Saltar al contenido

¡Síguenos!

O PSOE pon o foco na prevención e defensa contra os fogos forestais «antes de que chegue a época máis complicada do verán»: solicita que Pontevedra se adhira ao convenio autonómico para o mantemento e limpeza das faixas de protección contra incendios

  • Nunha moción que será debatida no Pleno ordinario do vindeiro luns, os socialistas propoñen a incorporación do Concello ao convenio de colaboración entre a Xunta, a Fegamp e a empresa pública Seaga para a consolidación do sistema de xestión da biomasa nas franxas secundarias, coa finalidade de reducir o risco de incendios nas zonas de protección situadas arredor de núcleos de poboación e outras infraestruturas
  • Iván Puentes lembra que «Pontevedra é un dos poucos concellos de Galicia que non están adheridos a este convenio» e o concelleiro Marcos Rey advirte de que «practicamente todo o municipio ten áreas cun nivel moi alto de risco de incendios forestais»

Pontevedra, mércores 18 de xuño de 2025.- As faixas secundarias son zonas de protección duns 50 metros de ancho situadas arredor de núcleos de poboación, infraestruturas ou polígonos industriais e nas que se xestiona a biomasa co obxectivo de reducir o risco de incendios, polo que xogan un papel esencial á hora de evitar a propagación dos fogos forestais no territorio galego. Conscientes da importancia de impulsar medidas de prevención e defensa «antes de que chegue a época máis complicada do verán, con habituais episodios de calor e días prolongados sen choiva, e polo tanto de alto risco de incendios no noso contorno», os socialistas veñen de rexistrar unha moción na que solicita que o Concello de Pontevedra se adhira formalmente ao convenio autonómico que garante o sistema público de xestión da biomasa, e polo tanto, o mantemento e limpeza destas faixas de protección, «asumindo as obrigas e compromisos derivados do mesmo».

Tal e como asegurou esta mañá o portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, «Pontevedra é un dos poucos concellos de Galicia que non están adheridos a este convenio coa Xunta e con Seaga para a xestión da biomasa nos seus montes», o que impide «loitar mellor na prevención dos fogos forestais». Segundo explicou, «trátase dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e a Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos SA (Seaga), e ao que Pontevedra aínda non se incorporou». Nunha comparecencia conxunta co concelleiro Marcos Rey, o líder socialista explicou que a Lei 3/2007, de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia, «establece a obriga de xestionar a biomasa nas franxas de seguridade», unha responsabilidade que se ben recae principalmente nas persoas propietarias dos terreos, «atopa dificultades para o seu cumprimento efectivo a raíz de factores como a dispersión e fragmentación da propiedade ou, en moitos casos, o descoñecemento da titularidade».

«Para dar resposta a esta problemática e garantir a execución destas tarefas -sinalou Puentes-, Xunta, Fegamp e Seaga promoveron un convenio de colaboración que busca consolidar un sistema público de xestión de biomasa nas redes secundarias de franxas de xestión de biomasa. Estas redes teñen un ámbito municipal e a súa función principal é a protección de núcleos de poboación, infraestruturas, equipamentos sociais, zonas edificadas, parques e polígonos industriais. A adhesión a este convenio resulta de especial interese para o Concello de Pontevedra, ao permitirlle incorporarse a un sistema público de xestión da biomasa artellado a través de Seaga, facilitando así o cumprimento dos mandatos legais nesta materia; e posibilita a execución subsidiaria dos traballos de xestión da biomasa nas franxas secundarias en caso de incumprimento dos propietarios».

Ademais, segundo precisou o seu compañeiro Marcos Rey, o convenio «ofrece colaboración técnica e económica por parte da Administración autonómica e Seaga, incluíndo o apoio na realización de inspeccións e a verificación do cumprimento das obrigacións; prevé a cooperación nos procedementos de notificación e publicación aos propietarios incumpridores; e establece un custo taxado para os particulares no caso de execución subsidiaria (420 €/hectárea, uns catro céntimos o metro cadrado), o que pode facilitar o cumprimento voluntario ou facer máis asumible a posterior liquidación para os propietarios». En opinión do edil socialista, «a adhesión contribuirá directamente a reducir o risco de incendios forestais nas zonas de interface urbano-forestal, incrementando a seguridade das persoas e protexendo o patrimonio e as infraestruturas do municipio». Ademais, «reforzará a cooperación e coordinación do Concello de Pontevedra coas outras administracións públicas, optimizando os recursos e esforzos dedicados á prevención e defensa contra os fogos forestais».

Só se resolven un 40% das 200 denuncias anuais vinculadas á falta de limpeza de terreos forestais próximos a vivendas

Marcos Rey indicou que, desde a data de sinatura do convenio coa Seaga, en 2019, adheríronse ao mesmo 288 dos 313 concellos galegos, «é dicir, a meirande parte deles». O concelleiro socialista precisou que o Concello de Pontevedra «ten unha media de 200 denuncias anuais vinculadas á falta de limpeza de terreos forestais próximos a vivendas, sen que se lles estea a dar a esta situación de perigo unha resposta axeitada: resólvense unicamente o 40% destas denuncias».

Para Rey, «aínda que a adhesión implica que o Concello asume determinadas obrigacións, como a identificación dos terreos afectados e o inicio dos procedementos de execución subsidiaria, os beneficios derivados do apoio técnico, económico e operativo para levar a cabo estas tarefas xustifican sobradamente a formalización da adhesión». «Pontevedra está considerado como un concello de nivel moi alto de risco de incendios -apuntou-, polo que, tendo en conta a importancia estratéxica da xestión da biomasa nas franxas de seguridade para a prevención de incendios forestais nun municipio con extensas áreas de ámbito urbano-forestal, consideramos esencial a adhesión a este convenio».

Galicia sufriu nas últimas dúas décadas máis de 120 grandes incendios forestais que arrasaron máis de 460.000 hectáreas de terreo. «Aínda temos na memoria -lembrou Rey- os fogos dos anos 2006 (96.000 hectáreas e 6 vítimas mortais), 2012 (15.367 hectáreas) e 2017 (62.000 hectáreas e 4 vítimas mortais), chegando este último a zonas urbanas como a de Vigo. A nosa comunidade, e en particular as súas zonas rurais e de interface urbano-forestal, como é o caso de Pontevedra, vense fortemente afectadas polos incendios forestais, que supoñen un grave risco tanto para as persoas e os seus bens como para as infraestruturas. A xestión da biomasa vexetal nas franxas de seguridade resulta fundamental para previr a propagación do lume e protexer os núcleos de poboación e outras zonas vulnerables».

O concelleiro do PSOE indicou que o mantemento das franxas de protección implica a limpeza de maleza e de arborado, esencialmente piñeiros, eucaliptos, mimosas e acacias, «que son as especies que están prohibidas nese contorno de 50 metros». Asemade, a Xunta pode facilitar outras árbores con capacidade natural de protección contra os incendios, como as frondosas (carballos, castiñeiros…).

«Sorprendente» abstención do PP na Comisión Informativa: «Pódelles máis non votar a favor de nada que propoña o PSOE que asinar un convenio cunha administración que eles mesmos gobernan»

En opinión de Iván Puentes, optimizar as ferramentas de prevención e defensa contra os incendios forestais «é algo que non entende de cores políticas nin de partidos», senón que «debe ser unha estratexia e un traballo compartido entre tódalas administracións». Non obstante, tralo seu paso pola Comisión Informativa de Urbanismo, a moción rexistrada polos socialistas foi aprobada cos votos favorables do PSOE e do BNG, pero coa «sorprendente abstención do PP». «Parece que a Partido Popular lle pode máis non votar a favor de nada que propoña o Partido Socialista -lamentou Puentes- que incluso asinar un convenio coa propia administración que eles gobernan en Galicia, como é a Xunta, que é quen impulsa este tipo de convenios xunto coa Fegamp. Agardemos que, de cara ao Pleno, ese voto mude e que, dado que isto non entende de cores políticas, o acordo poida aprobarse por unanimidade e Pontevedra se sume canto antes a este convenio». 

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes