Saltar al contenido

¡Síguenos!

Os socialistas de Pontevedra e Marín consideran «absolutamente inasumible e inaceptable» que Costas non finalice a senda peonil e ciclista entre ámbolos concellos

  • Os portavoces dos grupos municipais do PSOE nestes concellos, Iván Puentes e Manuel Pazos, teñen claro que «o máis importante, que son os intereses dos veciños e veciñas de Pontevedra e Marín, estarán sempre por enriba das siglas de calquera partido político»
  • Puentes e Pazos avanzan a súa intención de levar aos respectivos plenos sendas mocións para esixirlle formalmente ao Goberno de España «que estude as alternativas e solucións técnicas» máis axeitadas para rematar os escasos metros que quedan para completar o ansiado paseo, dentro do respecto á Lei de Costas e á sostibilidade ambiental e garantindo a súa preservación «nunha vía especialmente sensible ás inclemencias meteorolóxicas e ás subidas das mareas»

Pontevedra, 5 de abril de 2024.- Os socialistas de Pontevedra e Marín non están dispostos a renunciar a que se complete unha actuación pola que a súa veciñanza leva agardando demasiado tempo: que a Dirección Xeral de Costas remate os escasos metros de senda que permitiría a conexión peonil e ciclista destes municipios en paralelo á ría. Os grupos municipais do PSOE námbolos concellos consideran «absolutamente inasumible e inaceptable» que o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico queira deixar no caixón un proxecto que xa estaba aprobado e licitado e piden que se cumpra «o que estaba comprometido», estudando as solucións técnicas que resulten máis axeitadas para completar este demandado e ansiado paseo, dentro do respecto á Lei de Costas e á sostibilidade ambiental e garantindo a súa preservación «nunha vía especialmente sensible ás inclemencias meteorolóxicas e ás subidas das mareas».

Para o portavoz municipal do PSOE de Pontevedra, Iván Puentes, «non acabar de construír os escasos metros que quedan para finalizar o paseo marítimo de Pontevedra ata Marín sería unha decisión totalmente inasumible e inaceptable para tódolos pontevedreses e pontevedresas e para tódolos veciños e veciñas de Marín». «Por iso, os socialistas de ámbolos concellos esixímoslle ao Goberno de España, e particularmente á Dirección Xeral de Costas, que estude tódalas alternativas técnicas que estime oportunas para preservar a costa e para protexer a renaturalización de todo este fermoso espazo da ría de Pontevedra, pero que iso sexa compatible -afirma Puentes- con ter un paseo marítimo peonil e ciclista finalizado e completo, desde as praias do concello de Marín até o centro de Pontevedra e a parroquia de Bora, onde remata o paseo do Lérez»

Tal e como subliña Iván Puentes, «a conexión peonil de Pontevedra con Marín a través dunha senda peonil pola costa foi, é e seguirá sendo unha prioridade para o Partido Socialista, tanto en Pontevedra como en Marín». Ante as «dúbidas técnicas» expresadas por Costas, o portavoz municipal do PSOE pontevedrés avanzou que o seu partido esixiralle ao Ministerio e ao Goberno de España «que se estuden e adopten diferentes alternativas e solucións, pero que en todo caso se faga realidade esa conexión de Pontevedra con Marín unindo os dous paseos que xa temos ámbolos concellos e nos que quedan simplemente uns metros para que poidan ser completados».

Manuel Pazos asegura que «a conexión peonil entre Marín e Pontevedra é unha prioridade para os socialistas: poder chegar desde a praia de Aguete até practicamente Bora, a través de 19 kilómetros continuos mediante unha senda accesible e ciclista, é unha prioridade para nós». «Desde logo -sostén o portavoz do PSOE marinense-, cremos que existen solucións técnicas para abordalo, que o Ministerio para a Transición Ecolóxica ten que poñer alternativas enriba da mesa, e niso estaremos, pelexando e traballando para facer realidade un proxecto común, colectivo e que apoiamos tódalas forzas políticas, tanto do Concello de Marín como de Pontevedra».

Ante a situación de incerteza que deixou a reunión entre o Goberno Local e a directora xeral da Costa e o Mar, Ana Oñoro, os grupos municipais do PSOE de Pontevedra e Marín anuncian a súa intención de levar aos vindeiros plenos das respectivas corporacións municipais sendas mocións, ás que convidan a sumarse ao resto de formacións políticas, para solicitarlle formalmente ao Goberno de España «que estude esas alternativas e que dunha vez por todas se remate unha infraestrutura pola que tódolos cidadáns levamos moitísimo, demasiado tempo, agardando para que estea completa». Tanto Iván Puentes como Manuel Pazos teñen claro que «o máis importante, que son os intereses dos veciños e veciñas de Pontevedra e Marín, estarán sempre por enriba das siglas de calquera partido político».

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes