O socialista Iván Puentes impulsa a creación dunha Comisión de Convivencia Cidadá e da Verdade co obxectivo de atallar os problemas de Pontevedra «con datos certos e non coa desinformación e as mentiras que queren espallar Rafa Domínguez e o PP»
- O portavoz municipal do PSOE carga contra a manipulación estatística e a «deriva de tolemia e demagoxia absoluta» na que se instalaron os ‘populares’ para «facernos crer que vivimos nunha cidade imposible, insegura e na que a un se lle acoitela cando pasea pola rúa»
- «Que pensarán todas aquelas persoas que viven do turismo na nosa cidade cando o líder do PP e aspirante a alcalde di que, nesta cidade, a un se lle acoitela cando pasea pola tarde? É unha frase tan absolutamente repugnante que a calquera dirixente político lle debería dar vergoña pronunciala. É unha frase que o vai perseguir durante toda a vida»
Pontevedra, mércores 11 de xuño de 2025.- Conscientes de que tan grave é esaxerar os feitos como minusvaloralos e mirar cara a outra parte, os socialistas de Pontevedra consideran que «o sentido común» debe imperar á hora de abordar tanto sucesos como a pelexa acontecida en Barcelos hai uns días como a crecente presenza de persoas con trastornos por consumo de substancias en varios puntos do centro da cidade. Co obxectivo de controlar e atallar estas situacións, o Grupo Municipal do PSOE elevará ao Pleno da Corporación unha proposta para crear un instrumento recollido no ROP (Regulamento Orgánico do Pleno, artigo 134.3): unha Comisión Especial de Convivencia Cidadá e da Verdade que permita informar á cidadanía sobre o que realmente acontece en Pontevedra «con datos certos e non coa desinformación que espallan Rafa Domínguez e o PP».
A iniciativa foi explicada esta mañá polo portavoz socialista, Iván Puentes, nunha rolda de prensa na que cargou con dureza contra «a estratexia da desinformación e a mentira» na que está somerxido Rafa Domínguez, nun intento de «enfrontarnos a uns cidadáns de Pontevedra con outros, simplemente para facernos crer que vivimos nunha cidade imposible, insegura e na que a un se lle acoitela cando pasea pola rúa». «Só por poñer un exemplo, na pasada semana Rafa Domínguez fixo unha comparecencia pública acompañado dunha ‘influencer’ que ten o PP, que traballa máis o tuit e os retuits que a verdade e a política con sentido común, e dixeron algo que non sei se pasou desapercibido, pero que é sumamente grave: dixéronlle á cidadanía -subliñou- que desde o ano 2018 os delitos se incrementaran en Pontevedra case nun 18% e que, polo tanto, vivíamos nunha escalada de inseguridade; obviando de xeito deliberado o contexto deses datos e que os delitos penais, que é o que todo o mundo entende por inseguridade (pelexas, agresións, denuncias vinculadas á seguridade física…), non só non se incrementaron, senón que descenderon nos últimos anos. Ese incremento do 18% ao que se referiu o PP está relacionado fundamentalmente con delitos de ciberdelincuencia: estafas de criptomoedas e de ámbito dixital que teñen vítimas en Pontevedra, que evidentemente, por unha pura cuestión de evolución tecnolóxica, en 2018 eran moito menores que en 2025. É dicir, non teñen nada que ver con agresións físicas».
Iván Puentes afirmou ser «plenamente consciente de que existe un problema en Pontevedra, cun importante incremento, nos últimos anos, de persoas que viven na rúa, que consumen drogas e alcol na rúa, que teñen disputas entre elas e que mesmo increpan a algúns veciños cando acceden aos seus domicilios, en zonas como Augusto García Sánchez, A Ferrería ou Santa Clara». Na súa opinión, estes individuos non plantexan unha problemática de inseguridade cidadá, «pero si un problema de convivencia cidadá ante o que o Concello e as demais institucións públicas teñen que reaccionar e actuar para atopar solucións». «A iso -precisou- é ao que se ten que dedicar esta Comisión de Convivencia Cidadá e da Verdade; a que durante o tempo que duren os traballos da mesma, os diferentes grupos políticos poidamos chamar a ela para que dean o seu relato dos feitos, conten as súas experiencias e trasladen as súas propostas ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, á Policía Local, ás asociacións veciñais, a veciños a título particular, á hostalería, ao comercio, ás oenegués que traballan no eido da atención social e, en definitiva, aos diferentes axentes sociais que convivimos e desenvolvemos o noso día a día nesta cidade. Unha vez teñamos escoitado a tódolos axentes implicados, entre as tres forzas políticas con representación neste Concello poderemos buscar fórmulas de solución e colaboración con Deputación, Xunta e Goberno de España para atallar, con sentido común, responsabilidade e, sobre todo con datos certos (non con demagoxia), esas crecentes dificultades de convivencia existentes en Pontevedra».

Tal e como sinalou, «se o que realmente nos interesa é unha convivencia pacífica e o benestar dos veciños e veciñas, e non o mesmo que fai Ayuso en Madrid, que fai Vox no resto de España e que están a facer Rafa Domínguez e Pepa Pardo en Pontevedra, o sentido común tería que imperar e esta Comisión debería gozar do apoio maioritario dos grupos políticos». Neste sentido, Puentes asegurou estar «francamente preocupado desde que o Partido Popular agravou a súa deriva cara ao discurso do odio, da ultradereita e da desinformación, xogando politicamente con algo tan sensible como é a seguridade cidadá e a percepción de seguridade dos veciños e veciñas de Pontevedra e utilizando uns feitos graves, como a violenta pelexa acontecida a pasada semana na Praza de Barcelos, desde un punto de vista partidista e político, para facer algo que para nós é absolutamente miserable, que é intentar arrapañar uns cantos votos». Ao seu xeito de entender, trátase de «acontecementos graves que deberían unirnos a tódolos partidos políticos para traballar da man e lograr que feitos coma este non se volvan a producir na nosa cidade».
O líder socialista considera que Rafa Domínguez e o PP decidiron instalarse «nunha deriva de tolemia e demagoxia absoluta», chegando a pronunciar «frases tan graves, que eu creo que o perseguirán durante toda a vida, como que Pontevedra é unha cidade na que a un xa se lle acoitela cando pasea ás tardes pola rúa». «É unha frase tan absolutamente repugnante -censurou- que a calquera dirixente político lle debería dar vergoña pronunciala. Eu pregúntome se Rafa Domínguez é consciente do dano que lle provoca á cidade. Que pensará a hostalería? Que pensará o comercio? Que pensarán os propietarios de aloxamentos turísticos? Que pensarán todas aquelas persoas que viven do turismo na nosa cidade cando o líder do PP e aspirante a alcalde di que, nesta cidade, a un se lle acoitela cando pasea pola tarde? Que pensarán cando se pide que compareza o ministro do Interior, Grande-Marlaska, no Congreso dos Deputados para falar dunha pelexa nunha praza de Pontevedra, amplificando aínda máis a nivel estatal esa pelexa e eses feitos, graves pero puntuais, que aconteceron en Barcelos?».
Os datos da Subdelegación desminten a un PP que pretende poñer o foco en dous colectivos: os inmigrantes e a poboación con menos recursos
Iván Puentes quixo deixar claro que a Comisión de Convivencia Cidadá proposta polos socialistas «non ten nada que ver co grupo de traballo que propón o PP, fundamentalmente xa polo seu propio fin: eles o plantexan como un paso máis da súa estratexia para facernos crer que en Pontevedra existe un crecente problema de seguridade e que vivimos nunha cidade insegura». Unha tese que contrasta cos datos expostos polo subdelegado do Goberno, «que son teimudos e que din que en 2024 se reduciron un pouco os delitos con consecuencias penais e que nos primeiros catro meses de 2025 reducíronse moito, ata un 7%». «Se nos centramos exclusivamente nas pelexas, hoxe hai exactamente o mesmo número de pelexas nas actúa a Policía que nos catro primeiros meses do ano anterior; polo tanto, o PP pretende crear ese grupo de traballo para seguir fomentando esa persecución a determinados colectivos: poñen o foco en dous colectivos moi claros, que son a poboación inmigrante da nosa cidade e a xente con poucos recursos».
Así, para Puentes, cando os ‘populares’ vinculan o funcionamento dos servizos sociais coa inseguridade, «indirectamente, o que están a facer é vincular pobreza con inseguridade», porque «esa é a verdadeira intención de Rafa Domínguez e do PP, dividir á sociedade e sementar en Pontevedra o discurso da ultradereita». Pola contra, a Comisión impulsada polo PSOE «fala de convivencia, de ter datos, de que veñan as estatísticas ao Concello, de que saibamos exactamente en que situación estamos e que problemas hai e, a partir de aí, buscar solucións».

Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS