Saltar al contenido

¡Síguenos!

O PSOE quere impulsar un Plan de Mellora dos Centros Socioculturais do concello para acometer de xeito urxente obras de renovación, modernización e mellora da accesibilidade e sostibilidade

  • A proposta presentada polo socialista Marcos Rey, que será debatida no Pleno do luns, denuncia que «a práctica totalidade dos 30 centros municipais presenta deficiencias de conservación, infraestruturas e equipamento que limitan e dificultan a programación de actividades», solicita un diagnóstico exhaustivo das instalacións e esixe que se abasteza a estes espazos de equipamentos modernos, ferramentas dixitais, mobiliario axeitado ou equipos audiovisuais, así como a incorporación de criterios de sostibilidade nas reformas e novas construcións
  • A iniciativa tamén demanda que se dote a Lérez, Marcón e Verducido de centros socioculturais equiparables aos do resto da rede do Concello de Pontevedra, ao tratarse das únicas parroquias que carecen destas instalacións municipais

Pontevedra, 14 de novembro de 2024.- A práctica totalidade dos 30 centros socioculturais existentes no concello de Pontevedra presenta a día de hoxe, en maior ou menor medida, deficiencias de conservación, infraestruturas e equipamento que limitan e dificultan a programación de actividades. Co obxectivo de impulsar reformas e obras que permitan adaptar estes edificios ás necesidades de uso da veciñanza e das entidades, o Grupo Municipal do PSOE solicítalle ao Goberno Local a aprobación dun Plan de Investimento Plurianual de Mellora dos Centros Socioculturais, que planifique de xeito obxectivo as actuacións prioritarias para optimizar o estado destas infraestruturas, contemplando traballos de renovación e adecuación ás normativas de accesibilidade e sostibilidade e dotando estes espazos de equipamentos modernos: ferramentas dixitais, mobiliario axeitado ou equipos audiovisuais, que permitan desenvolver actividades culturais e educativas de calidade, adaptadas aos tempos actuais.

A iniciativa, formalizada a través dunha moción que será debatida e votada pola Corporación no Pleno deste luns, foi presentada esta mañá en rolda de prensa polo socialista Marcos Rey e insta ao Concello de Pontevedra a realizar un diagnóstico exhaustivo das instalacións, equipamentos e servizos actuais dos nosos centros socioculturais. Segundo precisou Rey durante a súa comparecencia, na que estivo acompañado da concelleira Yoya Blanco, «esta análise deberá incluír, como mínimo, un exame do estado de conservación do edificio, as súas necesidades de modernización, tanto en infraestrutura coma en equipamento, e a accesibilidade aos seus espazos, tendo moi en conta a opinión de usuarios, asociacións e colectivos locais».

Tal e como explicou o edil do PSOE, a proposta incide na necesidade de incorporar criterios de sostibilidade nas reformas e novas construcións dos centros, «co obxectivo de reducir o impacto ambiental e contribuír á loita contra o cambio climático, mediante, por exemplo, o emprego de enerxías renovables ou a mellora da eficiencia enerxética». «Os centros socioculturais do Concello -afirmou- cumpren unha función esencial como espazos de encontro, promoción da cultura, a educación e o lecer e a integración social das diferentes parroquias e barrios de Pontevedra. Son fundamentais para fomentar a participación activa da veciñanza, mellorar a súa calidade de vida e enriquecer a cultura local, sobre todo no ámbito rural. Pontevedra conta cunha rede de 30 centros socioculturais, dos que 22 se atopan no rural e 8 no contorno máis urbano, sendo as parroquias de Lérez, Marcón e Verducido as únicas que non dispoñen destas instalacións municipais». 

Marcos Rey asegurou que «a pesar de dispoñer dese considerable número de locais, a meirande parte deles presenta deficiencias e necesidades de reformas, a fin de adaptalos ás demandas reais da poboación e as entidades que os utilizan para súa actividade diaria». Segundo sinalou o socialista, «debemos convertelos en espazos accesibles, ben equipados e diversos, xa que poden xogar un papel clave para promover a inclusión plena de tódalas persoas, nenos/as, mocidade, adultos, maiores e veciños/as con discapacidade».

A moción que o PSOE pretende aprobar no Pleno tamén demanda de xeito específico que se dote ás parroquias de Lérez, Marcón e Verducido «de centros socioculturais municipais equiparables aos do resto da rede do Concello de Pontevedra».

Ampliar e diversificar a programación de actividades e fomentar a participación veciñal na súa organización

Á marxe dos investimentos en obras para mellorar estas infraestruturas, os socialistas tamén reclaman na súa iniciativa a ampliación e diversificación da programación de actividades municipais nos centros socioculturais de Pontevedra, con especial atención a obradoiros culturais, artísticos e de desenvolvemento persoal, adaptados a tódalas idades e colectivos. Asemade, na iniciativa presentada por Marcos Rey solicítaselle ao Goberno Local que fomente a participación veciñal e a inclusión, «impulsando a participación activa dos veciños/as e mailos colectivos veciñais e sociais de cada barrio e parroquia na programación, xestión e organización de actividades dos centros socioculturais», promovendo tamén «a creación de proxectos colaborativos e de voluntariado que enriquezan a vida comunitaria».

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes