Saltar al contenido

¡Síguenos!

  • Os socialistas de Pontevedra subliñan que a Lei 2/2023, que entrou en vigor en marzo do ano pasado co obxectivo de mellorar a loita contra a corrupción e as infraccións normativas, obriga ás entidades que integran a Administración Local a establecer este sistema, «coa finalidade de que as persoas traballadoras e outras persoas relacionadas profesionalmente coa entidade poidan comunicar internamente á mesma a comisión de determinadas infraccións, de tal xeito que se preserve a confidencialidade da súa identidade»
  • A proposta será levada a Pleno en forma dunha moción na que se lembra que a Lei cualifica como infracción moi grave o «incumprimento da obriga de dispor dun Sistema Interno de Información nos termos expostos» na mesma
  • Tal e como sinala o portavoz do partido, Iván Puentes, «as persoas que decidan informar de posibles infraccións ou casos de corrupción no Concello de Pontevedra non teñen garantido nestes momentos algo tan básico como o seu anonimato e, polo tanto, a súa protección ante eventuais represalias»

Pontevedra, 30 de marzo de 2024.- O Grupo Socialista de Pontevedra levará a Pleno unha moción na que insta á Xunta de Goberno Local a implantar un Sistema de Interno de Información que garanta a protección dos informantes e o fortalecemento da cultura da información/comunicación como mecanismo para previr e detectar posibles infraccións normativas, casos de corrupción e ameazas contra o interese público. A proposta do PSOE, asinada e rexistrada polo seu portavoz, Iván Puentes, e mailo concelleiro Manuel Fariña, subliña que a creación deste sistema resposta a un imperativo legal, xa que o 13 de marzo do ano pasado entrou en vigor a Lei 2/2023, reguladora da Protección das Persoas que Informen sobre Infraccións Normativas e de Loita contra Corrupción, que no seu artigo 13.1, obriga ás entidades que integran o Sector Público (Administración Xeral do Estado, administracións das comunidades autónomas, cidades con Estatuto de Autonomía e entidades da Administración Local) ao seu establecemento, «coa finalidade de que as persoas traballadoras e outras persoas relacionadas profesionalmente coa entidade poidan comunicar internamente á mesma a comisión de determinadas infraccións, de tal xeito que se preserve a confidencialidade da súa identidade».

Non obstante, a Lei 2/2023 (no seu artigo 63.1.g) cualifica como infracción moi grave o «incumprimento da obriga de dispor dun Sistema Interno de Información nos termos expostos nesta lei», unha situación na que se atopa agora mesmo o Concello capitalino. Tal e como expón Iván Puentes, «as persoas que decidan informar de posibles infraccións penais ou administrativas ou mesmo casos de corrupción no noso Concello, non teñen garantido nestes momentos algo tan básico como o seu anonimato e, polo tanto, a súa protección ante represalias».

Segundo afirma o socialista, o preámbulo da devandita Lei apunta que «a finalidade da norma é a de protexer ás persoas que nun contexto laboral ou profesional detecten infraccións penais ou administrativas graves ou moi graves e as comuniquen mediante os mecanismos regulados na mesma». «As entidades que integran a Administración Local -engade Iván Puentes- teñen a obriga de poñer en funcionamento este Sistema Interno de Información e ademais, no caso de confirmarse a verosimilitude dunha denuncia, de actuar con dilixencia e protexer ao informante ante eventuais represalias».

O PSOE agarda que a súa proposta sexa aprobada por unanimidade polo Pleno da Corporación Municipal, instando así á Xunta de Goberno Local a implantar este sistema, previa consulta coa representación legal das persoas traballadoras. En base ao artigo 5.1 da Lei 2/2023, «o órgano de Goberno de cada entidade ou organismo obrigado pola mesma será o responsable da implantación do Sistema Interno de Información» nun prazo máximo de tres meses desde a súa entrada en vigor (a data límite prevista pola disposición transitoria segunda da Lei era o 13 de xuño de 2023).