O PSOE reclámalle á Xunta que estenda a dragaxe do Lérez ata a Ponte dos Tirantes e urxe unha actuación ‘exprés’ no contorno do Club Naval
- O socialista Iván Puentes presenta unha serie de emendas coas que pretende «transformar a moción absolutamente partidista, propagandística e de autobombo do PP e da Xunta nun texto que de verdade reflicta o que demandan os veciños e o que resulta razoable e lóxico desde o punto de vista ambiental»
- O portavoz municipal do PSOE acusa aos ‘populares’ de facer «unha lectura totalmente interesada, parcial, chea de medias verdades e enganosa» do informe elaborado polo Cedex «para xustificar a súa deixazón de funcións durante todos estes anos nos que a dragaxe do Lérez estivo paralizada»: «É absolutamente falso que se fale dun único punto de vertido no contorno de Sálvora; o Cedex contempla o tradicional e dous máis, un ao sur e outro ao norte das Rías Baixas, e a posibilidade de tratar os vertidos en terra»
Pontevedra, martes 13 de maio de 2025.- Cando aínda segue vivo o debate técnico sobre o emprazamento óptimo para o depósito dos áridos que se retiren coa agardada dragaxe do Lérez e da ría de Pontevedra, o Grupo Municipal do PSOE considera que é necesario aproveitar este momento de ‘impasse’ para redimensionar o proxecto e estendelo río arriba, cara a outras zonas máis urbanas cada vez máis ateigadas de lodos. Os socialistas reclámanlle á Xunta de Galicia que o ámbito das actuacións previstas, que actualmente chega á altura da Ponte das Correntes, abranga tamén todo o treito fluvial que discorre ata a Ponte dos Tirantes e, recollendo a luva do novo presidente do Club Naval, Enrique Dobarro, urxen que se acometa unha intervención puntual ‘exprés’ en todo o contorno dos seus pantaláns.
Estas propostas veñen de ser rexistradas polo partido que lidera Iván Puentes a través dunha serie de emendas de adición plantexadas á moción que o PP levará ao vindeiro Pleno en relación coa dragaxe do Lérez. Así, entre as cuestións que o PSOE solicita engadir ao texto orixinal dos ‘populares’, contémplase un punto para instar á Xunta a «incluír nos estudos técnicos previos a ampliación da zona de dragaxe até a Ponte dos Tirantes, co fin de incluíla posteriormente no novo proxecto que redactará o Goberno Galego», así como a «recuperar ambientalmente e para usos deportivos a zona máis urbana do río Lérez».
«Calquera que coñeza Pontevedra, sabe que o estado dos sedimentos entre as pontes das Correntes e Os Tirantes é cada vez máis alarmante; cando baixa a marea queda un pequeno rego de auga no medio, pero a acumulación de lodos é cada día maior e isto, ademais de que o río non estea en condicións ambientais óptimas, tamén dificulta a práctica deportiva nun privilexiado espazo urbano», denuncia Iván Puentes.
Outra das emendas, que esta mañá foron presentadas polo propio Puentes no Concello durante unha comparecencia ante os medios, pretende que a proposición dos ‘populares’ tamén lle solicite a Portos de Galicia que atenda as reivindicacións do Club Naval de Pontevedra e, con carácter previo á dragaxe xeral proposta para o Lérez, acometa «unha dragaxe puntual na contorna do Porto Deportivo, recuperando urxentemente o calado preciso nos pantaláns hoxe inutilizados». Tal e como expresou o portavoz municipal dos socialistas, «tamén reclamamos que se inste á Xunta a analizar rigorosamente a composición dos sedimentos a extraer do río» e, no caso de atopar neles residuos contaminantes que excedan os límites legalmente permitidos para a súa clasificación como materiais de dragaxe de categoría A ou B (materiais limpos e/ou con test negativos de toxicidade sobre a biota mariña), «a realizar o tratamento dos mesmos en terra, en lugar de depositalos no mar».
«É algo que tampouco sería novidoso -lembrou Puentes-, xa que por exemplo na ría do Burgo, na Coruña (unha das máis contaminadas e con maiores problemas de calado que tiña Galicia), unha parte dos residuos foron tratados en terra. Supón un maior custe inicial, pero tamén un maior aforro a longo prazo desde o punto de vista ambiental e de afección a outras actividades económicas, como o marisqueo. De feito, existía un acordo plenario unánime do Parlamento de Galicia para o tratamento en terra, que agora o PP se salta para facer o único que sabe facer: tacticismo político e tentar proxectar a sombra de Pedro Sánchez ata na dragaxe do Lérez, cando é unha competencia claramente autonómica e que leva adiada desde hai tanto tempo pola súa ratería nos orzamentos da Xunta».

Neste mesmo sentido, o PSOE pide que se engada ao punto 2 da proposición orixinal, no que «con toda lixeireza e alegría» se fai referencia ao suposto respaldo técnico e científico (en particular ao do informe emitido polo Cedex) á zona xeográfica situada no exterior da Illa de Sálvora como «alternativa prioritaria» para o depósito dos áridos, un texto no que se matice precisamente: «sempre e cando os lodos extraídos sexan de categoría A ou B e a afección ambiental, a distancia sobre as zonas a protexer e a interacción con outras actividades mariñas, particularmente o marisqueo, sexan idénticas ás dos outros dous puntos de verquido sinalados polo informe do Centro de Estudos e Experimentación de Obras Públicas (Cedex)». «Valorando en todo caso para os áridos extraídos do Lérez -engaden os socialistas-, o seu depósito nestas dúas alternativas ao punto tradicional (no exterior de Sálvora)».
Segundo sostén Iván Puentes, a través destas propostas, o PSOE pretende «transformar o que é un texto absolutamente partidista, propagandístico e de autobombo do PP e da Xunta de Rueda, nunha moción que de verdade reflicta as demandas dos veciños e veciñas de Pontevedra e o que resulta razoable e lóxico desde o punto de vista ambiental». Puentes acusou aos ‘populares’ de facer «unha lectura totalmente interesada, parcial, chea de medias verdades e enganosa» do informe elaborado polo Cedex: «Fronte ao punto de vertido tradicional que existe no contorno da Illa de Sálvora, o informe do Cedex implementa dous puntos de vertido máis, é dicir, contémplanse tres puntos de vertido para os lodos extraídos das Rías Baixas, dous no contorno da Illa de Sálvora e outro próximo á boca da ría de Vigo (á altura das Illas Cíes, pero alonxado da protección do Parque Nacional das Illas Atlánticas)».

Puentes aféalles ao PP e á Xunta que, «para xustificar a súa deixazón de funcións durante todos estes anos nos que estivo paralizada a dragaxe do río Lérez», se atrevan a afirmar que «ao final, o Goberno de España volve situar como punto de depósito o que a Xunta pretendía empregar desde un principio, o punto tradicional da Illa de Sálvora que tantas dúbidas e inseguridades xeran ao sector marisqueiro da ría de Arousa e a todas aquelas persoas que, a diferencia do PP, estamos sensibilizadas coa protección do medio ambiente e cun tesouro como o Parque Nacional das Illas Atlánticas». «Isto, por parcial, é absolutamente falso», asegurou.
O informe do Cedex establece catro criterios para seleccionar o punto de vertido para depositar os áridos que saian do Lérez
Para demostralo, Iván Puentes botou man do propio informe do Cedex, «que contempla, como dixemos, o punto tradicional e dous máis, un ao sur e outro ao norte das Rías Baixas», e que establece «catro criterios para seleccionar o punto de vertido para depositar os áridos que saian do Lérez». O primeiro deles é que, con carácter xeral, se prioricen os puntos de vertido xa empregados anteriormente, isto é, aquelas zonas do fondo mariño que xa foran alteradas no pasado (evitando así a alteración doutros fondos ‘virxes’). «Iso é ao que se aferra o PP -apuntou- para dicir que o punto de vertido tradicional en Sálvora é o que o Cedex marca como prioritario».
Non obstante, fronte a ese criterio xeral, hai outros que matizan esta prioridade. Deste xeito, o segundo criterio do Cedex consiste en que a distancia entre o punto de extracción dos lodos e o de depósito no fondo mariño non exceda das 20 millas náuticas (distancia que se considera o límite razoable para que os custes económicos e os efectos ambientais froito das emisións de CO2 non sexan contraproducentes). «Neste caso, a dragaxe do Lérez produciríase a menos de 20 millas náuticas de calquera dos tres puntos sinalados no informe do Cedex», aclarou.

Nun terceiro criterio, o Cedex establece que se cumpran as esixencias ambientais, que o vertido estea o suficientemente alonxado de zonas protexidas (o tradicional está a 1,9 millas do perímetro de protección do Parque Nacional das Illas Atlánticas e os outros dous, a case o dobre de distancia) e que se valore tamén a interacción con outras actividades que se poidan desenvolver no medio mariño e, neste caso concreto, coa actividade marisqueira da ría de Arousa. «E di o informe do Cedex -sinalou Iván Puentes- que o punto tradicional a pé de Sálvora só mantería a súa prioridade se, froito da análise destes efectos ambientais, os efectos son idénticos nos tres puntos. Do contrario, habería que priorizar aquel punto no que os efectos ambientais sexan menores… Haberá que estudalo e basealo en datos científicos, pero intuitivamente, xa podemos prever que os efectos ambientais de depositar os lodos ao pé do principal banco marisqueiro das Rías Baixas (o da ría de Arousa) ou noutros dous puntos moito máis alonxados da costa e das Illas Atlánticas non semellan os mesmos».
Por último, nun cuarto criterio de selección, o Cedex estipula que, en calquera destes tres puntos posibles, só se poderán depositar aqueles materiais de dragaxe que teñan categoría A ou B (áridos e lodos extraídos absolutamente limpos e con test negativos de toxicidade sobre plantas e animais do medio mariño).
«O PP está sentando as bases dunha nova escusa para volver atrasar a dragaxe do Lérez»
Ao ler a moción presentada polo PP, Iván Puentes ten moi claro que os ‘populares’ están «sentando as bases dunha nova escusa para volver atrasar a dragaxe do río Lérez», xa que «só neste sentido se entende que, fronte a un informe técnico que sinala tres posibilidades de vertido e que abre as portas, implicitamente, ao tratamento en terra (cando di que no mar só se poden depositar os residuos de categoría A ou B), o PP se emperre en levar os depósitos ao punto tradicional de Sálvora, que é o xera conflito social e problemas desde o principio». «Están buscando unha nova escusa para non facer o que teñen que facer, que é dragar o Lérez», sentenciou.
Para Puentes, as últimas declaracións realizadas polo secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, «van nesta mesma liña, facendo unha interpretación clara e correcta do que di o informe técnico do Cedex, no que se inclúen outras alternativas e criterios de valoración que poidan acabar determinando que Sálvora non sexa o punto axeitado para depositar eses vertidos e que, ademais, existe a posibilidade de tratalos en terra».

Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS