Os socialistas de Pontevedra avalan os «dous anos de bonanza e progreso» do Goberno de Pedro Sánchez: «Fixeron posible o despegue económico da nosa cidade e convertérona en capital do emprego, as oportunidades e a calidade de vida»
- O portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, asegura que «este período de xestión progresista traduciuse nun Goberno absolutamente comprometido coas políticas de acceso á vivenda, coa bonificación das peaxes da AP-9 e coa execución de débedas históricas como a reforma do Nó de Bombeiros, o paseo a Marín, o Gran Montecelo ou o destape do río dos Gafos»
- A deputada socialista Marica Adrio subliña «os constantes récords de xeración de emprego que seguen a baterse grazas a unha economía que non deixa de crecer: a ocupación da provincia sitúase neste segundo trimestre de 2025 en 412.900 persoas, 12.100 máis que no mesmo período de 2024, mentres que o número de parados baixa en 6.600 persoas, de 53.500 a 46.900 (nun 12,34%)»
- Para o secretario xeral das Xuventudes Socialistas de Pontevedra, David Fraga, «este Goberno está a ser o máis comprometido da historia coa mocidade galega e pontevedresa, con medidas como o incremento das bolsas nun 60% entre 2018 e 2025, a expedición de máis de 80.000 bonos gratuítos de transporte nos tres últimos anos ou a suba do SMI nun 60%, que cobran máis de 120.000 galeg@s, a maioría xente moza e mulleres»
Pontevedra, luns 28 de xullo de 2025.- En pleno ecuador desta convulsa lexislatura, os socialistas de Pontevedra apelan «á evidencia dos feitos que nos está a deixar a xestión do Goberno de Pedro Sánchez». Fronte aos bulos e á crispación ideolóxica dun PP «cada vez máis escorado á dereita e que mesmo pretendeu converter Pontevedra en Torre Pacheco (cunhas polémicas declaracións de Rafa Domínguez a raíz do suceso da Praza de Barcelos), o PSOE avala estes «dous anos caracterizados pola bonanza e o progreso» para Pontevedra, que «fixeron posible o despegue económico da nosa cidade e a converteron en capital do emprego, as oportunidades e a calidade de vida».
Unha defensa do Goberno progresista que esta mañá expresaron o portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes; a deputada socialista no Congreso Marica Adrio, e mailo secretario xeral das Xuventudes Socialistas de Galicia (XSG) en Pontevedra, David Fraga, acompañados por membros das XSG. Tal e como sinalou Puentes, este período traduciuse «en primeiro lugar, cunhas políticas absolutamente comprometidas co acceso á vivenda, unha das cuestións que máis preocupan na cidade da provincia que acumula unha maior inflación neste eido (e cun custe por metro cadrado un 18% superior á media española)».
Á marxe da aprobación do proxecto para construír 73 vivendas a prezos asequibles nos terreos de Defensa en Campolongo e Mollavao, Puentes lembrou que «7 de cada 10 euros investidos en vivenda en Galicia proceden de fondos xestionados polo Goberno de España» e que «máis de 3.600 galegos e galegas están a beneficiarse de bonos de alugueiro de 250 euros». Asemade, o Executivo de Sánchez puxo en marcha ferramentas como a nova Lei de Vivenda, que permite limitar o prezo do alugueiro a través das zonas de mercado residencial tensionado (o Pleno de Pontevedra xa aprobou unha iniciativa do PSOE para a súa declaración no noso concello); o rexistro obrigatorio e control das vivendas de uso turístico; a creación dunha Empresa Pública Estatal de Vivenda ou o incremento do gasto en vivenda na nosa comunidade (triplicándoo) no plan estatal, co obxectivo de sumar 4.000 vivendas públicas.
Nun contexto no que a Comisión Europea vén de declarar ilegal a prórroga da concesión da autoestrada AP-9, aprobada ilegalmente no ano 2000 polo Goberno de José María Aznar, o portavoz dos socialistas de Pontevedra fixo especial fincapé na «política de bonificación de peaxes pola que apostou este Goberno, posibilitando que desde abril de 2025 os vehículos lixeiros que realizan os seus traxectos de ida e volta en 24 horas dispoñan dun desconto do 100% da peaxe de retorno». «Mentres o PP se dedica a facer regalos ás empresas, que pagamos entre tod@s, os socialistas achegamos solución que alivian os petos dos condutores que empregan a AP-9: entre 2018 e xuño deste ano, os usuarios teñen aforrado máis de 375 millóns de euros ao circular pola autoestrada -afirmou-, fora pola vía de bonificacións directas ou pola de limitar a suba das peaxes».
Iván Puentes tamén quixo poñer en valor os enormes investimentos realizados para dar resposta «a demandas históricas que, paradóxicamente, un presidente pontevedrés non precisamente moi querido na súa cidade, como M. Rajoy, volveu deixar enriba da mesa». Entre estas actuacións, Puentes destacou os 31 millóns de euros procedentes do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (fondos Next Generation) para financiar toda a recuperación da fachada fluvial do Lérez; os 3,7 millóns comprometidos para destapar o río dos Gafos ao seu paso por Campolongo; os 11 millóns para a reforma do Nó de Bombeiros (tantas veces prometida por Ana Pastor); a execución do paseo a Marín; ou os 84,5 millóns transferidos á Xunta para o Gran Montecelo.
Máximo histórico de emprego
A súa compañeira, a deputada socialista Marica Adrio, sacou peito dos «constantes récords de xeración de emprego que seguen a baterse grazas a unha economía que non deixa de medrar e que se converteu en locomotora da UE». Segundo subliñou, «neste segundo trimestre de 2025, España superou por primeira vez os 22 millóns de ocupados, rexistrando un novo máximo histórico (datos da última Enquisa de Poboación Activa publicada polo INE), con máis de 10 millóns de mulleres empregadas».
Unhas cifras positivas que, como apuntou Adrio, tiveron o seu reflexo na nosa comunidade, onde a ocupación subiu en 29.900 persoas en relación ao mesmo trimestre de 2024 e o paro baixou en 13.700, e de xeito moi marcado, na provincia de Pontevedra, «cunha ocupación que sitúa en 412.900 persoas neste segundo trimestre de 2025, 12.100 máis que no mesmo período de 2024, mentres que o número de parados baixa en 6.600 persoas, de 53.500 a 46.900 (nun 12,34%)». «A cidade de Pontevedra pechou o mes de xuño con 2.405 empregos máis -precisou-, dos que 1.302 foron mulleres e 1.103 homes».
A deputada do PSOE tamén destacou «a nova revalorización das pensións do 2,8% da que se beneficiaron case 225.000 pensionistas da provincia de Pontevedra», cun dato que «no caso da nosa cidade, fala por si mesmo: o concello ten hoxe 2.000 pensionistas máis que hai dez anos e unhas pagas un 48% máis altas». Así mesmo, a actualización das entregas a conta impulsada polo Goberno de Pedro Sánchez permitiu que os concellos galegos incrementasen dun xeito moi substancial o financiamento anticipado para gastos correntes e servizos públicos en relación ao ano pasado: o de Pontevedra, ao igual que os de Lugo, Ourense, Vigo e Ferrol, nun 13%, o de Coruña nun 14% e o de Vilagarcía de Arousa nun 8%.
Pola súa banda, o secretario xeral das Xuventudes Socialistas de Pontevedra afirmou que «este Goberno está a ser o máis comprometido da historia coa mocidade galega e pontevedresa, con medidas como o incremento das bolsas nun 60% entre 2018 e 2025 (de 86 a 138 millóns de euros, cun importe medio que subiu un 47%, de 1.792,32 a 2.637,44 euros), a expedición de máis de 80.000 bonos gratuítos de transporte nos tres últimos anos ou a suba do SMI nun 60% (de 736 a 1.186 euros), que cobran máis de 120.000 galeg@s, a maioría xente moza e mulleres».
No que atinxe ao desemprego xuvenil (menores de 25 anos) en Galicia, David Fraga reseñou que este pasou do 30% ao 26% (onde chegou a ser do 48% en 2013): «A mocidade desempregada menor de 29 anos pasou do 23,8 ao 18,3%». «En xuño de 2018 -matizou-, o 4,5% dos contratos iniciais asinados eran indefinidos (4.530). En xuño de 2025, o 26,67%».
O programa Verán Xove, que permite viaxar con descontos de ata o 90% en transporte público, e o compromiso dunha tarxeta única de transporte que unifique e abarate as tarifas son outras das promesas do Goberno de Pedro Sánchez coa mocidade que Fraga quixo poñer en valor.

Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS