Saltar al contenido

¡Síguenos!

O PSOE propón que o Concello de Pontevedra estude a vía de remunicipalizar a medio prazo o Servizo de Recollida de Lixo e sitúa o caso de León como exemplo dunha xestión que «mellorou tanto en prestación como en aforro de cartos»

  • Os concelleiros do Grupo Municipal Socialista desprazaranse este venres ata o concello de León no marco dunha visita institucional na que pretenden avaliar polo miúdo os bos resultados obtidos nestes máis de 10 anos de xestión municipal: manterán encontros co seu alcalde, José Antonio Diez, e co concelleiro responsable do Servizo de Limpeza e Residuos, Joan Ander Fernández
  • O líder do PSOE pontevedrés, Iván Puentes, advertiu de que «vistos os precedentes e as declaracións que as empresas do sector fan sobre o contrato e o prego de condicións de Pontevedra, debemos contemplar como unha posibilidade non demasiado utópica que o contrato poida quedar deserto novamente (como aconteceu en 2023)»

Pontevedra, 22 de maio de 2024.- Os concelleiros do Grupo Municipal desprazaranse este venres ata o concello de León no contexto dunha visita institucional na que manterán encontros co seu alcalde, José Antonio Diez, e co concelleiro responsable do Servizo de Limpeza e Residuos, Jon Ander Fernández. O principal motivo desta viaxe, encabezada polo portavoz do PSOE, Iván Puentes, será a de estudar polo miúdo os bos resultados obtidos por León na xestión dun servizo que «mellorou de xeito ostensible a súa xestión, tanto en prestación como en aforro de cartos» e, a partir desta experiencia de éxito e nun escenario no que o novo contrato que o Goberno Local está a piques de licitar corre bastante riscos de volver quedar deserto, avaliar tamén a posibilidade remunicipalizar a medio prazo o servizo de Recollida de Lixo en Pontevedra.

Puentes explicou que, se ben Pontevedra «é líder e referente en moitas cousas e durante os últimos anos avanzou máis rápido que outras cidades en cuestións como a mobilidade, existen outras urbes que están realizando boas prácticas de xestión municipal das que tamén temos que aprender, saber tomar nota e adaptalas a esta cidade cando se consideran positivas». «No caso concreto de León -indicou o socialista-, a verdade é que, desde hai máis de 10 anos, son un modelo de boas prácticas no conxunto do Estado no que atinxe ao Servizo de Limpeza, Recollida e Tratamento de Lixo. No ano 2013, un Goberno Local, do PP ademais, decidiu facer algo ao que non se atrevía practicamente ningunha cidade española, que foi municipalizar o servizo: unha vez rematou o contrato, decidiron explorar a posibilidade de xestionalo directamente desde o Concello, fixeron os correspondentes informes de viabilidade, chegaron á conclusión de que si e decidiron apostar por esa vía. Non só se converteron nun concello que decidiu remar a contracorrente, explorando a vía da remunicipalización, senón que ademais ten xa unha perspectiva de dez anos de experiencia que podemos avaliar nas súas vantaxes e inconvintes».

Tal e como precisou, o Concello de León, hoxe gobernado polo PSOE, encargou en tempos recentes un estudo analítico para actualizar as necesidades e implementar posibles melloras. Na súa opinión, «isto ten moito que ver coa situación na que se atopa o Concello de Pontevedra en canto á prestación do Servizo de Recollida de Lixo», xa que «o contrato actual, do ano 1999, foi asinado inicialmente por 12 anos (que remataron en 2011), rubricándose sucesivas prórrogas (contempladas no contrato) ata chegar a unha sexta prórroga en 2022, que estará en vigor até que se adxudique o novo contrato».

«O novo contrato -lembrou Puentes- saíu a licitación en 2023 e quedou deserto. Agora temos enriba da mesa o anuncio de saída a licitación do novo contrato do lixo, previsiblemente, segundo o Goberno Local, ao longo do verán. Vistos os precedentes e as declaracións que as empresas do sector fan sobre o contrato de Pontevedra e o seu prego de condicións, debemos contemplar como unha posibilidade non demasiado utópica que o contrato poida quedar deserto novamente».

Na súa opinión, de darse esta situación, «sería un bo momento para estudar por que os contratos quedan desertos en Pontevedra e non noutros sitios, e sobre todo aproveitar esa oportunidade para que pensemos entre todos cal é o mellor modelo de xestión de residuos que queremos para a nosa cidade». «Dentro dese debate -afirmou-, nós queremos ir avanzando, tendo propostas concretas sobre que facer no caso de que o concurso quede deserto outra vez, e por iso recibimos con agrado o convite do Concello de León para poder estudar como unha urbe semellante a Pontevedra (capital de provincia e cunha poboación lixeiramente superior) presta o servizo de recollida de lixo de xeito directo, que vantaxes e inconvintes tiveron eles durante estes dez anos e con iso preparar posibles propostas alternativas».

Segundo apuntou, ademais da licitación, nestes momentos tamén están enriba da mesa os borradores da Ordenanza de Xestión de Residuos e da Ordenanza Fiscal deste servizo, «aos que o PSOE presentou propostas e medidas». Entre as que foron aceptadas, hai dúas bastante relevantes que non estaban contempladas e que se refiren á recollida específica no centro histórico (eliminando os colectores e optando por un sistema de recollida específico con horario nocturno) e a instalación, xunto cos contedores tradicionais, de colectores de roupa, baterías e aceites usados en tódolos barrios da cidade.

O PSOE xa propuxo en 2014 a realización dun estudo para calcular os custes e beneficios dunha remunicipalización do servizo

O portavoz socialista, que hoxe compareceu en rolda de prensa acompañado do concelleiro Manuel Fariña, subliñou que xa no ano 2014, cando foi asinada a segunda prórroga do contrato do lixo, o PSOE propuxo, xunto con Marea Pontevedra, o estudo da remunicipalización deste servizo. «No tema da auga tiñamos moi claro que a prestación era indubidablemente mellor desde o servizo público e, de feito, tamén levamos unha moción a Pleno neste sentido para evitar que se asinara o que naquel momento foi o maior contrato de privatización de servizos públicos en España; no caso do lixo, pedimos un estudo -sinalou Puentes- para calcular cales serían os custes e beneficios desa remunicipalización, pero o PP e o BNG votaron en contra e non foi posible facelo. Agora atopámonos cun expediente que está xa iniciado desde 2023, quedou deserto e volveu reiniciarse con algunhas modificacións. Respectamos ese procedemento administrativo, xa que sería lesivo incluso para a propia Administración municipal pedir que se paralice unha vez lanzado, pero dado que non hai intención de modificar os pregos substancialmente e que as empresas do sector non ven demasiado atractivo o concurso de Pontevedra, creo que temos que comezar a plantexar este debate sobre a remunicipalización do servizo».

Neste eido, Iván Puentes precisou que o propio concelleiro responsable do Servizo de Recollida expresou que estaba estudando a posibilidade de diminuír o número de anos de concesión e, no caso de ser así, «poderiamos aproveitar este período-ventá para pensar que facer co servizo a medio prezo». «Cremos que é interesante estudalo e velo, pero tampouco podemos pedir a remunicipalización xa, porque soa ben a música, posto que é algo que debemos facer con criterio e, polo tanto, cun estudo económico e de custes previo, que nos diga na realidade concreta de Pontevedra e tal e como está o servizo a día de hoxe, que custe tería para o Concello remunicipalizalo e que vantaxes e aforros de cartos poderiamos ter», engadiu.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes