Saltar al contenido

¡Síguenos!

O PSOE de Pontevedra planta cara ao «negocio privado paralelo» que a Xunta quere implantar co estacionamento do novo Hospital Montecelo e esixe «un aparcadoiro con prazas totalmente públicas e gratuítas»

  • No marco dunha comparecencia con alcaldes e voceiros socialistas de concellos da Área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés, a parlamentaria Paloma Castro subliña a importancia de que a cidadanía asista este domingo 6 de abril á manifestación convocada en Santiago pola plataforma SOS Sanidade Pública
  • O portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, avanza que o seu partido defenderá no vindeiro Pleno do Concello de Pontevedra unha moción na que, ademais de solicitarlle a Rueda un número de prazas públicas que dea resposta á crecente demanda do novo Hospital, tamén se insta ao Goberno Local a tomar cartas e promover alternativas de aparcamento gratuíto: «Os traballadores non teñen por que pagar durante a súa xornada laboral e os doentes e os seus familiares non van a Montecelo por gusto. É moi inxusto condenalos a taxas absolutamente abusivas»
  • Para o secretario provincial do PSdeG, David Regades, «Rueda e o PP teñen un problema de concepto, xa que non entenden o que é un servizo público: un servizo non pode considerarse 100% público se non se garante un transporte público para tódolos veciños e veciñas da Área Sanitaria e o acceso a estacionamento gratuíto»

Pontevedra, 2 de abril de 2025.- O PSOE de Pontevedra non está disposto a permitir que o ‘popular’ Alfonso Rueda implante un «negocio privado paralelo» no Hospital Montecelo, ao converter en prazas de pagamento 900 das 1.200 prazas proxectadas na construción do novo aparcadoiro. Os socialistas volven esixirlle á Xunta a gratuidade de tódolos espazos de estacionamento previstos para dar servizo aos seus usuarios unha vez que estean rematadas as obras do complexo hospitalario, unha demanda que se trasladará agora do Pleno da Deputación ao do Concello capitalino a través dunha moción na que tamén se insta ao Goberno Local a tomar cartas e promover alternativas de aparcamento gratuíto.

As reivindicacións foron expresadas esta mañá no marco dunha comparecencia que tivo lugar ás portas do Hospital Montecelo e na que o portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes; a deputada socialista Paloma Castro, e o secretario provincial do partido, David Regades, estiveron acompañados por alcaldes e voceiros do PSdeG nos concellos que forman parte da Área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés.

Tal e como avanzou Iván Puentes, o seu Grupo levará á vindeira sesión plenaria «unha moción que pedirá o que, basicamente, a plataforma SOS Sanidade Pública, os colectivos profesionais e sanitarios, e coido que a inmensa maioría da cidadanía de Pontevedra e da súa comarca, están a reclamar nestes momentos». En primeiro lugar, que o novo Hospital Montecelo estea dotado do número suficiente de prazas de aparcadoiro «para poder atender á crecente demanda que vai ter este centro hospitalario, e que a día de hoxe son claramente insuficientes»; e que esas prazas estean ubicadas nun parking público gratuíto. «Pensando esencialmente en dous colectivos: os traballadores do Hospital non teñen por que pagar durante as horas de estacionamento nas que exercen a súa xornada laboral; e os doentes e os familiares dos doentes, que non están en Montecelo por gusto, senón por obriga, e para os que é moi inxusto condenalos a pagar unhas taxas que, como se pode ver noutras zonas sanitarias de Galicia, son absolutamente abusivas», asegurou Puentes.

Non obstante, dada a «impermeabilidade da Xunta e de Alfonso Rueda á hora de atender as demandas da cidadanía», a moción socialista contempla a hipótese de que a petición non sexa escoitada e, por iso, pretende botar man de «bos exemplos como o que temos na nosa provincia, como é o caso do Concello de Vigo», solicitándolle ao grupo de Goberno Local que «no caso en que a Xunta siga teimando en construír un estacionamento privado, de pago e a prezos abusivos, busque fórmulas para habilitar desde a iniciativa municipal prazas de aparcamento gratuítas no contorno de Montecelo».

Todo isto (como se recollerá na moción), deberá completarse mediante o reforzo dunha liña de transporte público en autobús, que neste momento é claramente deficitaria, para optimizar a conectividade da cidade do conxunto da Área Sanitaria con Montecelo.

Unha iniciativa que xa foi levada a Pleno en 2018: PP e BNG votaron en contra

Iván Puentes indicou que os socialistas de Pontevedra xa levaron en 2018 ao Pleno da Corporación unha iniciativa moi semellante, esixindo prazas de aparcamento públicas e gratuítas en Montecelo, «porque xa viamos o que a Xunta estaba a facer en Vigo no Álvaro Cunqueiro e o que ía acontecer en Montecelo». «Daquela -narrou- non tivemos sorte no Pleno, porque o PP e o BNG non apoiaron a moción do PSOE. Agardamos que nesta ocasión sexa diferente e, particularmente, que o BNG sexa coherente con esa defensa que di ter dos servizos e sanidade públicos».

Puentes tamén denunciou a situación de colapso sanitario que, ao igual que acontece noutros puntos de Galicia, padecen os centros de saúde de Pontevedra, en particular «o de maior demanda, que é o Virxe Peregrina». Asemade, alertou da «ameaza permanente de desmantelamento do Hospital Provincial como centro sanitario por parte da Xunta», reclamando «unha vez máis que, unha vez que entre en servizo o novo Montecelo, o Provincial siga mantendo o seu uso socio sanitario para implantar, fundamentalmente, servizos de atención a pacientes crónicos, que agora mesmo non existen na nosa cidade».

Segundo lembrou Paloma Castro, «aínda que no Plan Funcional de 2017 a Xunta prevía a creación de 1.400 prazas de estacionamento, non se especificaba o modelo de xestión e xa podiamos intuír que o obxectivo era facelas de carácter privado, e así foi». Castro sinalou que «finalmente non foron 1.400, senón 1.200, das que 900, a grande maioría, se reservarían á xestión privada». 

«Nós insistimos -subliñou a parlamentaria- na necesidade dun aparcadoiro público gratuíto para os usuarios deste Gran Montecelo, xa que facilita un servizo accesorio e sanitario de calidade, sobre todo para aqueles doentes que están sometidos a tratamentos prolongados e que terían que pagar un extra por recibilos. Por iso, a diferentes niveis, tanto no Parlamento como nos diferentes concellos afectados ou na Deputación, estamos a presentar iniciativas nas que tamén solicitamos a ampliación de prazas e un plan de mobilidade que facilite un transporte público axeitado aos veciños e veciñas dos distintos concellos da Área Sanitaria que deban desprazarse ata Montecelo».

Castro: «Coa primeira media hora gratuíta non dá nin para chegar ao servizo; e un prezo dun euro por hora resulta inasumible»

Paloma Castro criticou as constantes escusas dun Alfonso Rueda que «primeiro falou de prezos asequibles, un concepto que non é precisamente obxectivo e depende de quen o empregue; despois dixo que non nos preocupáramos, que non terán as mesmas tarifas que os aparcadoiros do centro da cidade, aínda teremos que darlle as grazas; e por último, afirmou que ían ser semellantes ás do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, coa primeira media hora gratuíta: todos os que vimos a Montecelo sabemos que media hora non dá nin para chegar ao correspondente servizo». «Despois o prezo incrementaríase até un euro a hora, o que moitas veces resulta inasumible», precisou.

Neste contexto, a deputada do PSdeG subliñou a importancia de que a cidadanía asista á manifestación convocada en Santiago pola plataforma SOS Sanidade Pública para este domingo 6 de abril co obxectivo de reclamar un maior investimento público no noso sistema sanitario, a mellora da Atención Primaria ou a implantación urxente dun Plan de Saúde Mental.

Regades: «Xa o padecemos en Vigo, onde ao final tiveron que ser o alcalde e o Concello os que buscaran unha solución»

En opinión de David Regades, «o PP e o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, teñen un problema de concepto: non entenden o que é un servizo público e aquí, a competencia do servizo público de sanidade e do de transporte é exclusiva da Xunta». «Esixímoslle á Xunta, ao señor Rueda e ao PP, dúas cuestións que para nós son fundamentais. Queremos unha rede de transporte público de calidade, xa que nestes momentos tanto os pacientes como as persoas que veñen visitar aos enfermos -lamentou o secretario provincial do PSdeG- teñen que desprazarse maioritariamente en transporte privado, e nun país, nunha rexión, que aspira a ser sostible, ecolóxica e innovadora, os pacientes e as persoas que veñen visitalos deben ter a garantía de facelo en transporte público. Hoxe, isto non é posible pola deixazón e pola pouca crenza de Rueda e da Xunta nos servizos públicos. Para nós tamén é esencial que se garanta o estacionamento a tódolos veciños e veciñas que se dirixan a este hospital, sexa como pacientes, visitadores ou traballadores».

Para Regades, «un servizo non pode ser 100% público se non se garante o acceso e a accesibilidade a ese servizo e, a día de hoxe, neste proxecto de Montecelo non se garante o estacionamento gratuíto». «E podémolo dicir -engadiu- coa experiencia que xa padecemos en Vigo, onde ao final tiveron que ser o alcalde e o Concello os que buscaran unha solución. Montecelo debe ser un hospital de referencia e un hospital público e accesible para tódolos veciños e veciñas desta Área».

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes