Saltar al contenido

¡Síguenos!

O socialista Iván Puentes aviva o proxecto para facer realidade a Vía Verde das Rías Baixas: reclámalle á Deputación Provincial que estea «á altura do legado que recibiu» e asuma os treitos pendentes para a conexión peonil e ciclista de Vilagarcía, Pontevedra e Vigo

  • A través dunha proposta que será debatida no Pleno deste mes, o portavoz municipal do PSOE urxe ao Goberno presidido polo ‘popular’ Luis López a solicitarlle formalmente ao Ministerio de Transportes a cesión das vías en desuso entre Pontevedra e Arcade e a comprometerse a executar tódolos tramos pendentes entre Portas e Chapela (Redondela)
  • Na moción rexistrada polos socialistas tamén se lle solicita á Deputación a sinatura dun convenio coa Xunta para a redacción dos proxectos construtivos e a execución material dos treitos de Vía Verde entre Portas-Pontevedra e Pontevedra-Arcade, no que a Administración autonómica asuma, cando menos, o 35% do importe da obra

Pontevedra, 2 de maio de 2025.- O socialista Iván Puentes segue a manter máis viva que nunca a súa ambición de conectar Vilagarcía, Pontevedra e Vigo a través dun itinerario peonil e ciclista continuo. Impulsor durante o anterior mandato, como concelleiro de Desenvolvemento Sostible, do plan para estender a Vía Verde do Salnés a través de Portas, Pontevedra e Arcade, o portavoz municipal do PSOE decidiu avivar o proxecto para facer realidade a gran Vía Verde das Rías Baixas, rexistrando unha proposta na que lle reclama á Deputación Provincial que se implique, estea «á altura do legado que recibiu» e asuma a execución de tódolos tramos pendentes entre Portas e Chapela (Redondela).

O contido desta iniciativa, que será debatida no Pleno ordinario que a Corporación celebrará este mes, foi explicado polo propio Puentes no transcurso dunha comparecencia celebrada hoxe na Sala de Prensa do Concello. Na proposta de acordo que lles plantexou aos outros grupos políticos ínstase ao Goberno presidido polo ‘popular’ Luis López a solicitarlle formalmente ao Ministerio de Transportes a cesión das vías en desuso entre Pontevedra e Arcade e a promover a sinatura dun convenio de colaboración coa Xunta para a redacción dos proxectos construtivos e a execución material dos treitos de Vía Verde entre Portas-Pontevedra e Pontevedra-Arcade, no que a Administración autonómica asuma, cando menos, o 35% do importe da obra (en liña co compromiso adquirido no seu día para a Vía Verde do Salnés).

Do mesmo xeito, o líder do PSOE reclámalle á Deputación que promova, coas alcaldías de Pontevedra, Vilaboa, Soutomaior, Portas, Caldas de Reis e Barro, a rúbrica doutro convenio, «nos mesmos termos que o asinado en 2018 cos concellos de Vilagarcía, Caldas de Reis e Portas», así como o inicio do estudo para conectar esta nova infraestrutura coa Vía Verde Vigo-Redondela. Para Iván Puentes, «unha vez que se achegue a Vía Verde do Salnés ata Pontevedra (un itinerario de 24 km.) e que se execute a que agora habilita o Goberno de España entre a estación de trens de Pontevedra e Arcade (outros 14 km.), tan só quedaría pendente unir mediante senda peonil e ciclista Arcade con Chapela (16 km.) para enlazar todos estes treitos de Vía Verde coa actual Vigo-Redondela (5 km.), é dicir, para a creación da Vía Verde das Rías Baixas».

«O Ministerio de Transportes xa expresou a súa vontade de cesión das vías entre Pontevedra e Arcade en varias respostas parlamentarias e vén de expresarllo novamente ao alcalde de Vilaboa, César Poza. Mentres se suceden as novidades, a Deputación está a reaccionar cun comportamento errático. A última mostra deste nerviosismo e do absoluto descoñecemento da realidade -lamentou Puentes- foi publicar nun xornal unha carta do presidente remitida ao Ministro de Transportes antes de enviala, esquecéndose ademais por completo da Vía Verde entre Pontevedra e Portas».

Tal e como sinalou, «tócalle agora á Deputación estar á altura o legado que recibiu, sentar coa Xunta de Galicia e asinar o convenio para redactar o proxecto e realizar as obras destes novos tramos de Vía Verde, ademais de solicitar formalmente a cesión das antigas vías e asumir o compromiso de execución e mantemento destas actuacións».

«Dado que os concellos xa temos manifestado a nosa vontade de se poida executar esta infraestrutura, o que os socialistas reclamamos -aseverou Puentes- é que tanto a Deputación Provincial de Pontevedra como a Xunta de Galicia poñan as pilas e asuman o que é un compromiso pendente de hai moitísimos anos… Agora, cando se coñece publicamente a intención do Ministerio de desbloquear a Vía Verde entre Pontevedra e Arcade, a Deputación pon de novo as luces curtas e céntrase única e exclusivamente nese tramo, que sería unha vía verde absolutamente illada e que cobraría moito máis sentido se a conectamos coa de Vigo-Chapela e coa de Vilagarcía-Portas, ademais de co que está facendo Pontevedra xa para chegar até Portas. Hai que ter unha ambición e un concepto de provincia e falar desa Vía Verde das Rías Baixas».

Unha oportunidade inmellorable para executar a que está chamada a converterse na Vía Verde máis importante do Noroeste de España (59 quilómetros entre Vilagarcía e Vigo)

En opinión do portavoz socialista, «a dispoñibilidade expresada en reiteradas ocasións polo Ministerio de Transporte, mesmo en días recentes, para a cesión dos 14 km. de vías en desuso entre Pontevedra e Arcade, é unha oportunidade que lles toca liderar á Deputación e á Xunta e que abre as portas a crear a quinta Vía Verde de Galicia (a terceira da provincia)». «Unha gran Vía Verde das Rías Baixas que, cun trazado de 59 quilómetros entre Vilagarcía e Vigo, está chamada a converterse na Vía Verde máis importante do Noroeste de España», asegurou.

Segundo relatou Iván Puentes, «o anterior goberno da Deputación de Pontevedra, presidido polo Partido Socialista, liderou a execución da Vía Verde do Salnés, a primeira da provincia, e mesmo obrigou co seu impulso a unha Xunta de Galicia obstrucionista a asumir a reparación da vella ponte ferroviaria de Portas». Así, no ano 2010 a Xunta elaborou un estudo sobre tramos ferroviarios en desuso co obxectivo de convertelos en vías verdes de aproveitamento socioturístico, do que nunca máis se volveu saber nada e, posteriormente, a ex conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, comprometeu un 35% de financiamento para a Vía Verde do Salnés, pero nunca chegou a asinar convenio coa Deputación nin cos concellos para tal fin. «Tanto foi así -apuntou Puentes- que, diante de tanta incerteza e falta de compromiso, a Deputación decidiu asinar unilateralmente o convenio cos municipios afectados».

Un documento de colaboración asinado finalmente en decembro de 2018 con Vilagarcía, Caldas de Reis e Portas e que permitiu inaugurar a primeira vía verde da provincia de Pontevedra en agosto de 2020. Pouco despois, en febreiro de 2021 e baixo o impulso do PSOE nos gobernos locais de Pontevedra e Vilagarcía, os concellos polos que discorre a Vía Verde do Salnés (Vilagarcía, Caldas e Portas) acordaron traballar conxuntamente con Barro e Pontevedra para estender esta senda ata o noso municipio, sumando 15 Km. aos 9 Km. xa executados no Salnés.

Froito dese acordo, a Concellería de Desenvolvemento Sostible elaborou durante o mandato pasado (baixo a dirección de Iván Puentes), xunto co colectivo Pedaladas, unha proposta de trazado para o treito Pontevedra-Portas, que ao longo destes municipios e dos de Barro e Caldas, aproveitase tramos de vía en desuso, como a vella ponte do ferrocarril sobre o río Lérez, treitos do Camiño de Santiago e diversas sendas forestais. O Concello capitalino tamén se encargou de elaborar en maio de 2021 unha memoria valorada da obra, que cifra en 2.010.836,85 euros o custe total de execución material. Ademais, acordáronse coa Fundación dos Ferrocarrís Españois as características desta senda para integrala na rede oficial de Vías Verdes de España.

A raíz de todas estas xestións, o Concello de Pontevedra financiou con fondos europeos a rehabilitación da ponte do Lérez e, a través do Plan de Sostibilidade Turística en Destino, logrou máis financiamento comunitario, concretamente 698.000 euros de fondos Next Generation, para o treito entre a estación de trens e Barro (proxecto que debe ser licitado e executado neste ano 2025). O portavoz do PSOE afirmou que «o único que quedaba e segue a quedar pendente é o compromiso da Xunta para financiar, xunto coa Deputación, os treitos que descorren por Barro, Caldas e Portas».

Sorpresa de Puentes ante o voto en contra do PP en Comisión: «Non sei se existe algún problema entre López e Domínguez»

A proposición rexistrada polos socialistas de Pontevedra vén de pasar o filtro da Comisión Informativa de Mobilidade e Infraestruturas, onde logrou saír adiante cos votos favorables do PSOE e o BNG, pero co voto contrario do PP. Un posicionamento que a Iván Puentes lle «sorprende bastante», sobre todo despois de que o presidente da Deputación, o ‘popular’ Luis López, expresase a súa intención de liderar e executar a Vía Verde.

«Sorprende que logo, os representantes do partido no Concello de Pontevedra voten en contra desta infraestrutura. Non sei se existe algún tipo de problema entre o presidente e o vicepresidente da Deputación (o portavoz municipal do PP, Rafa Domínguez), que son ámbolos dous do Partido Popular, ou que unha cousa sexa falar e outra cousa gobernar e comprometerse a facer realidade o que un promete, que isto sabemos que ao PP lle custa bastante», criticou.

En todo caso, Puentes agarda que os ‘populares’ rectifiquen o voto realizado en Comisión, «que finalmente voten a favor no Pleno e que, á marxe de tacticismos partidarios e políticos, sexamos capaces de poñernos todos de acordo, independentemente das siglas, para facer unha infraestrutura que só lle pode reportar cousas boas á provincia de Pontevedra».

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes