Saltar al contenido

¡Síguenos!

O PSOE urxe a Costas a reactivar o plan da estratexia Pontevedra Flúe para restaurar a antiga parcela do campo de fútbol de Ponte Sampaio

  • No contexto dunha visita á parroquia, os socialistas Iván Puentes e Marcos Rey recolleron as demandas veciñais para que a Xunta estenda ata o cemiterio as actuacións de restauración e humanización que está a executar na ponte medieval e nos seus viais de acceso, así como a petición de que «tanto a iluminación como o pavimento sexan respectuosos co valor patrimonial desta ponte e acordes a nivel ornamental»
  • Os veciños tamén lle reclaman ao Concello unha reordenación e maior limpeza dos contedores de recollida de lixo en diferentes puntos, como o propio campo da festa, e unha maior información sobre o proxecto e os traballos construtivos do novo centro social de Ponte Sampaio

Pontevedra, mércores 22 de outubro de 2025.- A finais do anterior mandato, o Ministerio para a Transición Ecolóxica amosou a súa disposición de asumir diversos proxectos incluídos dentro da estratexia de recuperación ambiental e loita contra o cambio climático Pontevedra Flúe, impulsada polo portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes. De entre eles, un dos máis demandados pola veciñanza era o plan deseñado para a restauración da antiga parcela do campo de fútbol de Ponte Sampaio, que triplicaría a actual superficie da praia anexa, xerando unha nova infraestrutura para deportes acuáticos e ampliando substancialmente a zona destinada a estacionamento. Dous anos e medio despois, este espazo continúa a ser un campo de terra e as choivas dos últimos días convertérono nun lameiral, empregado incluso para amorear os entullos das obras próximas.

Unha lamentable situación que o propio Puentes puido comprobar esta mesma mañá no contexto dunha visita realizada á parroquia en compañía do concelleiro Marcos Rey co obxectivo de recoller diversas demandas veciñais. O líder do PSOE comprometeuse a efectuar as xestións oportunas ante a Dirección Xeral da Costa «para que esta enorme parcela que ocupaba o campo de fútbol de Ponte Sampaio, situada nun dos lugares máis privilexiados da parroquia, poida restaurarse a nivel ambiental e ecolóxico a través das actuacións que recollemos no seu momento na estratexia Pontevedra Flúe».

Os veciños tamén lles trasladaron aos socialistas a súa preocupación polo desenvolvemento dos traballos de limpeza, reparación do pavimento e instalación de luces led que a Xunta de Galicia está a executar na ponte medieval que conecta Ponte Sampaio con Arcade e pola que pasa o Camiño Portugués (unha intervención adxudicada a EC Casas por case 425.000 euros). Tal e como salientou Iván Puentes, «recollendo as súas demandas, imos instar ao Goberno autonómico a que tanto a nova iluminación como o pavimento que se instalen sexan o máis respectuosos que sexa posible co seu valor patrimonial e, por suposto, acordes a nivel ornamental». «Asemade -explicou Puentes- tamén lle trasladaremos á Xunta a petición que nos fan os veciños para que se estendan ata o cemiterio as actuacións de humanización que se están a acometer no vial de acceso á ponte, na estrada autonómica PO-264».

Outra das preocupacións veciñais ten que ver co emprazamento e mal estado de conservación de moitos dos contedores de lixo da parroquia, en puntos tan centrais como o propio estacionamento do campo da festa. Tras informarlles das medidas de reposición de contedores que está a adoptar o Goberno Local, Puentes comprometeuse a plantexarlle ao Concello «unha reordenación dos mesmos e unha limpeza máis profunda e periódica».

Os dirixentes socialistas tamén se achegaron ata o lugar de Acevedo para visitar as obras de construción do novo centro social de Ponte Sampaio, que a firma Ramírez está a acometer nunha parcela duns 3.000 metros cadrados cedida pola comunidade de montes ao Concello. «Trátase dun proxecto moi importante, que prevé a urbanización de todo o contorno da capela e o cruceiro próximos, destinada a artellar todo o núcleo de centralidade da parroquia, polo que queremos que os veciños contén cunha maior información sobre o proxecto e os traballos construtivos», indicou Iván Puentes.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes