O socialista Iván Puentes esíxelle á Xunta que deixe de «dar bandazos» co Plan Funcional do Gran Montecelo e urxe o traslado prioritario da unidade de Hospitalización Psiquiátrica «tan pronto como se poña en marcha a nova fase do Hospital»
- A moción rexistrada polo Grupo Municipal do PSOE demanda o cumprimento integral do Plan Funcional aprobado polo propio PP en xuño de 2017 e insiste en reclamarlle ao Goberno autonómico que garanta o uso sanitario ou socio sanitario do Hospital Provincial e que priorice a compra do antigo asilo de Loureiro Crespo para destinalo a residencia universitaria
- Na comparecencia, o concelleiro Manuel Fariña tamén deu a coñecer unha serie de emendas coas que se pretende que a «pouco traballada» moción do PP sobre a cobertura das prazas de bedeis nos centros escolares recolla na súa parte resolutiva «o que realmente demanda a comunidade educativa»
Pontevedra, 15 de outubro de 2024.- Instar á Xunta ao cumprimento integral do Plan Funcional do Gran Montecelo aprobado o 23 de xuño de 2017 e a trasladar ao novo complexo hospitalario, de xeito prioritario, a unidade de Hospitalización Psiquiátrica (agudos) tan pronto como se poña en marcha a nova fase do Hospital. Son as principais demandas recollidas nunha moción que o Grupo Municipal do PSOE acaba de rexistrar e na que o seu portavoz, Iván Puentes, tamén insiste en esixirlle ao Goberno autonómico «que garanta o uso sanitario ou socio sanitario do Hospital Provincial unha vez que remate o traslado de tódolos servizos actuais ao novo Hospital de Montecelo», e que «busque alternativas, dentro da cidade, para a construción da futura residencia universitaria, explorando de xeito preferente a compra do antigo asilo de Loureiro Crespo para este fin».
A iniciativa, que os socialistas levarán ao vindeiro Pleno da Corporación, foi presentada esta mañá no Concello no transcurso dunha comparecencia na que o propio Puentes estivo acompañado polos concelleiros Yoya Blanco, Manuel Fariña e Marcos Rey. O líder do PSOE amosou o seu «malestar e fonda preocupación ante os constantes cambios de guión que o PP está a protagonizar á hora de cumprir, ou máis ben de incumprir de maneira sistemática, o Plan Funcional que a mesma Xunta aprobou».
Tal e como sinalou, o último destes bandazos foi revelado o pasado 24 de setembro nunha entrevista na que o xerente da Área Sanitaria de Pontevedra «admitiu que cando menos cinco servizos hospitalarios dos actualmente prestados no Hospital Provincial permanecerán neste centro hospitalario ‘sine die’, máis aló do remate das obras do Gran Montecelo, en concreto ata que non se reforme a parte antiga do Hospital». «O xerente fai un novo xiro de timón -subliñou Iván Puentes- poñendo en cuestionamento o propio uso do Provincial trala entrada en funcionamento do novo Montecelo, desvelando por primeira vez que, aínda que o óptimo sería que os recursos quedaran concentrados no novo Montecelo xa reformado, se as infraestruturas non son capaces de satisfacer a demanda de prestacións sanitarias, o ideal sería manter con pulso o Hospital Provincial».
Unhas afirmacións que, segundo apuntou o portavoz do PSOE, supoñen «un novo cambio de guión no que foi unha persistente e errada promesa do PP, a de transformar o Provincial en residencia universitaria, e deixan aberta a porta a manter ‘sine die’ neste centro hospitalario determinados servizos que ían ser trasladados ao novo Montecelo con máis e mellores prestacións». Entre as áreas afectadas inclúense: o Servizo de Oncoloxía, que só trasladará as consultas a Montecelo e manterá a planta de Hospitalización no Provincial; Medicina Interna, do que só se trasladará unha porcentaxe das camas reservadas para ingresos; e Psiquiatría, Coidados Paliativos e Cirurxía Ambulatoria, que permanecerán integramente no Provincial (unicamente serán trasladados a Montecelo cando entre en funcionamento a nova fase as Urxencias Pedriátricas, Pediatría, Obstetricia, Xinecoloxía e Neuroloxía).
Para Puentes, este posicionamento do Sergas e a Xunta implica «a posibilidade de que se incumpra o Plan Funcional do Novo Montecelo» e evidencia «a discriminación dunhas unidades e servizos respecto doutros, caso de Cirurxía Ambulatoria ou Psiquiatría, en especial este último, que ten actualmente un carácter de unidade de hospitalización de agudos e que, en base á Lei Xeral de Sanidade, debe estar situada nun hospital xeral». «Estamos especialmente preocupados pola unidade de Psiquiatría, situada nun emprazamento que non é precisamente o óptimo para acoller este servizo, que ten déficit de camas, de profesionais e, en definitiva, de atención á cada vez maior poboación que demanda e precisa desta atención de calidade na nosa cidade», asegurou.
Temor a que residencia universitaria quede no caixón
En opinión de Iván Puentes, coa nova postura expresada polo xerente, «a Xunta se desdí da machacona promesa de destinar o Hospital Provincial a residencia universitaria, unha proposta para nós errónea desde o primeiro momento», pero que «o temor que temos é que detrás dela se agoche novamente o esquecemento desta promesa, dunha residencia universitaria que tanto a Universidade de Vigo como Pontevedra precisan urxentemente». «Agardemos que, coa escusa de manter servizos no Provincial, non se abandone directamente e deixen de buscarse alternativas como a que propuña o Partido Socialista nunha moción aprobada no Pleno, que era a de mercar o antigo asilo de Loureiro Crespo para situar alí a residencia… O tempo -afirmou Puentes- está a darnos a razón: o Provincial non era a ubicación ideal e había que buscar outras alternativas para dotar a Pontevedra desa residencia».
O socialista incidiu en que «sobre todo, o que se agocha detrás destas declaracións é a negativa da Xunta a facer o que piden desde hai anos os profesionais, os colectivos sanitarios, a cidadanía e o que pide o sentido común, que é destinar o Hospital Provincial a usos fundamentalmente ambulatorios e a usos de hospital de día de atención a pacientes crónicos, que non temos na Área Sanitaria de Pontevedra e que precisamos cada vez máis: un Servizo de Urxencias Extrahospitalarias; unha Unidade de Saúde Mental Comunitaria e Ambulatoria; un novo Centro de Atención Primaria; un Servizo de Rehabilitación Extrahospitalario; un Centro de Orientación Familiar; integrar dunha vez por todas a Unidade de Atención a Drogodependencias (UAD), dependente do Sergas, neste Hospital Provincial; camas para atención de enfermos crónicos, e un Hospital de Día (para persoas dependentes, psiquiatría de adultos e infanto xuvenil)».
Puentes insistiu na necesidade de que a Xunta traslade a Montecelo «con carácter prioritario a Unidade de Hospitalización Psiquiátrica», xa que «a saúde mental é unha das preocupacións fundamentais da sociedade neste momento, trátase dun dos servizos que máis está a crecer e dunha das prioridades de actuación que o Goberno de España ten marcado nos últimos tempos, e non pode ser que sexa a unidade castigada, quedando infradotada no Hospital Provincial ‘sine die’ e cunhas instalacións deficientes».
Emendas a unha proposta do PP para a reposición dos bedeis que «estaba sen rematar»
A comparecencia do Grupo Municipal do PSOE tamén serviu para dar a coñecer unha serie de emendas realizadas á proposta que o PP levará a Pleno en relación á necesidade de mellorar a reposición de persoal nos centros educativos de Pontevedra. Segundo explicou o concelleiro Manuel Fariña, «os socialistas consideramos que a iniciativa presentada pola edil Aroa Otero non está de todo traballada, ou máis ben que está sen rematar, xa que na parte resolutiva non consta precisamente o que a comunidade educativa dos diferentes colexios afectados nos demanda, e por iso propoñemos que se nutra con varias emendas».
Así, o PSOE plantexa que o segundo punto da moción, no que se insta á Xunta de Galicia a crear unha lista para cubrir de forma inmediata as baixas de bedeis nos centros educativos do concello de Pontevedra, sexa substituído por outro parágrafo no que se propón «crear un novo procedemento de chamamento da actual lista de substitutos que minimice os tempos de cobertura a un máximo dunha semana, no caso de baixas superiores a 15 días para o persoal que realice as funcións de bedel ou asimilable, é dicir, traballar dun xeito semellante ao que a Xunta emprega co resto dos traballadores».
Ademais, os socialistas queren que se lle engadan ao texto outros dous puntos: 1. Convocar de xeito excepcional un proceso de contratación temporal mediante o sistema de listas abertas por mérito, que permita crear unha verdadeira lista de substitutos para postos de bedel ou asimilables (a lista actual é de 22 persoas e non resulta funcional na práctica, xa que a meirande parte delas está traballando); 2. Crear, na vindeira oferta de Emprego Público, as prazas necesarias para que se cubran os postos de bedel en tódolos centros públicos do concello. «Consideramos que isto melloraría en positivo a proposta do PP, polo que agardamos que as emendas se introduzan no texto definitivo que irá a Pleno o luns 21 pola tarde e poidamos aprobalo entre todos», matizou Manuel Fariña.
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS