Saltar al contenido

¡Síguenos!

O PSOE considera «unha auténtica tomadura de pelo» que o Goberno Local «continúe obstruíndo» a aprobación da proposta para trasladar a feira ambulante á Alameda un ano despois do seu rexistro

  • A concelleira Yoya Blanco, que expresou o seu malestar na pasada sesión plenaria a través dun rogo, cualifica de «pouco ético e nada democrático» que unha administración «dilate durante meses e meses a emisión duns informes que deberían estar máis que despachados en cuestión de semanas»
  • «Estas dilacións eternas supoñen unha falta de respecto cara ao colectivo de feirantes, cara aos outros partidos e cara ao normal funcionamento do órgano que ostenta a máxima representación política dos cidadáns no Goberno Municipal. Tería que ser unha persoa moitísimo máis inxenua para non intuír malas artes e unha evidente vontade de bloqueo», asegura Blanco

Pontevedra, 25 de setembro de 2024.- O Grupo Municipal do PSOE rexistrou en agosto de 2023 unha proposición normativa para modificar a actual Ordenanza de Venda Ambulante e converter o parque da Alameda en ubicación definitiva do mercadillo. Máis dun ano despois, a proposta segue bloqueada nos despachos de xeito indefinido á espera de que se elaboren os informes preceptivos (Patrimonio, Promoción Económica, Policía Local, Secretaría). Uns informes sobre os que, a pesar de teren solicitado os socialistas acceso e información aos mesmos por activa e por pasiva, existe unha total opacidade e non hai unha soa noticia nin previsión.

A derradeira ocasión na que o Grupo Socialista expresou o seu malestar ante esta situación foi na sesión plenaria celebrada este pasado luns. Fíxoo a través dun rogo que a concelleira Yoya Blanco (artífice da exitoso traslado da feira ambulante á Alameda no anterior mandato) lle realizou á nacionalista Anabel Gulías: «Como se fixeron tantas preguntas sobre este asunto, xa llo rogo… Por favor, que se ditamine canto antes e se traslade ao Pleno a proposición normativa para modificar a Ordenanza de Venda Ambulante. Cónstame que hai algúns informes xa feitos, pero non sabemos nada deles nin como están. Estou xa a pedir, a rogar, todo, incluídos os informes».

Blanco considera «unha auténtica tomadura de pelo ao colectivo de feirantes, aos outros grupos políticos e á maioría dos pontevedreses, que queren que o mercadillo regrese ao centro, que o Goberno Local continúe obstruíndo o traslado definitivo á Alameda». A concelleira socialista cualifica de «pouco ético e nada democrático» que unha administración pública «dilate durante meses e meses a emisión duns informes que deberían estar máis que despachados en cuestión de semanas».

«Estas dilacións eternas -sostén Blanco- supoñen unha falta de respecto cara aos outros partidos e cara ao normal funcionamento do órgano que ostenta a máxima representación política dos cidadáns no Goberno Municipal. Tería que ser unha persoa moitísimo máis inxenua para non intuír malas artes e unha evidente vontade de bloqueo por parte do BNG».

A proposición normativa impulsada polo PSOE, que contaría cos votos favorables do PP, plantexa unha nova redacción da Ordenanza que permita establecer a Alameda como ubicación definitiva da feira ambulante dos sábados (que actualmente acolle o Paseo de Rafael Areses, nas inmediacións do Pazo da Cultura). O traslado da feira ao centro da cidade (onde se celebra na meirande parte das vilas galegas) impulsado polo Partido Socialista no anterior mandato respondeu non só a unha solicitude histórica dos vendedores, senón a unha demanda da maioría da cidadanía e das asociacións empresariais, polo que significa de revitalización da economía, do pequeno comercio e da hostalería nas zonas onde se ubican os mercadillos.

Tal e como subliña Yoya Blanco, «durante as fins de semana nas que o mercadillo tivo lugar na Alameda (o primeiro ensaio levouse a cabo o sábado 22 de abril), o éxito foi rotundo, tanto a nivel de vendas como de asistencia de público, atraendo nova clientela e xerando sinerxías con todo o comercio o a hostalería do contorno». Para Blanco, «resulta inxustificable que, despois de sacar da manga insultantes informes e estudos ‘á carta’ (eses si, en cuestión dun par de días) que auguraban problemas de tráfico na Alameda e que pretendían disfrazar de decisión técnica o estrepitoso fracaso que se produxo co traslado provisional á avenida de Bos Aires…, agora, sen embargo, estes informes demoren máis que unha tese doutoral». 

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes