Saltar al contenido

¡Síguenos!

O PSOE alerta dos «preocupantes focos de insalubridade» xerados no treito do Gafos que discorre por Rosalía de Castro: os túneles existentes baixo a ponte acumulan montañas de lixo e entullos

  • Iván Puentes urxe a execución do proxecto impulsado polos socialistas nos orzamentos de 2025 para a restauración ecolóxica do tramo que transcorre ata a desembocadura e reclama que, no marco desta actuación, «se lle poida dar unha solución definitiva a estes vertedoiros incontrolados, tal e como nos solicitaron os veciños e veciñas»

Pontevedra, martes 5 de agosto de 2025.- Colchóns, cartóns de viño, bolsas, bolsas, botellas de plástico, entullos, pezas de electrodomésticos… As montañas de lixo acumuladas nos túneles existentes baixo a ponte da rúa Rosalía de Castro, que se empregaban no seu día como galerías para facilitar o mantemento e os servizos neste último treito do Gafos, convertéronse en «preocupantes focos de insalubridade» para a veciñanza que sae a pasear pola senda a carón do río.

Unha lamentable situación da que xa vén alertando desde hai un tempo o Grupo Municipal do PSOE e que os veciños e veciñas do ámbito da Tablada e de Rosalía de Castro lle trasladaron ao seu portavoz, Iván Puentes, en reunións mantidas sobre o terreo. Ademais de exhortar ao Goberno Local «a desenvolver canto antes un zafarrancho de limpeza profunda destes túneles e do seu contorno», Puentes urxe ao alcalde «a cumprir co pactado para a aprobación dos orzamentos de 2025 e, polo tanto, a executar de xeito perentorio o proxecto que os socialistas impulsamos (cunha partida concreta de 50.000 euros) para a recuperación e restauración ecolóxica do río dos Gafos, no treito comprendido entre Rosalía de Castro e a súa desembocadura nas Corbaceiras».

Tal e como lembra, á marxe dos 2,3 millóns de euros de fondos europeos acadados para facer realidade a liberación do Gafos no barrio de Campolongo, «o Grupo Socialista puxo o primeiro chanzo deste ambicioso proxecto verde coa inauguración das obras que permitiron destapar, osixenar e renaturalizar o leito do río na zona da Tablada, xerando unhas novas bancadas e zonas de paseo e lecer axardinadas e substituíndo a vella ponte de formigón que conectaba con Rosalía de Castro por unha pasarela voada». Na súa opinión, «a actuación pactada nos orzamentos de 2025 para recuperar ambientalmente o último treito do río (na zona da Ponte Nova, entre Rosalía de Castro e a ría de Pontevedra) é unha excelente oportunidade para que lle poidamos dar unha solución definitiva a estes focos de lixo e insalubridade».

Segundo explica Iván Puentes, a xeración destes vertedoiros incontrolados e a necesidade de intervir neste ámbito do Gafos é unha preocupación que os propios veciños e veciñas lle veñen demandando de xeito recorrente. A cuestión tamén foi plantexada polos concelleiros socialistas na Comisión de Mobilidade, preguntándolle ao edil nacionalista César Mosquera se está planificada algunha acción específica no marco do proxecto de renaturalización do Gafos para eliminalos, sen que polo momento se obtivese ningunha resposta concreta ao respecto.

Comparte esta noticia Twitter Facebook
Copiar Link
Email Imprimir

RRSS

Visítanos en nuestras redes