Saltar al contenido

¡Síguenos!

O PSOE de Pontevedra clama contra a decisión da Xunta de converter a xestión da Residencia de Maiores da Eiriña «nun negocio lucrativo»

  • Os socialistas censuran que, ao contrario do que aconteceu nas adxudicacións dos centros de Lugo e Santiago, nos que só puideron participar entidades sen ánimo de lucro, «a licitación da residencia construída pola Fundación Amancio Ortega permita poñer en mans dos intereses de empresas privadas o coidado das persoas maiores»
  • O portavoz municipal do PSdeG, Iván Puentes, e a parlamentaria Paloma Castro rexeitan «un modelo de xestión privada que amosou a súa versión máis macabra durante a pandemia do Covid-19» e que «deshumaniza os coidados, prioriza a produtividade sobre o trato humano e afecta á autonomía e a dignidade dos residentes»

Pontevedra, venres 16 de maio de 2025.- O PSdeG vén de solicitarlle ao Goberno da Xunta en comisión parlamentaria que reverta o proceso de licitación para adxudicar a xestión da nova residencia de maiores financiada e construída pola Fundación Amancio Ortega no barrio pontevedrés da Eiriña. Esta demanda, promovida pola deputada Paloma Castro, pretende frear a «indecente e inaceptable decisión» da Xunta de abrir o procedemento de adxudicación do contrato non só a entidades sen ánimo de lucro (como aconteceu cos centros xa adxudicados en Lugo e Santiago), senón tamén á participación de empresas privadas.

Unha decisión que, como denuncian os socialistas de Pontevedra, motivou un esperable e notable incremento do abano de candidatos «interesados no goloso caramelo da asistencia aos maiores (as cifras publicadas falan de 12 empresas presentadas, a meirande parte delas con ánimo de lucro)». «Non logramos entender -asegura Paloma Castro- as características dun contrato de servizos que ascende a 6,3 millóns de euros e que, alén de externalizar a xestión ou apostar unicamente por entidades sen ánimo de lucro, decide abrirse a empresas privadas, nun intento de converter a xestión da Residencia de Maiores da Eiriña nun negocio lucrativo».

Tal e como subliña Castro, «a vellez non pode ser un mercado, as residencias de maiores non poden converterse en liñas de produción e as persoas maiores tratarse como contas de custes e ingresos». «O PP de Rueda non aprende ou non quere aprender e segue a defender un modelo privado que, como todos puidemos comprobar, deshumaniza os coidados, prioriza a produtividade sobre o trato humano e afecta á autonomía e a dignidade dos residentes», critica a parlamentaria do PSOE.

Unha ‘filosofía’ de xestión que resulta «aínda máis impúdica se temos en conta», como lembra o portavoz municipal dos socialistas, Iván Puentes, «que a Xunta dispón de 120 prazas para maiores sen ter que facer absolutamente nada», xa que «o Concello cede, Amancio Ortega constrúe e a xestión recaerá nun terceiro». «Déronlle todo feito -sinala Puentes- e agora resulta que a Xunta aposta por un modelo de xestión que, como a historia sempre nos demostrou, non é válido, e que amosou a súa versión máis macabra durante a pandemia do Covid-19».

Segundo sostén Iván Puentes, «só fai falla observar os millonarios beneficios da empresa Domus VI na última década (a que máis prazas xestiona no noso territorio, entre privadas e subvencionadas) para percatarse do modelo ao que queren conducir a Residencia da Eiriña». 

Un modelo de xestión mixto: pública, con externalización selectiva

Paloma Castro constata que en Galicia hai nestes momentos 3 prazas dispoñibles por cada 100 persoas maiores de 65 anos, o que sitúa á nosa comunidade nas ratios máis baixas de España: «Para equipararnos coa media estatal, Galicia precisaría preto de 8.000 prazas máis das existentes en residencias». Ademais, entende a deputada, «precisamos outro modelo que se adapte ás singularidades do territorio e que garanta o dereito das persoas maiores usuarias a recibir uns servizos de atención residencial de calidade».

Neste sentido, Puentes e Castro esixen que se estableza para a residencia da Eiriña «un modelo mixto de xestión, porque este é o modelo realista que defendemos os socialistas». «Un modelo -salientan- baseado na xestión directa pública dos servizos esenciais, coa externalización selectiva dalgúns servizos auxiliares, garantindo así a calidade, eficiencia e sostibilidade económica».

O obxectivo é, como apunta Paloma Castro, «preservar o interese público como foco central de atención, evitando que as decisións sexan determinadas por criterios de rendibilidade económica, e que os recursos se reinvistan directamente na mellora do servizo, en lugar de ser utilizados para xerar beneficios corporativos».

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes