Saltar al contenido

¡Síguenos!

O PSOE garante a aprobación da terceira modificación de crédito do mandato ao aceptar agora o BNG boa parte das propostas que lles puxera sobre a mesa para apoiar as contas de 2024: «Cando hai vontade de diálogo, a gobernabilidade e o acordo son posibles»

  • Entre as propostas negociadas polos socialistas co Goberno Local inclúense a formalización da cesión ao Concello das áreas verdes entre as rúas Serra e avenida de Bos Aires para axardinalas e crear un parque infantil; a reforma integral da zona de xogos infantís e os xardíns da Praza das Regas; a renovación paisaxística de tódalas zonas verdes das rúas Luxemburgo, Irlanda, Reino Unido e Alemaña, en Monte Porreiro; o asfaltado do Camiño Vello de Pontevedra, en Bora; a conexión das vivendas pendentes en Ponte Muíños á rede de saneamento; e o financiamento dos premios do GastroLab, dunha campaña de dinamización comercial das Galerías Oliva e da adquisición dun Dragon Boat por parte do Club de Piragüismo de Verducido
  • O portavoz municipal dos socialistas, Iván Puentes, subliñou que «o PSOE é un partido fiable e confiable, que está aquí para arrimar o ombro e resolver os problemas dos veciños e veciñas de Pontevedra» e asegurou que «se houbese esta mesma vontade de diálogo e negociación, que supón a asunción de máis da metade do que se propuxo para o orzamento, desde logo teriamos estado en moita mellor disposición de aprobalo»

Pontevedra, 6 de xuño de 2024.- O Grupo Municipal do PSOE garantirá a aprobación da terceira modificación de crédito deste mandato, toda vez que o Goberno Local decidiu aceptar agora boa parte das propostas que os socialistas lles puxeran sobre a mesa como condición para apoiar as contas de 2024. O portavoz do partido, Iván Puentes, está convencido de que «se houbese esta mesma vontade de diálogo e negociación, levada con absoluta discreción e que supón a asunción de máis da metade do que o PSOE propoñía para a aprobar o orzamento (xunto con outras cuestións que xa foron incorporadas dun ou doutro xeito nestes meses), desde logo teriamos estado en moita mellor disposición de aprobalo».

«Foi absolutamente imposible -lembrou hoxe Puentes- porque non se aceptou nada do que nós propuxemos naquel momento. Cando existe vontade de acordo, diálogo e entendemento, que é o que debería haber sempre entre os dous grupos políticos que conformamos a esquerda neste Concello, a gobernabilidade e o acordo son posibles; o PSOE é un partido fiable e confiable e está aquí para arrimar o ombro e resolver os problemas dos veciños e veciñas de Pontevedra. Nesta ocasión, houbo vontade e, polo tanto, o PSOE votará a favor desta modificación de crédito no Pleno».

O éxito destas negociacións foi anunciado esta mañá polo líder socialista no transcurso dunha comparecencia que tivo lugar no Concello e na que amosou a súa satisfacción por un acordo que vai supoñer «que nesta modificación de crédito nos acheguemos a algo máis de 2,5 millóns de euros consensuados, froito das negociacións co BNG e co concelleiro de Facenda, Raimundo González Carballo». Non obstante, entre as iniciativas acordadas tamén se inclúen cuestións que «non implican un importe económico, pero que son moi importantes, como a aceptación e formalización da cesión ao Concello por parte da Xunta das áreas verdes entre as vivendas situadas entre a rúa Serra e a avenida de Bos Aires (de propiedade autonómica)» para incorporalas ao patrimonio municipal e, a partir de aí, acometer a construción do parque infantil e o axardinamento que o propio Puentes impulsou como concelleiro de Desenvolvemento Sostible. «Unha vez formalizada a cesión -explicou- incorporarase unha partida duns 250.000 euros, ben na seguinte modificación de crédito, ben no vindeiro orzamento, para poder axardinar a zona, construír o parque infantil e facer realidade ese proxecto demandado polos veciños».

Segundo apuntou Iván Puentes, o Goberno Local aceptou incorporar 145.000 euros para realizar a reforma integral da zona verde e o parque infantil da Praza das Regas (no Leste da cidade), «unha actuación que quedaba prevista do anterior mandato, que tivo unha certa polémica entre os dous grupos políticos arredor da súa execución cando se fixo o parque canino e que agora acordamos rematar». Ademais, os socialistas acadaron unha achega de 300.000 euros para acometer a reforma paisaxística de tódalas zonas axardinadas entre as rúas Luxemburgo, Irlanda, Reino Unido e Alemaña, en pleno corazón do barrio de Monte Porreiro, «que con isto vai ver notablemente mellorado o seu equipamento verde e as súas áreas de esparexemento».

Dentro da aposta por incrementar os cartos destinados ao arranxo e mantemento de vías rurais e a estender a dotación dos servizos por tódolos barrios e parroquias, as negociacións co Goberno Local farán posible que se destinen 50.000 euros ao asfaltado do Camiño Vello de Pontevedra, na parroquia de Bora, e unha partida de 100.000 euros á conexión da nova rede de saneamento das vivendas pendentes en Ponte Muíños. Tal e como subliñou o portavoz do PSOE, «trátase dunha demanda veciñal que foi levada a Pleno e aprobada, e que consiste en que, sobre todo as vivendas da parte baixa de Ponte Muíños (as máis próximas á estrada vella de Marín), que padecen constantes inundacións por augas fecais cando hai choivas de certa intensidade, se poidan conectar á rede unha vez que Viaqua remate o proxecto».

Entre as propostas incluídas nesta modificación a petición expresa dos socialistas tamén se contemplan sendas achegas de 18.000 euros para o financiamento dos premios dos proxectos de hostalería que resultaron gañadores da aceleradora gastronómica GastroLab (impulsada por Yoya Blanco como concelleira de Promoción Económica) e dunha campaña de dinamización solicitada polos comerciantes das Galerías Oliva, «afectados e mobilizados nos últimos tempos, xa non só polo peche do paso cara á rúa Gutiérrez Mellado, senón tamén polo problema existente na Praza da Ferrería en relación ao consumo de drogas e alcol na rúa». Por outra banda, o PSOE acordou que se orienten 6.000 euros ao Club de Piragüismo de Verducido para a adquisición dun Dragon Boat, unha embarcación empregada na súa rehabilitación por mulleres que son pacientes de cancro de mama.

Sintonía coas propostas do PSOE para financiar o Río Verbena Fest, duplicar as axudas aos clubs deportivos, planificar os montes, mellorar o mantemento dos colexios e renaturalizar o río dos Gafos… A rede de aseos inclusivos queda para a seguinte modificación

Iván Puentes afirmou que, á marxe destas achegas que o PSOE solicitou expresamente, o apoio a esta modificación de crédito tamén se sustenta na sintonía que houbo co BNG «noutras cuestións que xa foran propostas polo Partido Socialista e nas que había acordo previo froito de negociacións anteriores». Inclúense aí 125.000 euros para a celebración do festival Río Verbena Fest deste 2024, «consolidando un dos festivais de referencia da nosa cidade»; en torno a 700.000 euros de fondos propios para aportar aos investimentos procedentes de Europa, fundamentalmente ao Interreg e os Edusi que aínda quedan por executar; 600.000 euros para duplicar as axudas do Concello aos clubs deportivos de Pontevedra «e vencer dunha vez por todas ese ano de atraso que arrastran»; 50.000 euros para elaborar os plans de ordenación das comunidades de Montes e poder ter en mellores condicións a planificación presente e futura do chan en man común; e 80.000 euros destinados a incrementar a partida de mantemento dos colexios públicos.

«A isto -aclarou- habería que sumar uns 140.000 euros que non van incorporados á modificación de crédito (porque se fará posteriormente vía xeración de crédito sen necesidade de pasar polo Pleno), pero que están acordados nesta negociación, e que permitirían facer dunha vez realidade a obra de renaturalización e apertura do río dos Gafos en Campolongo. En total, falamos duns dous millóns de euros que, incorporados á cifra que antes comentaba, sumarían eses máis de 2,5 millóns de euros acordados entre o PSOE e o BNG».

Puentes matizou que houbo algunhas propostas plantexadas polo PSOE que quedaron fóra desta modificación, como «a incorporación de 240.000 euros para instalar xa os primeiros catro aseos inclusivos nas rúas de Pontevedra (unha rede moi demandada por diversas entidades sociais da cidade), que suporía comezar a executar a moción socialista aprobada no Pleno», pero «neste caso negociamos deixar isto para a seguinte modificación de crédito, na medida en que a concelleira responsable está dando os primeiros pasos, coa adaptación dos baños dos edificios públicos municipais». «Unha vez que vexamos como queda iso, nun segundo paso, negociaremos esta instalación de aseos inclusivos nas rúas da cidade, seguindo aquela experiencia piloto que realizamos en Campolongo», precisou.

Un novo reparto de áreas

O portavoz do PSOE tamén aproveitou a súa comparecencia para dar conta da reorganización e o novo reparto de responsabilidades que se produciu no seo do Grupo Municipal coa saída de Paloma Castro (centrada na súa tarefa de parlamentaria) e a incorporación de Carmen Hermo como concelleira. Así, segundo indicou, el mesmo, ademais de continuar como portavoz e de efectuar un seguimento e supervisión das diferentes áreas, encargarase especificamente dos ámbitos de Facenda, Contratación, Urbanismo, Medio Ambiente, Obras, Mobilidade e Transparencia; Yoya Blanco asumirá á área de Igualdade (que antes tiña Paloma Castro) e manterá as de Promoción Económica, Turismo, Emprego, Grandes Eventos, Mercados e Consumo; Manuel Fariña deixará os labores na área de Cultura en mans de Carmen Hermo e asumirá as de Deportes (que antes levaba Yoya Blanco), Educación e Réxime Interior; Marcos Rey sumaría Benestar Social (antes en mans de Castro) a Benestar Animal e Medio Rural; e recén incorporada Carmen Hermo farase cargo das áreas de Cultura, Festas, Patrimonio Artístico e Etnográfico, Universidade e Normalización Lingüística.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes