O PSOE rebélase contra o ‘timo galaico’ que a Xunta de Rueda está a perpetrar contra os pontevedreses a través do canon pola xestión do lixo: «Pretenden meterlles aos cidadáns un ‘sablazo’ de 108 euros por tonelada para 2025, o que supón unha suba do 93%»
- Os socialistas Manuel Fariña e Paloma Castro anuncian o rexistro dunha moción coa que Pontevedra, liderando a voz do malestar compartido por numerosos concellos, lle esixe á Administración autonómica o mantemento do canon de 56,10 euros por tonelada que Sogama lle viña cobrando á nosa cidade até o mes de xullo
- Castro pregúntalle ao líder do PP de Pontevedra, Rafa Domínguez, se el e os concelleiros do seu grupo municipal «van apoiar que se lles suba o recibo do lixo aos pontevedreses e a converterse en cómplices do ‘timo galaico’ contra os seus veciños»
Pontevedra, 3 de setembro de 2024.- O peto dos pontevedreses e pontevedresas está a padecer desde o pasado mes de xuño, trala eliminación da dedución do 15% coa que Sogama bonificaba a implantación do contedor marrón, un novo castigo da Xunta de Galicia a través da progresiva suba do canon que o Concello de Pontevedra paga pola xestión dos residuos domésticos ou asimilables. Unha taxa que pasou dos 56,10 euros por tonelada de lixo xestionada a 66 euros e que, por se isto non fora suficiente, o PP pretende incrementar aínda máis en 2025, ata chegar a 108 euros por tonelada. Ante este tremendo ‘sablazo’, o PSOE de Pontevedra decidiu poñer pé en parede e liderar, desde unha cidade que aposta por un modelo verde e sostible, a contestación dos municipios galegos ante o que consideran «o ‘timo galaico’ que o señor Alfonso Rueda pretende perpetrar coa xestión dos residuos».
A primeira medida adoptada polos socialistas foi o rexistro dunha moción que defenderán no Pleno deste mes de setembro e que hoxe presentaron nunha rolda de prensa celebrada no Concello o edil Manuel Fariña e a parlamentaria Paloma Castro. Nesta proposición, o partido liderado por Iván Puentes insta á Xunta a manter non só o canon de 66 euros por tonelada (máis o incremento correspondente ao IVE) que Pontevedra tiña establecido, senón tamén a anterior bonificación do 15% deste canon unitario para o Concello capitalino, cos mesmos requisitos, resultando así unha taxa bonificada de 56,10 euros por cada tonelada de lixo doméstico xestionada (máis o aumento do IVE).
Ademais, esixen que se reparta entre tódolos concellos galegos, en concepto de Fondo Ambiental, a contía de 12,1 millóns de euros detraída do Fondo de Cooperación Local (empregando como criterio de reparto o número de toneladas depositadas por cada municipio) e que se achegue a Sogama a cantidade total recadada pola Xunta a través do imposto sobre o depósito de residuos en vertedoiros, a incineración e a coincineración de lixo para implementar bonificacións no canon dos concellos. Deste xeito, entende o PSOE local, poderán darse pasos adiante na optimización do actual modelo e cumprir cos obxectivos medioambientais marcados pola UE coa creación deste tributo: promover a redución da produción de lixo e/ou incrementar a reciclaxe dos envases lixeiros, trasladar esta rebaixa aos recibos da veciñanza e mellorar a recollida separada da materia orgánica.
Tal e como explicou o concelleiro Manuel Fariña, «no pasado mes de xuño, Sogama anunciou a eliminación da bonificación do 15% condicionada á implantación do contedor marrón (bonificación que si se levaba a cabo en Pontevedra) e o traslado aos recibos para os meses que quedan de 2024», o que trouxo como consecuencia que «desde o mes de xullo, a taxa de Sogama ao Concello de Pontevedra quedase fixada en 66 euros por tonelada, que supón xa de por si a suba dese 15% no recibo do lixo para os nosos cidadáns». «Pero se isto non fora suficiente, a Xunta de Rueda -advertiu o socialista- pretende subir este canon en 2025 até 108 euros por tonelada, o que sería xa non un ‘sablazo’, senón un timo, o ‘timo galaico’, que supón unha suba do 93% no recibo».
Segundo precisou Fariña, a moción do Grupo Socialista tamén solicita a constitución dunha comisión de traballo entre Sogama, a Fegamp (onde está representado o Concello de Pontevedra) e as consellerías de Medio Ambiente e Facenda «para determinar as condicións do canon para o ano 2025, antes da aprobación do Proxecto de Orzamentos da Comunidade Autónoma Galega, e para debater sobre o cambio de modelo de xestión de residuos en Galicia».
«Non é de recibo que os veciños teñan que asumir as consecuencias dun modelo de xestión que non cumpre coas directrices da UE»
A súa compañeira de partido, a deputada Paloma Castro, anunciou que esta ofensiva liderada polo Concello de Pontevedra é a antesala dunha acción á que se irán sumando outros municipios afectados. «Desde o PSdeG non imos permitir que a Xunta siga asfixiando aos concellos… Esta suba do canon do lixo é o último episodio dunha asfixia que xa vén de atrás -subliñou a parlamentaria socialista-, co estrangulamento da cuota do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), o incremento do canon da auga e outras competencias autonómicas que nestes momentos están a asumir os concellos como ente instrumental e, en último termo, os cidadáns, xa que todos estes custes que se lle incrementan ao Concello repercuten en menos investimentos para Pontevedra».
Neste sentido, Castro apuntou cara ao portavoz municipal do PP, Rafa Domínguez, preguntándolle se el e os concelleiros do seu grupo «van apoiar que se lles suba o recibo do lixo aos pontevedreses e pontevedresas e van permitir que, nuns meses, pasemos de pagar de 56,10 euros por tonelada a 108 euros, por culpa da mala xestión dos residuos que a Xunta leva facendo durante unha década». «Queremos que os ‘populares’ de Pontevedra se posicionen e non boten balóns fóra. Se apoian este incremento, serán cómplices dese ‘timo galaico’ contra os pontevedreses. Non é de recibo que os veciños teñan que asumir as consecuencias da mala xestión», sinalou.
Paloma Castro desmontou o argumento «falaz e mentireiro» empregado pola Xunta para xustificar a suba do recibo do lixo, escudándose nun imposto estatal que xeraría en Sogama uns gastos inasumibles e que a obrigaría a realizar este incremento, sinalando que «a realidade é que, en 2018, a UE aprobou unha directiva que obriga aos estados membros a priorizar fórmulas de xestión sostibles, gravándose aquelas formas de xestión de residuos non recomendables a nivel medioambiental: a incineración e o depósito en vertedoiro, altamente contaminantes». «A Xunta pasou de todo nestes anos, fixo caso omiso a estas recomendacións, ata o punto de que Sogama incinera o 61% do lixo e unicamente recicla o 18%, facendo o contrario do que dictan tódalas normas medioambientais: a regla das tres ‘R’ que coñecen até os nenos e nenas de Primaria (reducir, reciclar e reutilizar). Atópase pois moi lonxe dese obxectivo do 25% de reciclaxe que debíamos ter en 2024», expuxo.
Castro asegurou que o que a UE está a dicirlle a Galicia é «que ten que mudar a súa forma de xestión de residuos e que, se non o fai, será gravada». Ante esta realidade, o que pretende o señor Rueda «é que sexan os veciños, os pontevedreses e galegos, os que paguen as consecuencias desta xestión errada», agochando ademais que a recadación deste imposto a fai o Goberno da Xunta: «O diñeiro que se vai recadar coa suba do recibo do lixo vai rematar nas arcas da Xunta, xa que unha lei estatal do ano pasado transferiu a recadación deste imposto ás comunidades autónomas». «Queremos saber -afirmou Castro- que vai facer Rueda con todo o diñeiro que vai recadar con este imposto, onde vai ir destinado».
A parlamentaria do PSdeG considera que a Xunta e Sogama deben sentar coa Fegamp para traballar a medio prazo nun cambio de modelo de xestión de residuos para Galicia, «seguindo as recomendacións medioambientais da UE», e mentres non se produce, que se manteña a curto prazo o canon de 66 euros por tonelada de lixo e mesmo a bonificación do 15% a concellos como o de Pontevedra, «que viñan facendo os deberes no eido medioambiental».
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS