discorren en paralelo á costa, teñan en conta no seu deseño os efectos do cambio climático e non lle gañen máis espazo ao mar, nin sequera cando se trata de vías peonís e ciclistas». «Especialmente en ámbitos como este -matizou-, nos que os efectos da subida do nivel do mar son máis que evidentes e se están a producir inundacións constantes da autovía entre Pontevedra e Marín cada vez que temos crecidas das mareas e temporais… Inundacións que resultan cada vez máis frecuentes e que evidencian que xa temos un problema nesta zona».
«O BNG sabía desta situación hai varias semanas… Querían facer crer que o Ministerio non estaba na postura de reformular, senón na de prescindir do paseo»
Iván Puentes criticou que «tanto o alcalde como o concelleiro do BNG César Mosquera non coñeceron esta situación na recente reunión celebrada con Ana Oñoro (directora xeral da Costa), senón que eran plenamente conscientes da situación na que se atopaba este proxecto desde semanas antes, en concreto desde o día 12 de marzo: nese día, o delegado do Goberno e o subdelegado fixeron unha visita institucional ao Concello e nesa xuntanza xa lle trasladaron ao alcalde e ao Goberno Local a situación na que estaban tódalas actuacións pendentes no noso municipio e, entre elas, dixéronlles que este último treito do paseo entre Pontevedra e Marín tiña unha serie de dificultades de encaixe na Lei de Costas tal e como estaba formulado e, en consecuencia, sería necesario buscar outro tipo de solucións».
«Por que non o fixeron público até a reunión coa directora xeral? -preguntouse-. A verdade é que é algo que se me escapa, pero podo intuír que deciden trasladalo nese momento coa intención de facer crer que o Ministerio non estaba na postura de reformular, senón na de prescindir da realización deste paseo. Dese xeito, servir aos intereses do BNG en Galicia e no Congreso dos Deputados, facendo ver que, cando o Ministerio presente a fórmula alternativa e poida executar definitivamente este proxecto, non sexa porque o quere facer, senón grazas ás xestións que o seu partido e Néstor Rego efectúan no Congreso… Por certo, cun voto, o do BNG, que non suma nin resta ningunha maioría no Congreso».
En todo caso, para Puentes «o importante é que rememos todos xuntos e que tódalas formacións políticas que estamos no Concello e no Parlamento de Galicia teñamos claro que hai que respectar a Lei de Costas, pero que tamén hai que finalizar ese proxecto entre Pontevedra e Marín». Segundo afirmou, no que atinxe a solucións concretas, «a postura do PSOE é que o paseo se faga o máis próximo ao mar, respectando a Lei e o máis rapidamente posible», aclarando que os políticos «non imos xogar a ser técnicos» e que se lles debe dar aos expertos a liberdade de decidir cal é a mellora solución.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS