O PSOE logra incluír na moción para humanizar o barrio da Parda as súas propostas para instar ao Goberno Local e á Xunta a impulsar o novo parque e as instalacións do futuro Complexo Deportivo
- Os socialistas de Pontevedra acadan apoio unánime, na Comisión de Mobilidade, a dúas emendas de adición: nunha delas plantéxase a creación de zonas verdes para aumentar o pulmón verde do barrio e na outra exhórtase á Administración autonómica a colaborar economicamente co Concello na construción do Complexo Deportivo, «achegando o 50% do custe»
Pontevedra, 12 de marzo de 2024.- O Grupo Municipal do PSOE presentou esta mañá dúas emendas de adición á proposta do PP para que se executen diversas obras de humanización no barrio da Parda. O asunto foi levado a Comisión de Mobilidade, onde a moción dos ‘populares’ resultou aprobada por unanimidade coa inclusión das emendas socialistas de Pontevedra, nas que se insta ao Goberno Local e á Xunta de Galicia a impulsar o novo parque e as instalacións do futuro Complexo Deportivo da Parda.
En concreto, no documento asinado polo portavoz socialista, Iván Puentes, e maila concelleira Paloma Castro, pedíase a incorporación dun punto no que se plantexaba a creación de «zonas verdes para aumentar o pulmón verde do barrio e, particularmente, desenvolver o novo parque e instalacións do chamado Complexo Deportivo da Parda, proxectado na parcela situada entre o Xulgados e a Estación de Ferrocarril». Ademais, nunha segunda emenda de adición, o PSOE solicitaba que a proposta do PP instase expresamente á Xunta de Galicia «a colaborar economicamente co Concello de Pontevedra, achegando o 50% do custe, na construción do Complexo Deportivo».
Tal e como sinala Puentes, «o texto definitivo que se votou esta mañá na Comisión de Mobilidade incluíu as nosas emendas de adición e recibiu o voto favorable de tódolos grupos políticos, polo que ámbalas iniciativas serán levadas tamén a Pleno para o seu debate e aprobación, xunto co resto de medidas e actuacións propostas para humanizar o barrio da Parda».
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS