Saltar al contenido

¡Síguenos!

O socialista Iván Puentes acusa ao PP de converterse «nun partido ultra» e de querer exportar «un ambiente case guerracivilista a unha cidade tranquila e de convivencia»: «Rafa Domínguez e Pepa Pardo convertéronse na franquía de Isabel Díaz Ayuso en Pontevedra»

  • Para o portavoz do PSOE, a decisión dos ‘populares’ de solicitarlle á Fiscalía que investigue por delito de odio aos concelleiros que apoiaron a moción socialista en contra do xenocidio en Gaza pretende «xudicializar a política pontevedresa», marcando «un antes e un despois» e superando dun xeito moi grave unha liña vermella que non se tiña atravesado, «a de tentar atacarnos persoalmente aos concelleiros que discrepamos con eles»

Pontevedra, martes 23 de setembro de 2025.- «O PP marcou un antes e un despois na política de Pontevedra. Rafa Domínguez e Pepa Pardo queren exportar a esta cidade tranquila, amable e de convivencia o peor da política madrileña, a crispación permanente e sen límites e un ambiente case ‘guerracivilista’. O que en pasado foi un partido moderado e de centro, hoxe converteuse nun partido de ultras. Domínguez e Pardo son a franquía de Isabel Díaz Ayuso en Pontevedra». Deste xeito, ostensiblemente afectado, cualificou o portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, a decisión dos ‘populares’ de atravesar unha liña vermella sen precedente neste eido e solicitarlle á Fiscalía que investigue por delitos de odio aos concelleiros socialistas e nacionalistas que onte apoiaron en Pleno co seu voto a moción impulsada por Puentes para esixir o fin do xenocidio do pobo palestino na Franxa de Gaza.

Nunha comparecencia na que estivo arroupado polos demais edís do Grupo Socialista, Puentes criticou que, «como vén sendo habitual en Rafa Domínguez nos últimos tempos, a actuación principal do Pleno produciuse na rúa, falando para os medios, ás costas dos representantes lexítimos da cidadanía, que somos os 25 concelleiros e concelleiras». Tras facer un repaso profundo dos feitos acontecidos hai 24 horas, o portavoz do PSOE asegurou que os membros do seu partido se atopan «profundamente tristes e preocupados» co comportamento «absolutamente lamentable do PP de Pontevedra», que «a diferencia do que acontece co Partido Popular noutras zonas de Galicia e, en concellos ben próximos, a actitude é radicalmente diferente».

Así, lamentou que un partido «que se supón de centro e moderado, que axudou, xunto co PSOE, a asentar a democracia nos últimos 50 anos neste país, se teña transformado nun partido ultra, radical e incapaz de facer o máis básico que pode facer calquera demócrata, que é condenar o asasinato, o xenocidio de nenos e nenas e de civís inocentes e, en definitiva, a limpeza étnica que o Goberno de Israel está a perpetrar en Palestina». Unha «falta de sensibilidade e de humanidade de Rafa Domínguez, Pepa Pardo e o seu grupo municipal» que, ao seu parecer, «xa non é que estea absolutamente distante do que poidan pensar os votantes doutros partidos, senón incluso do que os votantes do PP de Pontevedra pensan de xeito maioritario».

«O sentimento entre os propios votantes do PP é de total decepción; resulta imposible de explicarlle a un demócrata esta calculada e premeditada equidistancia entre barbarie e dereitos humanos»

Tal e como afirmou, «esta é unha cidade pequena, que nos dá para falar na rúa e para coñecernos a todos e todas, e hoxe, o sentimento mesmo entre os votantes do PP é de total decepción con Rafa Domínguez, Pepa Pardo e o Partido Popular co espectáculo que protagonizaron no Pleno de Pontevedra». Na súa opinión, «resulta imposible de explicarlle a ningún demócrata e a ningunha persoa minimamente sensibilizada cos dereitos humanos e co dereito internacional está equidistancia claramente calculada e premeditada do PP de Pontevedra entre a barbarie e os dereitos humanos».

Iván Puentes confesou que, no día de onte, gardaba algunha esperanza nunha posible rectificación do PP, pero «lonxe diso, sorprendeunos negativamente: superou con moito a liña do racionalmente asumible desde o punto de vista político e humano». «A súa actuación -asegurou- foi tamén lamentable desde o punto de vista persoal. É evidente que os concelleiros representamos posicións políticas, programas, sensibilidades e xeitos de entender a cidade diferentes, que nos levan a discutir e a confrontar posturas. Isto é, de feito, o desexable para un concello que funcione de xeito democrático. Ademais, debe haber espazo para a convivencia, o entendemento e para que sexanos quen de poñernos de acordo para sacar adiante temas que lle preocupan á cidadanía… Onte, o PP traspasou de forma grave unha liña que non tiña traspasado até o momento, que a de tentar atacarnos persoalmente aos concelleiros que discrepamos con eles».

Para Puentes, «só deste xeito se pode entender a petición que fai Rafa Domínguez á Fiscalía para que nos investigue por delitos de odio a min e ao resto de concelleiros e concelleiras que votamos a favor da moción en contra do xenocidio que Israel está perpetrando en Palestina». O portavoz socialista censurou a «covardía» coa que actuaron Domínguez e Pardo, xa que «a pesar de ter expresado nas miñas intervencións plenarias que estabamos claramente a percibir unha ameaza velada por parte do PP de denunciarnos e perseguirnos legalmente por ter aprobado esta moción, Rafa Domínguez non foi quen de verbalizar esta petición de investigación á Fiscalía no Pleno e, cando aínda non tiña rematado a sesión plenaria, el e Pepa Pardo ausentáronse, baixaron á rúa e fixeron as declaracións que todos coñecemos».

A proba do nove da mala fe coa que actuaron Domínguez e Pardo: «O único obxectivo era amedrentarnos cun castigo dun a catro anos de cárcere»

Asemade, Iván Puentes está convencido de que, como quedou demostrado finalmente no Pleno e nas declaracións posteriores, «o obxectivo do Partido Popular non era debater sobre a moción de Gaza, expresar a súa sensibilidade coas vítimas, condenar ao estado de Israel ou debater sobre este asunto: o único obxectivo era denunciarnos ante a Fiscalía a tódolos concelleiros do PSOE e do BNG». Unha sospeita que tivo proba empírica cando «despois dunha hora e pico xustificando o seu voto en contra co veto a Israel a participar en competicións deportivas en Pontevedra, se lle ofrece ao voceiro do PP retirar este punto (supostamente o único no que tiña discrepancias) e votar a favor do resto, e a súa resposta foi que non». «O único obxectivo que tiña Rafa Domínguez -apuntou- era xudicializar a política de Pontevedra e amedrentarnos aos concelleiros e concelleiras con denunciarnos ante a Fiscalía».

Puentes tamén considera moi revelador que, no momento de realizar as súas ameazas, as liñas que leu (claramente escritas por outra persoa) sinalaban que a decisión plenaria se adoptaba «con coñecemento e publicidade», algo que «fai referencia, literalmente, ao artigo 510 do Código Penal, que regula os delitos de odio, castigados con penas de prisión de un a catro anos de cárcere». Por tanto, Rafa Domínguez, Pepa Pardo e o PP de Pontevedra o que solicitan coas súas declaracións é que os 5 concelleiros do PSOE e o resto de concelleiros da Corporación que votaron a moción «sexamos castigados con entre un e catro anos de cárcere». «Ese é o seu concepto de democracia», engadiu.

«Por iso digo que nos sentimos apenados non só politicamente, senón tamén persoalmente, porque cremos que debe existir unha ponte de entendemento e diálogo entre os representantes do pobo no Concello de Pontevedra e, onte, o PP marcou un antes e un despois neste mandato municipal e na política pontevedresa. O noso Concello sempre tivo a gala ser unha institución na que se podía convivir politicamente, allea á crispación política e na que, en democracia, podiamos discutir e convivir. Pero o PP de Pontevedra rachou onte esa liña e para nós nada volverá a ser igual con eles», sentenciou o portavoz socialista.

Non obstante, a pesar destes acontecementos, Iván Puentes avanzou que o PSOE vai «seguir traballando, a través do diálogo e a discusión democrática, desde a moderación e o sentido común, para que todos e todas sexamos capaces de entendernos e co obxectivo de trazar unha opción de goberno para os vindeiros catro anos que permita un cambio tranquilo». «Estou seguro, como dicía, de que a inmensa maioría de votantes do PP de Pontevedra están tan defraudados coma nós. Rafa Domínguez e Pepa Pardo sacaron por fin as caretas e representan en Pontevedra o peor da política española, o peor da política madrileña, e desde logo un xeito de facer política que a inmensa maioría de veciños e veciñas de Pontevedra, con independencia da súa ideoloxía, non queren para a súa cidade e rexeitan plenamente», aseverou.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes