Saltar al contenido

¡Síguenos!

O PSOE esíxelle ao Goberno Local que rectifique «o absurdo e cutre paso de Shibuya» pintado no Campo da Torre e execute as obras de humanización comprometidas en San Roque

  • O portavoz socialista, Iván Puentes, denuncia «o cabreo e perplexidade da veciñanza do barrio» ante un paso de peóns «que cruza de ningún sitio a ningún sitio e só serve para eliminar algunhas prazas de estacionamento»
  • Para o concelleiro Manuel Fariña, esta «incomprensible chapuza só pon de manifesto a desidia, a deixadez e os agravios comparativos sistemáticos que padecen os veciños e veciñas de San Roque por parte do BNG»
  • «Agardamos que rectifiquen -afirma Puentes-, que falen cos veciños e que cumpran o que todos acordamos e votamos no Pleno do Concello: pedir a declaración de todo este contorno como Área de Rehabilitación Integral (ARI) e humanizar de verdade o barrio de San Roque, integrándoo plenamente na cidade»

Pontevedra, 28 de marzo de 2025.- O portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, impulsou no anterior mandato un proxecto que permitiu renovar, humanizar e ampliar a zona verde e área de xogos e lecer do Campo da Torre, dotándoa dun espectacular parque con estruturas de madeira. Despois de que o concelleiro Demetrio Gómez anunciara hai un par de anos a intención do Goberno Local de humanizar todo o ámbito das rúas Almirante Matos, O Cruceiro, Monteleón e Fonte do Corvo, os veciños e veciñas de San Roque agardaban con anhelo que o BNG executase esta reforma e acabase con anos e anos de abandono deste barrio… Para a sorpresa e monumental enfado de moitos deles, os nacionalistas decidiron, de xeito absolutamente unilateral, pintar un enorme e chamativo paso de peóns, unha sorte de versión cutre do emblemático cruce de Shibuya, en Tokio.

En opinión de Iván Puentes, «o que onte se fixo no Campo da Torre é simplemente unha chapuza, un paso de peóns que cruza de ningún sitio a ningún sitio e unicamente serviu para eliminar algunhas prazas de estacionamento, sen dar resposta ao que de verdade necesita San Roque». «Agardamos que rectifiquen -afirma Puentes-, que falen cos veciños e que cumpran o que todos acordamos e votamos hai uns meses no Pleno do Concello: pedir a declaración de todo este contorno como Área de Rehabilitación Integral (ARI) e humanizar de verdade o barrio de San Roque, integrándoo plenamente na cidade».

Tal e como sostén o líder do PSOE, «Pontevedra foi durante moitos anos referente en urbanismo e mobilidade para outras cidades, pero esta versión absurda e cutre do cruce de Shibuya que se se pintou no Campo da Torre non ten xustificación, é unha verdadeira chafallada». «O cabreo e perplexidade da veciñanza do barrio está totalmente xustificado -subliña- e, para a súa desgraza, San Roque convértese nun exemplo paradigmático dalgo que o propio alcalde admitiu: cando o PSOE goberna as cousas fanse mellor. Os socialistas renovamos todo o parque e a zona de xogos e lecer do Campo da Torre e este BNG, en 26 anos, o único que fixo foi pintar un paso de peóns absurdo».

Indignación veciñal: «Isto parece de chiste»

A indignación da veciñanza foille trasladada ao concelleiro socialista Manuel Fariña cando o polémico paso peonil ando estaba en pleno proceso de pintado. Para Fariña, esta «incomprensible chapuza só pon de manifesto a desidia, a deixadez e os agravios comparativos sistemáticos que padecen os veciños e veciñas de San Roque por parte do BNG».

Segundo lle transmitiron, «á marxe de que haxa diversos pasos peonís pegados a poucos metros, o que acaban de pintar dá a un muro, non vai a ningures, carece de sentido». «Todos intuímos, ou máis ben, temos clarísimo, que esta actuación só resposta a unha directriz política de ir eliminando prazas de estacionamento de xeito progresivo. Pouco a pouco, en menos dun ano -denuncia Manuel Fariña- desapareceron entre 10 e 15 prazas neste contorno».

Algúns veciños amosaban onte o seu cabreo e estupefacción asegurando que «isto parece un chiste», e mesmo comezaban a estudar xa accións como unha recollida de sinaturas. Están convencidos de que, lonxe de reducir a circulación de vehículos, esta inusitada densidade de pasos de peóns, «o único que reduce son as prazas para estacionar».

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes