Saltar al contenido

¡Síguenos!

O PSOE urxe a reactivación do Consello Escolar Municipal: «Levamos oito anos sen consensuar medidas coa comunidade educativa de Pontevedra»

  • Os socialistas instan ao Goberno Local a renovar e convocar canto antes un órgano de consulta e asesoramento que «garante a participación de tódolos sectores afectados na programación do ensino non universitario e na planificación dos centros escolares»

Pontevedra, martes 12 de agosto de 2025.- O Consello Escolar Municipal, órgano de consulta e participación dos sectores afectados na programación do ensino non universitario e na planificación dos centros escolares no ámbito do noso municipio, leva sen convocarse desde o 7 de novembro de 2017, o que significa que o Concello acumula xa oito anos sen consultar, consensuar e planificar ningunha medida coa comunidade educativa de Pontevedra. Á marxe do nulo talante de escoita amosado, esta situación derivou en que o Consello se atope agora mesmo totalmente desfasado e precise de renovar a meirande parte dos seus membros para poder ser legalmente constituído.

Por estes motivos, o Grupo Socialista vén de rexistrar unha moción na que urxe ao Goberno Local a efectuar esta renovación e a reactivar o funcionamento do Consello Escolar, convocándoo de xeito perentorio «para poder planificar de forma conxunta, coa comunidade educativa do municipio, o curso escolar 2025/2026». O PSOE considera necesario que este órgano se convoque «de forma regular e continuada, coa periodicidade indicada no artigo 7 do Regulamento do Consello Escolar Municipal de Pontevedra (publicado o 2 de novembro de 1999 no Boletín Oficial da Provincia), é dicir, dunha reunión por trimestre: unha ao inicio do curso e outra para pechalo».

Así o demandan a través dunha iniciativa que hoxe foi presentada na Sala de Prensa do Concello, nunha comparecencia conxunta do portavoz municipal do partido, Iván Puentes, e mailo concelleiro Manuel Fariña. Tal e como explicou este último, en base ao artigo 3 do citado Regulamento, o carácter de entidade participativa na planificación educativa «levarase a cabo mediante o asesoramento, consulta e presentación de propostas en cuestións como: convenios de colaboración coa Xunta ou con outras administracións que afecten ao ensino non universitario; actuacións ou normas municipais que afecten ás actividades complementarias e extraescolares dos centros educativos, incluíndo transporte escolar, Plan Madruga ou comedores escolares; situación dos centros educativos; priorización das obras de mantemento; fomento de actividades que tendan á mellora da calidade educativa; e programación de investimentos». «O Regulamento establece -aclara- que o Concello de Pontevedra deberá consultar ao Consello Escolar en todas estas cuestións». 

Fariña lembrou que «levamos oito anos sen consultar, sen consensuar e sen planificar ningunha medida coa comunidade educativa de Pontevedra» e que a última sesión do Consello Escolar Municipal «foi unha sesión extraordinaria para modificar a zonificación dos diferentes centros educativos». «Coido que sería importante reflexionar sobre se esa zonificación segue a ser correcta a día de hoxe», matizou.

Para o seu funcionamento, o Consello estará constituído coa seguinte composición: presidente (alcalde ou membro da Corporación en quen delegue); vicepresidente (elixido entre os membros); secretario (técnico municipal); e vocais (dez membros do profesorado, seis das Anpas, catro do alumnado, un director dun IES, dous directores de centros de Primaria, dous representantes de asociacións veciñais, un membro do movemento de renovación pedagóxica, un representante de Aempe e o delegado provincial da Consellería de Educación ou persoa na que delegue).

Unha aposta estratéxica polo mantemento dos colexios públicos: os socialistas lograron que se duplicase a partida ata chegar aos 400.000 euros

Na súa intervención, Iván Puentes subliñou que «a escola pública e o correcto mantemento dos centros escolares de Pontevedra están entre as liñas de preocupación estratéxica do Partido Socialista, especialmente neste mandato». Segundo apuntou, «froito diso, unha das condicións que puxemos para aprobar os orzamentos do ano 2025 foi que se duplicase a partida anual destinada a mellorar o mantemento dos colexios públicos de Infantil e Primaria, pasando de 200.000 a 400.000 euros».

«Unha vez que se logrou duplicar esta achega -sinalou Puentes- o que procede agora é escoitar ás direccións dos centros, aos pais, ás nais e ás Anpas, para que elas nos determinen que prioridades de investimentos teñen en cada un deses colexios. Por iso, cando pactamos a última modificación de crédito co Goberno Local, unha das condicións que puxo o PSOE foi que nela se reflectisen peticións concretas das direccións dos centros. En concreto, levamos tres cousas moi importantes: as melloras dos patios de Infantil dos CEIP Xunqueira 2 e A Xunqueira 1 para salvar os problemas de inundacións; a incorporación dos cartos necesarios para redactar o proxecto que permitirá transformar os campos de fútbol de terra do CEIP Xunqueira 2 e o IES A Xunqueira 1 en terreos de herba artificial para a práctica de fútbol, rugby e béisbol (incorporándoos ademais, fóra de horario lectivo, á oferta do Complexo Deportivo Manolo Barreiro)».

O portavoz socialista incidiu en que a prioridade do seu partido pasa por «destinar cada vez máis cartos aos centros de Infantil e Primaria do concello de Pontevedra e, sobre todo, en escoitar aos pais, ás nais e ás direccións dos centros para que nos marquen que necesidades de investimento teñen e poidamos executalas». Ao seu xeito de entender, «para iso é fundamental o que contemplamos nesta moción, que é que o Goberno Local reúna ao Consello Escolar Municipal para que, entre todos e todas, comunidade educativa e Concello, poidamos falar sobre como podemos mellorar a escola pública en Pontevedra durante os vindeiros anos».

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes