O PSOE de Pontevedra amosa a súa indignación ante «a irresponsable decisión política do PP» de votar contra o decreto do Goberno: «Estanlle a dar unha labazada á cidadanía pontevedresa»
- O portavoz municipal do partido, Iván Puentes, denuncia que a nefasta decisión dos cargos públicos do PP, «que tamén son de Pontevedra,» afecte «a 16.000 pensionistas pontevedreses que verán como a súa pensión baixa en febreiro», aos 60.000 usuarios mensuais das liñas de transporte público ou a case 90.000 persoas de menos de 34 anos que queren acceder a unha vivenda
- A deputada socialista Marica Adrio considera que os ‘populares’ votaron «en contra da cidadanía, do escudo social da xente, de mellorar a vida das persoas e de medidas como as axudas aos afectados pola Dana»
Pontevedra, 27 de xaneiro de 2025.- O PSOE de Pontevedra amosou esta mañá a súa indignación ante «a decisión política irresponsable» adoptada polo PP, ao votar, xunto con Vox e Junts, en contra do decreto co que o Goberno de Pedro Sánchez pretendía revalorizar as pensións e o Salario Mínimo Interprofesional (SMI) e garantir os descontos no transporte público, as axudas aos afectados pola Dana de outubro e o programa para compra e alugueiro de vivenda. Nunha declaración conxunta do seu portavoz municipal, Iván Puentes, e da deputada no Congreso Marica Adrio, na que estiveron acompañados da parlamentaria Paloma Castro e maila concelleira Yoya Blanco, os socialistas denunciaron que esta decisión dos cargos públicos do PP, «que tamén son de Pontevedra», tivo «damnificados directos nesta cidade». «Quérenlle dar unha labazada a Pedro Sánchez -sosteñen-, dándolle unha labazada a tódolos pontevedreses e pontevedresas».
Tal e como subliñou Iván Puentes, «as decisións políticas teñen consecuencias e as decisións políticas irresponsables, como a do PP con Junts e con Vox, derogando a pasada semana no Congreso o real decreto impulsado polo Goberno, teñen damnificados en Pontevedra». Segundo afirmou, «hoxe temos na nosa cidade 16.000 pensionistas que non só non van cobrar máis ou ver como se revaloriza a súa pensión, senón que no mes de febreiro van ver como a súa pensión baixa, como cobran menos cartos dos que estaban a cobrar ata agora».
Asemade, o portavoz do PSOE lembrou que «hai 60.000 usuarios mensuais das liñas de transporte público municipal que van ver como sube o seu billete e como teñen que pagar máis cada día por viaxar, ao igual que o millón e medio de persoas que pasa cada ano pola estación de trens de Pontevedra». «E temos case 90.000 persoas menores de 34 anos que, cando queiran acceder a unha vivenda digna a un prezo asequible, terano incluso máis complicado do que xa o é a día de hoxe -sinalou-, porque tamén o PP, Junts e Vox decidiron non aprobar esas axudas directas ao alugueiro e á compra de vivenda para persoas novas, que son as que máis sofren estes elevados prezos polo seu menor poder adquisitivo».
Iván Puentes afirmou que «o PP non é un ente que vive no Congreso dos Deputados, senón que tamén ten representación en Pontevedra a través duns cargos públicos; e eses cargos públicos do PP quixeron darlle unha labazada ao presidente Pedro Sánchez e ao Goberno de España e facer un cálculo electoral para arrapañar unha serie de votos… Dándolle realmente unha labazada de verdade á meirande parte da cidadanía pontevedresa, que é en definitiva quen vai pagar as consecuencias desa decisión nefasta, irresponsable e fóra de toda lóxica do Partido Popular».
Adrio: «Aos deputados do PP non lles importan nin Galicia, nin Pontevedra»
Nesta mesma liña, amosou a súa indignación a deputada do PSOE no Congreso Marica Adrio, quen considera que «o pasado mércores o PP votou en contra da cidadanía, do escudo social da xente, de mellorar a vida das persoas e de medidas como as axudas para os afectados pola Dana».
Adrio pregúntalles aos deputados e deputadas do PP de Pontevedra «por que votaron en contra da suba das pensións, que afecta directamente a uns 230.000 pensionistas da nosa provincia». «As contributivas deberían subir nun 2,8%, uns 41 euros ao mes -salientou-, mentres que os que perciben non contributivas e aquelas pensións máis baixas de orfandade ou viuvez tiñan incrementos previstos entre un 6 e un 9%».
Asemade, Marica Adrio criticou que os ‘populares’ votaran en contra e lles dixeran «non» aos 170.000 traballadores e traballadoras da provincia perceptores do SMI, aos que este «non se lles incrementará a partir de febreiro nun 6%, o que supón que non percibirán o salario de 1.134 euros mensuais brutos en 14 pagas».
«Tamén dixeron que non a mellorar o parque vivenda en alugueiro social; non ao bono social eléctrico para as familias vulnerables; non ao bono de transportes, prexudicando a unhas 60.000 persoas que se benefician de bonos semestrais de Renfe nesta provincia e aos milleiros de usuarios de autobús urbano e interurbano coa bonificación do 25%; non a que milleiros de autónomos pontevedreses melloren a súa fiscalidade; non á que a Xunta ingrese máis de 700 millóns de euros de axudas a conta que afectan á Sanidade, á Educación e á Dependencia; non a garantir o financiamento para exportacións e investimentos externos de empresas españolas; e non a elevar a 22.000 euros anuais o límite da exención do IRPF», explicou Adrio.
A tenor desta actitude de chantaxe e secuestro dos avances e escudos sociais, a socialista ten moi claro que «aos deputados do PP non lles importan nin España, nin Galicia, nin Pontevedra».
Palabra clave
También te puede interesar...
RRSS