Saltar al contenido

¡Síguenos!

O PSOE quere que o alumnado de Pontevedra deixe de estar ‘pez’ en materia de información sexual: impulsa unha moción para lograr que a educación afectivo sexual se implante nos centros educativos como ferramenta para promover a igualdade

  • A proposta rexistrada polo Grupo Socialista insta a Xunta e Goberno Local a implantar programas específicos de formación en materia afectivo sexual nos centros públicos de Primaria e Secundaria, ao tempo que solicita a elaboración dun protocolo autonómico que sirva de guía á comunidade educativa ante posibles casos de abuso sexual a menores e sobre modelos saudables de educación. «Non podemos deixar en mans da pornografía a educación sexual dos nosos fillos/as», asegura Paloma Castro

Pontevedra, 8 de abril de 2024.- Un recente estudo da Sociedade Galega de Sexoloxía reflicte que o 78% dos mozos pontevedreses considera deficiente a información que recibe nos colexios en materia sexual. Ante esta preocupante situación, o Grupo Municipal do PSOE cre que as administracións competentes, a Xunta e o Goberno Local, deben tomar cartas no asunto e implicarse de xeito decidido nunha das materias nas que os alumnos de Pontevedra seguen a estar máis ‘pez’ e, por este motivo, levarán ao Pleno da Corporación unha proposta para lograr que a educación afectivo sexual se implante nos centros educativos do concello como ferramenta para promover a igualdade.

A través desta iniciativa, para a que se agarda o apoio das outras formacións políticas, ínstase á Xunta a planificar e establecer un programa específico de formación ao profesorado para garantir que, a partir do vindeiro curso 2024/25, se desenvolvan actividades e recursos formativos en materia afectivo sexual en tódolos centros públicos da nosa comunidade. Neste mesmo sentido, a moción dos socialistas tamén lle solicita ao Goberno Local a implantación (no curso 2024/25) dun Programa Afectivo Sexual dirixido ao alumnado do segundo ciclo de Primaria e de Secundaria, «orientado á sensibilización, información e prevención, coa finalidade de que adquiran as competencias necesarias para aprender a vivir en igualdade».

Asemade, a proposta asinada polo portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, e maila concelleira Paloma Castro, pretende que a Administración autonómica elabore un protocolo específico ante posibles casos de abuso sexual a menores e sobre a necesidade de traballar modelos saudables de educación afectivo sexual, de xeito que constitúa «unha guía sinxela e clara para que os membros da comunidade educativa dispoñan duns criterios orientadores e duns procedementos de actuación básicos, pero claros e completos».

A moción, que foi presentada esta mañá na Sala de Prensa do Concello nunha comparecencia conxunta de Puentes e Castro e que será informada na vindeira Comisión de Benestar antes de levarse a Pleno, lamenta que a educación sexual sexa aínda unha materia pendente nos colexios, constatando que, como reflicte o segundo Estudo sobre Educación e Hábitos Sexuais en Adolescentes Galegos, «o 8,1% das adolescentes tivo algunha relación sexual sen consentimento». «O 75 % das e dos enquisados -apuntou Paloma Castro- infórmanse a través de amizades e Internet, sendo a pornografía a principal fonte; o 24% di que a información sobre sexo no instituto é nula e máis do 50 % que é moi escasa, e só o 35,9% utiliza métodos anticonceptivos».

En opinión de Castro, «existe un problema moi real que afecta aos menores e que condiciona o seu futuro: refírome á pornografía». A concelleira salientou que, en base a algúns estudos, «hai nenos e nenas que, xa aos 8 anos, teñen o seu primeiro contacto con contidos pornográficos, e que aos 12 anos, un 50% os visiona frecuentemente, unha porcentaxe que se eleva ao 90% ao chegar aos 15 anos». «Non podemos deixar en mans da pornografía -subliñou- a educación sexual dos nosos fillos/as».

Para Paloma Castro, «con este panorama, queda patente a necesidade de mellorar a educación afectivo-sexual e de ofrecer unha formación sexual integrada no currículo, incluído o coñecemento de métodos anticonceptivos e de barreira para evitar as enfermidades de transmisión sexual, permitindo que o alumnado tome decisións fundamentadas sobre a súa sexualidade e as súas relacións, e previndo os abusos e a violencia de xénero (segundo a Unesco, a OMS e a opinión de moitos expertos)». «Moitas comunidades autónomas e concellos -afirmou- están a levar a cabo programas de referencia que ofrecen recursos didácticos con actividades dirixidas a alumnos e alumnas de 0 a 18 anos para que adquiran as competencias necesarias para aprender a vivir en igualdade. Incomprensiblemente, este tema segue a ser un tabú en determinados sectores retrógrados do PP debido, imaxino, a crenzas relixiosas ou culturais. É probable que continúen a pensar que, ao non tratar un problema ou ao obvialo, este desaparece, pero a realidade é que o problema estase agudizando».

«As redes sociais son empregadas pola industria da prostitución e da pornografía para atraer aos nosos fillos/as e expoñen á nosa mocidade a unha visión distorsionada e errónea das relacións afectivas e a sexualidade»

Castro convidou a tódolos pais e nais de nenos e nenas maiores de 10 anos «a que vexan o documental ‘Generación Porno’ (de Oiane Sagasti) para que se fagan unha idea do mundo ao que se enfrontan os nosos fillos/as, un mundo que non buscan eles, senón que os atopa a eles cun instrumento tan efectivo como as redes sociais, empregadas pola industria da prostitución e da pornografía de tódalas formas posibles para atraer e atacar aos nosos fillos/as, sen que lles esteamos dando desde a Educación instrumentos para defenderse». Ao seu xeito de entender, «toda esta desinformación ou información inexacta á que acceden desde idades moi temperás a través das redes sociais expón á nosa mocidade a unha visión completamente distorsionada e errónea do que son as relacións afectivas e a sexualidade, do que son os cánones de beleza, de non salvagardar a privacidade da súa intimidade, compartindo imaxes e vídeos de contido sexual, o que os pode levar a situacións de acoso ou explotación sexual».

A concelleira considera que «a educación sexual e afectiva é esencial no desenvolvemento integral dos nosos nenos e nenas e resulta fundamental que a implantemos canto antes nos centros educativos, contando coa colaboración do profesorado, as familias e as autoridades educativas, co obxectivo de desenvolver programas de calidade validados por toda a comunidade educativa». 

Tal e como lamentou Castro, «a Xunta de Galicia négase de forma sistemática a implementar estes programas, o que obriga a moitos concellos a ter que asumir esta competencia: son os casos do da Coruña, co seu programa Tarde Xove, o de Santiago, co programa Sexibilízate, ou o de Pontevedra, que no ano 2019, a través do departamento de Prevención implantou a iniciativa municipal Sexoven, deseñada por unha consultora de Igualdade e Xénero e dirixida por un equipo de psicólogos/sexólogos que brindou educación afectivo-sexual a 4.000 estudantes mozos de entre 12 e 16 anos e ás súas familias».

«Nestes momentos -asegurou- non existe ningún tipo de proxecto municipal que proporcione ao alumnado a información e actitudes necesarias para comprender e xestionar de xeito saudable as súas emocións, relacións interpersoais e a súa sexualidade».

A moción lembra que a Lei Orgánica 3/2020, de 29 de decembro, de Educación, establece no seu articulado o desenvolvemento da igualdade de dereitos, deberes e oportunidades, o respecto á diversidade afectivo-sexual e familiar, o fomento da igualdade efectiva de mulleres e homes a través da consideración do réxime da coeducación de nenos e nenas, a educación afectivo-sexual, adaptada ao nivel madurativo, e a prevención da violencia de xénero. Por outra banda a Lei Orgánica 10/2022, de 6 de setembro, de garantía integral da Liberdade Sexual, regula no seu artigo 7 a Prevención e Sensibilización no eido educativo, establecendo que o sistema educativo español e as CCAA con competencias transferidas incluirán contidos baseados na coeducación e na pedagoxía feminista sobre educación sexual e igualdade de xénero e educación afectivo-sexual para o alumnado, apropiados en función da idade, en tódolos niveis educativos e con as adaptacións e apoios necesarios para o alumnado con necesidades educativas específicas, en colaboración co ámbito sanitario.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes