Saltar al contenido

¡Síguenos!

O socialista Iván Puentes esíxelle ao BNG que poña fin «á tolemia e ao conflito artificial» que xerou cos feirantes e alerta da intención dos nacionalistas de «disfrazar cun informe falso o que é unha clara decisión política de cargarse a feira ambulante dos sábados en Pontevedra»

  • Puentes alerta sobre o serio risco no que o Goberno Local está a poñer a continuidade do mercadillo, advertindo de que «só falta unha cousa, que os señores Mosquera, Gulías e Villaverde, coa desculpa de que os feirantes están en folga e de que non se está a montar a feira, decidan suspender a súa celebración de xeito indefinido: sería a estocada definitiva, a proba do nove de que efectivamente o que está detrás da decisión deste Goberno Local xa non é só o traslado a un lugar imposible, senón a desaparición da feira»
  • O portavoz do PSOE subliña que os intentos de levar a feira á avenida de Bos Aires amosaron que se produce «unha alteración evidente do tráfico, aínda sen celebrarse o mercadillo e sen que os cortes que están contemplados no plan de tráfico foran plenamente implementados»
  • O socialista desmonta o suposto informe técnico «chusco e impresentable» asinado pola propia Anabel Gulías para tentar sustentar «todo o artificio» sobre as bondades da avenida de Bos Aires: «É máis digno de que o asine Iker Jiménez, porque semella A Nave do Misterio (o río Lérez estaría máis preto que a Alameda do centro da cidade, o encaixonado contorno do Mercado tería menos barreiras arquitectónicas que a Alameda, aplica unha delirante fórmula matemática, puntúa do mesmo xeito a opinión dos feirantes que do resto de colectivos e manipula de xeito descarado os baremos de puntuación)»

Pontevedra, 9 de outubro de 2023.- «Onde non había absolutamente ningún problema e se celebraba unha feira con total normalidade e notable éxito, que era na Alameda, hoxe temos un conflito e problemas tódalas fins de semana. Onde existía unha solución que funcionaba para a feira ambulante, que en só tres meses logrou o obxectivo de revitalizar o noso mercadillo, hoxe temos un informe falso, de parte e que pretende disfrazar de decisión técnica o que é unha clara decisión política de non recoñecer o éxito do PSdeG ao levar a feira á Alameda e de querer cargarse a feira ambulante dos sábados en Pontevedra». Deste xeito alertou o portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, sobre o serio risco no que as decisións do BNG están a poñer a continuidade do mercadillo, advertindo de que «só falta unha cousa, que os señores Mosquera, Gulías e Villaverde, coa desculpa de que os feirantes están en folga e de que non se está a montar a feira, decidan suspender a súa celebración de xeito indefinido: sería a estocada definitiva, a proba do nove de que efectivamente o que está detrás da decisión deste Goberno Local xa non é só o traslado a un lugar imposible, senón a desaparición da feira».

Nunha comparecencia que tivo lugar esta mañá na Sala de Prensa do Concello e na que estivo acompañado pola concelleira Yoya Blanco, Puentes pediulle aos nacionalistas que deixen de «dar tumbos», amagando con instalar o pulpeiro nunha ubicación inviable no contorno da rúa Serra (froito do rexeitamento dos veciños, aínda se descoñece o hipotético emprazamento do pulpeiro), e que teñan «humildade e capacidade de rectificación e de recoñecer que os demais grupos políticos tamén poden acertar, gobernar e adoptar decisións correctas». «Esixímoslle ao BNG -sinalou o líder socialista- que lle poña fin a esta tolemia, a este conflito artificial que nos está a prexudicar a todos, e devolva a feira á Alameda sen necesidade de que sexa o Pleno que vote e modifique a ordenanza para poder facer o que inevitablemente se vai facer, que é trasladar o mercadillo á Alameda. Pódese facer agora, en lugar de dentro duns meses. Canto máis tempo gañemos, menos terán que padecer os pontevedreses as consecuencias deste conflito».

Tal e como apuntou Iván Puentes, a obstinación do BNG «cun emprazamento absolutamente absurdo» traduciuse en dous intentos de celebrar a feira na avenida de Bos Aires que tiveron un resultado «claramente negativo», dando lugar a tensións innecesarias entre os feirantes e a Policía Local e a colapsos de tráfico nun momento en que non os debería haber, como os sábados ao mediodía, e que en ningún caso se deberon ás protestas dos feirantes, xa que «antes e despois destas protestas, os atascos continuaron máis aló das dúas da tarde, afectando á saída e á entrada da cidade». Ao seu xeito de entender, trátase duns problemas de tráfico «que eran facilmente predecibles, posto que son os mesmos que se poden observar cando se producen cortes por obras de mantemento ou a celebración de determinados eventos», e que se dan «a pesar de que a ponte de Santiago, en contra do que establece o plan de tráfico, estivo funcionando cando menos nun sentido, e por momentos nos dous, para permitir o tránsito de vehículos, cousa que non sucedería se a feira se chegara a celebrar de xeito normal neste punto, xa que a ponte de Santiago estaría tamén cortada».

«Ademais, estivo operativo o carril máis próximo ao Mercado de Abastos, polo que se permitía o tránsito de vehículos entre a ponte das Correntes e a de Santiago. Un carril que, no caso de que se aplique o plan de tráfico previsto para cando a feira funcione con normalidade, estará cortado, posto que só se contempla por el o acceso ao estacionamento soterrado da Praza, pero non o paso de coches de ponte a ponte. A isto hai que engadir -matizou- que os dous intentos na avenida de Bos Aires tiveron lugar sen que a feira chegara a celebrarse, polo tanto, sen moito tránsito de xente pola avenida de Bos Aires, cos pasos de peóns liberados e sen veciños que atravesen para acudir ao mercadillo. É dicir, prodúcese unha alteración evidente do tráfico, aínda sen celebrarse a feira e sen que os cortes que están contemplados no plan de tráfico foran plenamente implementados».

«Este conflito é absolutamente evitable. Non existe outra razón que a tozudez do señor Mosquera e das señoras Gulías e Villaverde»

Iván Puentes lamenta que a postura intransixente do BNG derive «na perda de máis fins de semana sen que os ambulantes poidan vender e xerar ingresos e de actividade para o conxunto dos pontevedreses, posto que cando a feira se celebraba na Alameda existía toda unha actividade económica vencellada á mesma durante os sábados». Segundo afirmou, «pola terquedade do BNG levamos xa tres meses sen poder beneficiarnos dela tódolos cidadáns». «En contrapartida, temos unha nova fin de semana dun conflito artificial, de protestas e dunha situación que é absolutamente evitable. Non existe outra razón que non sexa a tozudez de alomenos tres concelleiros do Goberno Municipal, que son o señor Mosquera, a señora Gulías e a señora Villaverde, empeñados, en contra do criterio de todo o mundo, en ubicar a feira na avenida de Bos Aires, un lugar surrealista e inexplicable».

Puentes salientou que o único sustento do argumentario nacionalista para querer trasladar a feira ambulante a avenida de Bos Aires «é un suposto informe técnico que non asina nin un só técnico municipal, senón única e exclusivamente unha concelleira, que é a señora Gulías, e que polo tanto é un informe político». «Convido a calquera persoa a que o lea para sacar as súas propias conclusións, xa que é un informe máis digno de que o asine Iker Jiménez, porque semella practicamente A Nave do Misterio. É imposible deducir, aínda dese informe, que o mellor emprazamento da feira sexa a avenida de Bos Aires. En primeiro lugar, todo parte dun engano -explicou-, que é o de poder situar o centro da cidade onde a un lle apeteza que estea o centro da cidade. Para este informe é o cruce entre as rúas Benito Corbal e Daniel de la Sota. Froito disto, resulta que a avenida de Bos Aires está máis preto do centro da cidade que a Alameda. Acabamos de descubrir co informe ‘ad hoc’ deste Goberno que o río Lérez está máis céntrico que a Alameda».

En segundo termo, valórase como mellor ubicación que a Alameda porque, supostamente, carece de barreiras arquitectónicas. Unha avenida de Bos Aires que está, por un lado circundada e pechada por un río e polo outro pechada por unha medianeira en desnivel e axardinada, «que non permite o acceso salvo trepando por enriba dos setos», e cun carril que está habilitado para entrar e saír do estacionamento da Praza de Abastos». Isto signfica, como precisou Iván Puentes, que só contaría con dous accesos nas respectivas cabeceiras (un á altura do paso de peóns da ponte do Burgo e outro polo paso peonil da ponte de Santiago, este último coa estrada semicortada), pero como na Alameda temos unha ducia de accesos, algún deles ten escaleiras e se resta por ter accesos con barreiras arquitectónicas, «pois resulta que a avenida de Bos Aires sae mellor parada que a Alameda, aínda cando ten un enorme acceso sen barreiras».

«Os feirantes din expresamente que non queren a avenida de Bos Aires e o informe mételles igualmente 10 puntos extra porque interpreta que é a ubicación que mellor resposta a ese criterio de centralidade manipulado»

O portavoz socialista ironizou sobre «a fórmula supostamente matemática, que parece sacada da Nasa e que supoño que terá detrás a man do señor Mosquera, feita ‘ad hoc’ para darlle os puntos que precisa o seu emprazamento», e amosou o seu pasmo polo feito de que «se lle dea exactamente a mesma puntuación á valoración e ós desexos dos ambulantes que do resto de colectivos que o BNG convidou a participar de xeito arbitrario nesa suposta consulta». «Os feirantes manifestaron que non querían a feira en Rafael Areses, que a querían nun lugar céntrico, que a súa preferencia é a Alameda e que, no caso de que esta non pode ser, a alternativa predilecta sería Campolongo. Pois resulta que lle outorgan 20 puntos á Alameda, 20 a Campolongo -denunciou Iván Puentes-, e 10 puntos á avenida de Bos Aires cunha chamada que di: ‘Asígnanselle 10 puntos á avenida de Bos Aires, xa que é a que mellor resposta ao criterio de centralidade defendido polo colectivo, aínda que non manifestaron a súa preferencia por este emprazamento’… Como resulta que non nos daba a puntuación suficiente para levar a feira a Bos Aires, metémoslle 10 puntos extra ás propostas dos feirantes, que din expresamente que non queren a feira na avenida de Bos Aires, porque interpretamos das súas palabras que é o que mellor responde ao que eu creo que é o centro da cidade e que inicialmente vén manipulado para que o centro estea máis preto do río que da Alameda».

Para Puentes, este é un informe «absolutamente chusco, impresentable, que non se pode chamar nin informe e que no único no que se sustenta todo este artificio e toda esta trapallada de tentar convencernos de que a feira está mellor ubicada na avenida de Bos Aires que na Alameda». O líder do PSOE anunciou que o seu partido rexistrou unha petición para poder ter acceso «a todo o expediente que sustenta esta decisión surrealista» e comprobar, entre outras cousas, «se existe un informe da Policía Local sobre a afección ao tráfico na avenida de Bos Aires». «Lembren -indicou- que cando decidimos levar a feira á Alameda, o grande argumento que tiña o BNG para opoñerse tiña que ver cos inxentes problemas de tráfico que ía xerar na rúa Alameda e no centro da cidade. E houbo entón un informe da Policía Local encargado e feito de xeito exprés para tentar paralizar o traslado do mercadillo. Curiosamente, a día de hoxe, non coñecemos ningún informe da Policía Local que sustente a viabilidade da feira na avenida de Bos Aires ou que advirta de que se producen menos afeccións do que se producirían se a feira estivese na Alameda».

«Están retorcendo os prazos e xogando cos trámites administrativos para tentar dilatar ao máximo a nosa proposta de modificación e a aprobación dunha ordenanza que saben que será modificada»

Por outra banda, Puentes subliñou que o PSOE sigue á espera de que, tras rexistrar o pasado 14 de agosto a súa proposta para modificar a actual ordenanza reguladora de venda ambulante, esta sexa levada a Pleno. «É certo que, ao ser unha modificación normativa, debe contar antes de ser levada a Pleno cun informe de Secretaría e con outros informes técnicos, e que hai 30 días para poder emitir, pero estamos xa chegando aos dous meses desde que se rexistrou esta iniciativa e, polo tanto, próximos a ter que pensar que se está a dilatar dun xeito interesado para non levala a Pleno, que non se poida debater e ver se así, obrigando aos feirantes a non vender semana tras semana, lles conseguen dobrar o pulso pola vía da necesidade de ingresos», engadiu.

Os socialistas tamén seguen á espera de que sexa levada a Pleno a nova ordenanza de venda ambulante, que finalizou o seu período de exposición pública, que conta con informe da asesoría xurídica á única alegación presentada e con informes do Servizo… «Está todo completo desde finais do mes de agosto -afirmou Puentes- para que esa ordenanza sexa levada a Pleno. Pasaron xa dous meses e a nova ordenanza de mercados aínda non foi levada a Pleno. Só podemos pensar que o Goberno Local está retorcendo os prazos e xogando cos trámites administrativos para tentar dilatar o máximo posible a aprobación dunha ordenanza que sabe que será modificada, porque non ten a maioría necesaria no Pleno para evitalo e porque sabe que cando se modifique a ordenanza a feira vai rematar na Alameda, xa que hai unha maioría da Corporación que quere establecer a feira na Alameda como ubicación definitiva».

Puentes lembrou que «levamos xa tres meses sen mercadillo en Pontevedra, desde que o BNG decidiu unilateralmente sacala da Alameda, levala inicialmente a Rafael Areses, abrir despois unha suposta consulta na que chamaron arbitrariamente a quen lles interesaba e rematar poñendo a ubicación nun sitio que ninguén pediu, moito menos os feirantes e as persoas que desenvolven a súa actividade comercial no contorno da Alameda».

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes